A visíbel carreira electoral

CC-BY-SA Praza Pública

Aínda que non existen -ou non son coñecidos- inquéritos sobre o estado de opinión da sociedade galega a respecto da convocatoria electoral inicialmente prevista para o pasado 5 de Abril e posteriormente aprazada, tendo a pensar que esa cita coas urnas non forma parte do catálogo de preocupacións prioritarias presentes no corpo social. Loxicamente, a cabeza das persoas está ocupada na atención ao desenvolvemento da pandemia e nas graves consecuencias que está provocando no benestar colectivo.

Esa cita coas urnas non forma parte do catálogo de preocupacións prioritarias presentes no corpo social. Poren, a expectativa electoral si está condicionando o comportamento do actual presidente da Xunta

Poren, a expectativa electoral si está condicionando o comportamento do actual presidente da Xunta. No seu caso, sería de total aplicación aquela vella máxima que postulaba: ”non fagas o que eu digo senón o que eu fago”. Reitera verbalmente que non lle preocupan as eleccións pero mudou, en 24 horas, a súa oposición explícita ao mantemento do estado de alarma despois da conversa coa vicepresidenta do goberno do Estado na que seica lle informou do acordo co PNV que posibilita a convocatoria electoral aínda que siga vixente a actual situación xurídica excepcional.

Convén lembrar que o adianto para o 5 de Abril estivo motivado por un cálculo -habitual, polo demais, no funcionamento dos sistemas políticos europeos- realizado polo actual inquilino de San Caetano para obter os maiores rendementos posíbeis na fixación do calendario. A pandemia alterou radicalmente os escenarios previstos e orixinou unha importante anomalía no funcionamento das institucións de autogoberno: nun momento de máxima transcendencia para a gobernanza dos asuntos públicos, o Parlamento galego deixou de funcionar no seu formato ordinario, debilitando o imprescindíbel labor de impulso e control da acción do Executivo e imposibilitando o traballo lexislativo propio do órgano que emana da soberanía popular galega.

Teimar na coincidencia co que decida Urkullu non ten sentido a menos que concorran circunstancias sanitarias que aconsellen tal circunstancia

Coas urnas no horizonte, os incentivos para buscar acordos por parte do PPdeG -que ven dispoñendo dunha contundente maioría absoluta nos últimos anos- diminuíron fortemente, provocando unha dificultade adicional na obtención dun desexábel -aínda que fose parcial- denominador común no tratamento dos importantes efectos da crise sanitaria. Existen diversos exemplos relevantes: reducidas comparecencias de Feijóo na Deputación Permanente da Cámara do Hórreo; o incumprimento da súa promesa inicial de encontros periódicos cos voceiros da oposición; a focalización sistemática no goberno do Estado das deficiencias na xestión da crise sen asumir as responsabilidades que lle corresponden no desastre acontecido nas residencias de maiores ou no caos rexistrado na contabilización dos datos; a esixencia dun comportamento ao executivo de Pedro Sánchez que non practica, simetricamente, no ámbito competencial galego. Ao cabo, a pretensión do actual presidente da Xunta resulta moi evidente: construír un relato que atribúa todos os erros ao goberno PSOE-UP e agache todos os déficits acumulados na xestión realizada dende San Caetano.

Se quere, o presidente da Xunta ten unha oportunidade irrepetíbel para facer pedagoxía política construtiva e acordar explicitamente cos partidos da oposición a data destes comicios tan atípicos

No contexto que se está a vivir, non resulta pertinente facer xogadas de póker coas circunstancias asociadas a esta convocatoria electoral. Teimar na coincidencia co que decida Urkullu non ten sentido a menos que concorran circunstancias sanitarias que aconsellen tal circunstancia. Se non está acreditada semellante motivación a conclusión é indiscutíbel: a coincidencia coa data vasca forma parte dun puro cálculo de vantaxismo electoral. 

Tampouco ten moito sentido o presunto dilema entre convocar -por exemplo- para o 19 de Xullo ou facelo para o 13 -ou 20- de Setembro, a menos que existan razóns fundadas vinculadas á situación epidemiolóxica. Se quere, o presidente da Xunta ten unha oportunidade irrepetíbel para facer pedagoxía política construtiva e acordar explicitamente cos partidos da oposición a data destes comicios tan atípicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.