Jane Goodall faleceu o pasado 1 de outubro deixando tras de si un valioso labor e unha imaxe pública como defensora da vida animal nun mundo sacudido por accións voraces e destrutivas sobre o medio natural
Jane Goodall faleceu o pasado 1 de outubro deixando tras de si un valioso labor e unha imaxe pública como defensora da vida animal nun mundo sacudido por accións voraces e destrutivas sobre o medio natural. As súas contribucións ao coñecemento dos chimpancés e as campañas que emprendeu en favor da conservación dos ecosistemas convertérona nunha das figuras científicas de maior renome a nivel mundial.
Era doutora honoris causa dunhas cincuenta universidades e recibira máis de cen premios internacionais, entre eles o Príncipe de Asturias de Investigación, a Lexión de Honra da República Francesa, o título de Dama do Imperio Británico e a Medalla de Ouro da UNESCO. Ademais, as Nacións Unidas nomeáraa “Mensaxeira da Paz” da institución.
As circunstancias que permitiron a súa visita
As súas contribucións ao coñecemento dos chimpancés e as campañas que emprendeu en favor da conservación dos ecosistemas convertérona nunha das figuras científicas de maior renome a nivel mundial
Gozamos da estadía de Jane Godall o 12 de maio de 2009 grazas a unha xestión de Carlos Vales, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) instalado en Santa Cruz (Concello de Oleiros). Carlos coñecera a Ferran Guallar, quen era o director do Instituto Jane Goodall España, e preguntaralle pola posibilidade de contar coa presenza da salientable científica por estas terras.
Ferran explicou que Jane percorría o mundo divulgando as actividades do Instituto Goodall e que cobraba pola súa intervención unha cantidade que destinaba aos proxectos da entidade. Na conversa xurdiu a posibilidade dun custe máis reducido para unha visita ao CEIDA. Acadouse unha apreciable rebaixa pero aínda así constituía unha cantidade excesiva para os orzamentos da institución situada en Oleiros. Nese proceso Carlos falou comigo –que nese momento dirixía os Museos Científicos Coruñeses– e acordamos compartir o gasto da visita de Jane Godall, que incluiría, xa que logo, unha visita á Domus e unha conferencia na cidade herculina.
Carmen Borobio, secretaria do CEIDA, lembra a chegada de Jane Godall o mesmo 12 de maio. Acudiu a recollela ao aeroporto de Alvedro acompañada de Ferran Guallar e un destacado colaborador da científica, Federico Bogdanowicz. A convidada amosouse amable e sinxela, disposta a unha xornada intensa; tiña 75 anos. Carmen trasladouna ao CEIDA, onde a recibimos; Jane aproveitou para coñecer as instalacións do centro e pasear polo xardín que rodea ao castelo, interesándose en coñecer as especies autóctonas.
A naturalista inglesa reuniuse nun acto pechado con máis de cincuenta xornalistas de distintos medios de comunicación, tanto galegos como españois, contándolles a súa experiencia de décadas convivindo cos chimpancés. Tamén explicou o labor que desenvolvía o Instituto Jane Godall, co que o CEIDA estableceu un convenio para colaborar no programa educativo Roots&Shoots (Raíces e brotes). Posteriormente, antes de trasladarse ao hotel, xantou un pouco nunha das salas do castelo. Persoa austera, era vexetariana e frugal, tomou un variado de tomates cherry, froita, améndoas salgadas e auga.
De secretaria a experta en Primates
Gozamos da estadía de Jane Godall o 12 de maio de 2009 grazas a unha xestión de Carlos Vales, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA)
Jane Goodall naceu en Londres nunha familia de clase media-alta, o pai, Mortimer Herbert Morris-Goodall, era un destacado piloto de carreiras de coches e a nai, Margaret Myfanwe Joseph, escribiría novelas. Ao rematar os estudos secundarios traballou como secretaria e, con 23 anos, viaxou a Kenia, daquela colonia británica, a visitar a unha amiga, coa fortuna de que esta a puxo en contacto con Louis Leakey. Falamos dun destacado paleoantropólogo, que estaba a levar a cabo, coa súa muller, Mary Douglas Nicol, pioneiros estudos sobre as orixes dos Homínidos en Olduvai (actual Tanzania), onde obterían salientables achádeos para o coñecemento da evolución humana temperá. Eles demostrarían que África era o berce da humanidade e a coexistencia no pasado de diferentes especies de Homínidos.
