A virtude na mirada

Doelas da Catedral de Santiago co castigo do pecado da luxuria. Foto da exposición 'Maestro Mateo' no Museo del Prado ©

Aprendemos ver as mulleres como inimigos, a desprezalas, a lles restar importancia, aínda que ao mesmo tempo as desexásemos cada vez máis, tentásemos conquistalas e valorásemos os seus atributos como se fosen sandías ou melóns: tiña ou non tiña carnes a moza, como diciamos daquelas.

[…]

Estabamos hipnotizados pola igrexa, a literatura, as escolas. Admirabamos a escritores que non tiñan nada bo que dicir das mulleres. Mesmo as mozas aprenderon a admiralos. Unicamente a muller-nai se salvaba do odio. Mais iso non era máis ca unha coartada.

[…]

Volvémonos misóxinos, adoptamos a linguaxe masculina do desprezo e a soberbia perante o sexo oposto. Todos nos volvemos pouco máis ou menos violadores. (pax 44)

As sociedades de hoxe pouco teñen que ver con aqueles anos 50 mais, a obsesión pola masculinidade segue por aquí e, non me digan que é da xente nova da que rescalda a cousa

Así escribe Theodor Kallifatides en Lo pasado no es un sueño (2021) Galaxia Gutenberg da “formación” que recibían na Grecia da súa infancia, pubertade e xuventude sucedida na década dos 50 do século pasado.

Tamén Antonio Muñoz Molina reflexionaba sobre a cuestión no seu artigo semanal de El País Cosa de hombres do 31 de maio de 2025. “Había que aprender a facerse homes” e […] “nós graduabámonos en estudos superiores de masculinidade no exército”

Non é banal a cousa pois desa xeración de rapaces e mozos así educados, libaron fillos e netos. Compartiron e sufriron as mulleres daquel tempo: esposas, irmás, colegas e tamén as fillas e netas; sementeira que agromou, floreou e se reproduciu a eito, propagada polo vento e, desde logo, polos pais da patria, pola catoliquísima igrexa, polo Patronato de Protección a la Mujer, a Sección Femenina e por tanta literatura, cine, cancións e medios de comunicación.

As sociedades de hoxe pouco teñen que ver con aqueles anos 50 mais, a obsesión pola masculinidade segue por aquí e, non me digan que é da xente nova da que rescalda a cousa.

Traballadoras recollendo amorodos © STEs intersindical

Diversas cousas fixeron avanzar as sociedades no xeito de pensar, ver e mirar as mulleres. Desde logo a educación mixta (en España desde 1970) e compartir espazos laborais (non todos) e de ocio. Porén son os feminismos quen van remover de xeito poderoso as conciencias

Que dicir dese empresario andaluz do sector agrícola de Huelva detido neste 13 de xaneiro acusado de agresións sexuais, trata de seres humanos e delitos contra os dereitos das traballadoras, migrantes en situación irregular, cuxo traballo enche tantas mesas de fresas e arandos. Elas, vilipendiadas polos españolísimos que non abriron a boca neste caso no que o delincuente non é magrebí, romanés, senegalés ou peruano senón “un español coma ti”.

Algo máis atrás no tempo, a Sentencia da Sección 3ª da Audiencia Provincial de Huelva (2018) facíanos saber da condena a tres empresarios da fresa da zona por delitos contra a integridade moral de vinte cinco xornaleiras. Un deles, ademais, condenado por tres delitos de acoso sexual a tres das traballadoras.

Desprezo a todo excepto a súa cobiza e lascivia, e de seguro que chegan tan lonxe porque as inspeccións de traballo neses sectores agrícolas son cativas.

Sentirse e saberse seres valiosos e non ceros á esquerda aos que se pode pisar de mil e un xeito, é un dos grandes logros das mulleres que non resulta fácil se o que lles devolven as miradas é desprezo e falta de respecto

Diversas cousas fixeron avanzar as sociedades no xeito de pensar, ver e mirar as mulleres. Desde logo a educación mixta (en España desde 1970) e compartir espazos laborais (non todos) e de ocio. Porén son os feminismos quen van remover de xeito poderoso as conciencias.

