A vicepresidenta que lles borboriñaba aos manifestantes

Á Vicepresidenta Marabilla non lle casan a inconveniencia de tanta protesta e a excelencia dos datos económicos que lle pasan os asesores pagos para fabricar powerpoints onde se demostra que todo vai de película. O que quixo rumorearnos, con esa linguaxe diplomática tan propia dunha avogada do Estado, é que lle custa comprender como un Goberno que o está facendo todo tan ben debe soportar e atender uns cidadáns que o fan todo tan mal. Ou somos parvos porque se acaba a crise e non nos decatamos. Ou somos idiotas por deixarnos manipular para manifestarnos sen razón. Ou algo peor, somos malos e protestamos por pura malicia.

Os 4.701.338 parados do INEM saben que merecemos un Goberno disposto a esquecerse deles para poderlle contar ao mundo o ben que nos recuperamos

Desde que comezou a recesión os cidadáns estamos a facelo todo fatal e desde que goberna o PP, de pena. Recoñezámolo. Menos mal que xentes preparadas como Soraya Sáenz de Santamaría están ao cargo, senón España non sería unha marca, e non chegaría nin a adhesivo. Afortunadamente, o seu liderado está claramente por encima das nosas posibilidades. Os 4.701.338 parados do INEM saben que merecemos un Goberno disposto a esquecerse deles para poderlle contar ao mundo o ben que nos recuperamos.

Elixan o colectivo que elixan, somos un desastre. Os funcionarios, por exemplo, teñen o mal costume de xubilarse moi amodo. Se sentisen España como a sente Soraya, xubilaríanse máis para recortar os persoais máis rápido. Así, no canto de prescindir de máis de 375.000 traballadores públicos, poderiamos aforrar os soldos dun millón ou millón e medio. Imaxínese canto podería baixar a prima de risco con semellante aforro, mentres o Executivo seguía contratando a dedo para as empresas públicas, as únicas que crecen en emprego. Ou cantos servizos se poderían subcontratar alegando que a administración carece de capacidade para prestalos directamente.

Este Goberno tamén tivo que lle facer fronte aos pensionistas. O peor do peor. Ademais de arruinar a sanidade pública consumindo ibuprofeno coma se se tratase de coñac, queren cobrar a pensión cada ano, malgastando así uns cartos da Seguridade Social que o executivo podería empregar en rescatar outro banco arruinado por algún colega ou engordar aínda máis o balance das eléctricas.

A xente mobilizándose contra unha obra que supuña un bo negocio para todos. Como nos bos tempos da burbulla, gañaba o construtor, gañaba o alcalde, corría o diñeiro público e ademais quedaba precioso o barrio alicatado até o teito

O dos bolseiros raiou a pura deslealdade. Todo o mundo sabe o mal que está a educación en España. Alguén tiña que impedir que o mundo se seguise infectando con universitarios españois mal preparados. Ao Executivo non lle tremeu o pulso. Como non lle treme cos dependentes, ou cos inmigrantes, ou os enfermos crónicos. Dos parados mellor nin falamos. A propia vicepresidenta debeu polos no seu sitio cando denunciou como máis de medio millón cobraban o desemprego de maneira fraudulenta. Certo que logo resultaron sumar preto de dez mil, pero iso son detalles. A vicepresidenta Soraya é como Tom Cruise en Minority Report, destapa a fraude antes de que se produza.

As protestas de Burgos constitúen o colmo da cidadanía mal entendida. A xente mobilizándose contra unha obra que supuña un bo negocio para todos. Como nos bos tempos da burbulla, gañaba o construtor, gañaba o alcalde, corría o diñeiro público e ademais quedaba precioso o barrio alicatado até o teito. Onde imos chegar? Que será o seguinte que quererá parar o xentío? A Lei do Aborto? as obras do Val dos Caídos?

A próxima vez que senta a necesidade de saír á rúa contra as políticas de sufrimento masivo do goberno, pense no rostro admonitorio da vicepresidenta e non o faga. Non lle dea ese desgusto. Ela non o faría

A próxima vez que senta a necesidade de saír á rúa contra as políticas de sufrimento masivo do goberno, pense no rostro admonitorio da vicepresidenta e non o faga. Non lle dea ese desgusto. Ela non o faría. Non lle faga perder o seu valioso tempo. Non deixe que a realidade lle estrague un bo dato. Non o merece. Ela non viviu por encima das súas posibilidades, só por baixo das súas estatísticas e a súa humanidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.