Inicialmente Louis contratou a Jane como secretaria, en coherencia co seu perfil profesional previo. Mais no contacto con ela soubo do seu grande amor aos animais e debeu apreciar naquela muller nova unhas especiais calidades para o traballo na natureza polo que, malia a súa carencia total de formación científica, a animaría para asumir unha interesante misión. Un traballo relacionado co estudo dos Primates, polo que Jane –antes de comezalo– viaxou en 1958 a Londres para coñecer da anatomía e hábitos deses animais.
Louis Leakey estaba interesado no estudo do comportamento dos primeiros Homínidos e coidou que un posible camiño para profundar niso sería o seguimento dos grandes simios nos seus hábitats naturais. De aí xurdiu o encargo a Jane Goodall para que estudara os chimpancés na selva de Gombe (Tanzania), a Dian Fossey os gorilas das montañas (inicialmente no Congo-Zaire) e a Biruté Galdikas os orangutáns en Borneo. As tres realizarían valiosas contribucións que as converterían en salientables primatólogas, expertas no estudo dos Primates.
Rematada a preparación de Jane en Londres, Louis Leakey acadou fondos para que puidera comezar o traballo cos chimpancés. Así, en 1960, acompañada da súa nai, se trasladou a Gombe, que formaba parte do protectorado británico de Tanganica, hoxe Tanzania. Anos despois explicaría que “Cando cheguei alí por primeira vez os chimpancés me miraron e saíron correndo”.
“Todo comezou con David Greybeard apertándome os dedos suavemente”
Anos despois explicaría que “Cando cheguei alí por primeira vez os chimpancés me miraron e saíron correndo”. Un dos chimpancés, a quen lle poñería o nome de David Greybeard pola súa fermosa barba branca, perdeu o medo
Un dos chimpancés, a quen lle poñería o nome de David Greybeard pola súa fermosa barba branca, perdeu o medo. Jane seguiuno polo bosque e atopouno sentado, colocouse a carón del, colleu unha noz de palma do chan e pasoulla, coa man aberta; o chimpancé xirou a cabeza. Entón, contaría a naturalista: “Eu acheguei máis a man. El deuse a volta, miroume aos ollos, alongou o brazo, colleu a noz e tirouna, non a quería pero apertou os meus dedos moi suavemente. Así é como os chimpancés se tranquilizan entre eles. Comunicámonos dun xeito que precede á linguaxe humana”.
Con ese chimpancé realizou unha observación fundamental: “Estaba sentado enriba dun niño de termitas. Vin que alongaba o brazo para coller unha herbiña e a meteu no niño. Agardou un momento e sacouna, lentamente e con moito coidado, xantando as termitas que se pegaran á herba. Fíxoo repetidas veces”. Despois observou que, para o mesmo fin, o animal collía unha póla pequena con follas; retiroullas, así como as pólas máis pequenas dos lados. Jane concluíu: “Estaba modificando un obxecto, algo propio da construción de ferramentas”.
Axiña enviou un telegrama ao seu mentor, Louis Leakey, quen lle respondeu dicindo: “Dado que o ser humano se define pola súa capacidade de utilizar e crear ferramentas, teremos que redefinir ao ser humano, redefinir as ferramentas, ou considerar aos chimpancés como humanos”.
Tras diversas observacións Jane tiña moi claro que os chimpancés son intelixentes, viunos utilizar na natureza moitas e variadas ferramentas. Tamén comprobaría que posúen estruturas sociais (cazan en grupo, establecen alianzas, etc) e son quen de amosar afecto e empatía. Senten, teñen emocións, e, como seres bastante semellantes aos humanos, tamén poden ser violentos.
A forma de traballar de Goodall axudouna a descubrir esas novidosas capacidades dos chimpancés. A observación paciente, directa e no hábitat dos animais deu froitos. Foron moitas horas fixándose naqueles seres, aos que lles puxo un nome individualizado, rexistrando polo miúdo o seu comportamento. En definitiva, xuntou rigor científico e empatía, por iso lle gustaba recomendar ás persoas que desexaban emprender un traballo: “Se curioso e comete erros, se paciente e non te des por vencido”.