Así o di Kallifatides.

“Mais a última gran impresión da miña adolescencia recibina de Simone de Beauvoir con O segundo sexo. Despois da propaganda masculina de séculos, que xa circulaba polas nosas veas, de súpeto apareceu aquela fermosa francesa que cunha implacable lucidez abriunos os ollos. Endexamais volveriamos ver a muller coma antes.” (páx 60)

Sentirse e saberse seres valiosos e non ceros á esquerda aos que se pode pisar de mil e un xeito, é un dos grandes logros das mulleres que non resulta fácil se o que lles devolven as miradas é desprezo e falta de respecto.

Ilustración de Montse Amigo no dosier de Andaina nº 20 'Quen lle pon saias ao agro' de maio de 1998 ©

É dese logro de onde emerxen as Nevenkas, Gisèles, Palomas, as anónimas migrantes irregulares denunciando os atropelos aos que as someten empresarios que fan así demostracións de forza e status, as Me-Too, e centos, milleiros de anónimas, ou non tanto, que imitan a vella Antígona, desestabilizando a orde patriarcal imperante

É dese logro de onde emerxen as Nevenkas, Gisèles, Palomas, as anónimas migrantes irregulares denunciando os atropelos aos que as someten empresarios que fan así demostracións de forza e status, as Me-Too, e centos, milleiros de anónimas, ou non tanto, que imitan a vella Antígona, desestabilizando a orde patriarcal imperante.

De aquí, tamén, as valentísimas Rebeca e Laura que ousaron levar ao intocable artista á picota. Cantante que humilla e escenifica poderío para facer sentir “a nada” e “a insignificancia social” a traballadoras ás que trata como servas.

Lembrei a expresión do historiador estadounidense da arquitectura medieval Kenneth John Conant, que se doutorou en 1925 con A Historia da arquitectura temperá da Catedral de Santiago de Compostela, referida ao Altar Maior co retablo barroco esvarando ouro. O “efecto de bárbaro esplendor” capaz de establecer unha distancia sideral entre o tabernáculo, morada do salvador e trasunto da gloria celeste, e calquera orante, visitante ou oficiante de xeonllos ao pé facéndolle sentir a suma pequenez do seu ser.

Estratexias para afirmar xerarquía, distancia, medo, poderío, dominio.

O poder sempre en man do máis forte e hoxe, ademais, tamén dos máis ricos. Por iso toda a miña admiración a Rebeca, Laura e todas as rebecalauras pola súa enorme coraxe

Xa nada é coma antes, din algúns con desgusto, porque “ninguén” está seguro se unha pérfida se cruza no seu camiño e só fan deostos das mulleres e dos feminismos. Si, xa nada é igual que antes. Non hai máis que ver esa restra de cargos políticos: alcaldes, secretarios, presidentes, conselleiros, asesores, ministros e até presidentes de goberno que aos poucos, e ás veces pasados moitos anos, van sendo sinalados por elas por se prevaleceren dos sete centímetros de pedestal, tarima ou estrado para apurrar mulleres “baixo o seu mando” con promesas de ascensos, cargos, melloras ou ameazas de calquera teor para conseguir sexo. O poder, calquera grao de poder, a cobiza e a lascivia.

O mundo está en cambio, certo. Nalgunhas cuestións como esta que vimos de falar, o mellor é saber que a desfeita dos que escarnecen e violentan non é imposible. A embriaguez de poder, a non moito tardar, leva á caída, sobre todo se elas, as pérfidas todas, deciden que non, que non queren calar fronte ao abuso, a agresión, a humillación.

O poder sempre en man do máis forte e hoxe, ademais, tamén dos máis ricos. Por iso toda a miña admiración a Rebeca, Laura e todas as rebecalauras pola súa enorme coraxe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.