A vida nunha Rolleiflex

Un primaveral sábado romano, con calor, pero aínda non sufocante, é un pracer pasear polos pequenos rueiros do barrio de Roma Trastevere, pisando pedras luxadas por séculos, onde vendedores e artesáns ofrecen pezas variadas a persoas de todas as idades e procedencia. Unha poboación autóctona ou foránea, unida no seu flaner ou tomando o aperitivo nas terrazas, con indumentarias variadas ou sorprendentes. Os estudantes teñen á man a Universidade de Roma alcumada A Sabedoría. A veciñanza do río Tíber, escoltado por frondosas árbores milenarias, e a proximidade da Bocca della Veritá revélanos un pobo que sabe engaiolar co vocabulario.

Non é só o encanto do paseo o que alí nos leva, senón o Museo Roma onde podemos contemplar unha mostra de 120 fotografías da excelente e misteriosa fotógrafa norteamericana Vivian Maier.   

Orfa de nai e pai, ao rematar a Segunda Guerra mundial, viaxa a Francia, de onde procedía a nai, para vender un terreo que herdara. Co diñeiro da venda, compra unha boa cámara fotográfica que será a súa única compañeira e a que lle dará forma e sentido á súa vida. Inicia así unha relación persoal, apaixonada, crítica, curiosa e reflexiva coa fotografía, que é tamén a súa relación co mundo.

Durante os anos 50, 60 e 70 leva unha vida nómade, interesada pola xente, pola dureza da vida que lle pasaba por diante. Imaxes potentes, con beleza e realismo, de criaturas con bágoas, anciás con eivas, a xente das cidades, maiormente New York e Chicago, onde habitou en épocas de grandes cambios. Ollos como palabras de denuncia.

Nunca saía á rúa sen a cámara, coma quen cumpre o seu oficio con disciplina. Mais non era propiamente un oficio. Nunca vendeu unha foto e vivía traballando de neneira en diversas casas de familia.

Como fotógrafa era anónima. Pero non inexistente. Tiña personalidade e conciencia do seu facer. Numerosos autorretratos confírmanolo. Era o seu modo calado de mostrarse, xa fose nunha vitrina, nun charco formado pola choiva, nunha sombra desmedida que cubrise o obxecto da foto. Alí estaba ela. Sombra, pero sombra invasora. Ela como suxeita da obra. Ela, autora, sabe o que fai, e vai gardar e conservar todas as fotos e os negativos.

A súa obra non foi coñecida nin exposta durante a súa vida. Non teríamos a oportunidade de coñecela de non ser que, no ano 2007, John Maloof, axente inmobiliario de Chicago, adquire por 380$ o contido dun depósito que pertencera a unha señora. Nel, ademais do arquivo fotográfico,  había unha extensa biblioteca con moitos volumes, con monografías de fotógrafos, maiormente americanos, fotos dedicadas de personaxes famosos, de figuras do baseball, distintivos políticos, e coleccións diversas. Maloof decátase do grande valor das fotografías e inicia unha busca para recobrar a enigmática existencia da súa autora.

É moi recente, pois, o coñecemento público de Vivian Maier. Aínda que pouco saibamos da súa experiencia histórica, moito nos deixa coñecer na súa ollada sobre a vida. Unha fascinación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.