Ese excelente labor non estivo exento dalgunhas críticas sobre o traballo de campo que realizou no comezo. Houbo científicos que cuestionaron o seu método por consideralo “demasiado antropomórfico”, por asignar de entrada nomes e emocións humanas aos chimpancés, o que podería incorporar prexuízos na observación e dificultar a análise obxectiva do comportamento animal. Ela expresou, por escrito, o seu orgullo por actuar así: “afortunadamente eu ignorei esas teorías”.
O derribo da muralla entre os seres humanos e “a outra xente”
Tras diversas observacións Jane tiña moi claro que os chimpancés son intelixentes, viunos utilizar na natureza moitas e variadas ferramentas. Tamén comprobaría que posúen estruturas sociais (cazan en grupo, establecen alianzas, etc) e son quen de amosar afecto e empatía.
O descubrimento revolucionario de Jane Goodall en Gombe resultou decisivo para botar abaixo a barreira establecida entre os seres humanos e o resto dos animais, nomeadamente os Primates. Unha muralla construída en base a algúns feitos, diferencias existentes, pero tamén sobre bastante prexuízos, especialmente relixiosos. Refírome á defensa da literalidade do relato bíblico, no que o ser humano é obxecto dunha creación divina específica e os animais son presentados como seres ao seu servizo.
A defensa desa singularidade levou a que diversos científicos europeos do século XVIII e XIX propuxeran unha clasificación dos seres vivos nas que a especie humana aparece formando un Reino propio, o Reino Hominal, de entidade semellante á dos reinos animal e vexetal. Era un xeito de salientar as que consideraban calidades distintivas da humanidade: facultades espirituais, razón, conciencia, libre albedrío e responsabilidade moral.
Os estudos e publicacións de Jean-Baptiste Lamarck, Ernst Haeckel e, sobre todo, de Charles Darwin, expoñendo que os seres humanos somos, tamén, resultado da evolución biolóxica e que, polo tanto, estamos conectados co resto dos animais, abriron unha notable fenda na muralla. O propio Darwin realizou a predición de que se atoparían elementos psicolóxicos nos non humanos, particularmente nos simios, que reducirían a distancia entre eles e nós.
Desde a perspectiva da Bioloxía moderna, o ser humano é clasificado cientificamente como unha especie do Reino Animal, filo Cordados e na Orde dos Primates. Porén durante un tempo se mantivo en pé o elemento que o afastaba dos grandes simios, a intelixencia e racionalidade. Como vimos, Jane Goodall, nos anos sesenta do pasado século, derribou definitivamente o que permanecía en pé da vella muralla. A súa contribución resultou decisiva para establecer unha ponte entre os humanos e o que algúns, por exemplo Manolo Rivas e Antonio Sandoval, denominan “a outra xente”, as persoas non humanas que comparten con nós o planeta.
O descubrimento revolucionario de Jane Goodall en Gombe resultou decisivo para botar abaixo a barreira establecida entre os seres humanos e o resto dos animais, nomeadamente os Primates. Unha muralla construída en base a algúns feitos, diferencias existentes, pero tamén sobre bastante prexuízos, especialmente relixiosos
O camiño encetado por Goodall sería continuado por numerosos colegas. Así, moi recentemente, a fins de outubro deste ano, a prestixiosa revista Science publicou un artigo dun equipo de investigadores da Universidade de California en Berkeley (Estados Unidos) e da Universidade de Utrech (Países Baixos) que traballaron no santuario de chimpancés da illa Ngamba, en Uganda. No seu estudo concluíron que os chimpancés poden cambiar de opinión en función da solidez da evidencia de que dispoñan, unha característica clave do pensamento racional. Xa que logo, non somos os únicos seres racionais que habitan o planeta. Na mesma revista, a fins de novembro, publicouse un traballo dun equipo de investigadores da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) demostrando que os macacos escoitando cancións perciben o ritmo musical e poden sincronizar os seus movementos con el.
Cambridge e outros compromisos
Despois duns anos de traballo en Gombe, Louis Leaky comentoulle a Jane Goodall que debería obter recursos para continuar coas súas pescudas alí, o que esixía que acadara unha titulación universitaria. Leaky realizou diversas xestións que remataron con éxito: “atopeiche unha praza na Universidade de Cambridge para que fagas directamente un doutorado en Etoloxía (estudo do comportamento)”. Só sete persoas antes tiveran o privilexio nesa prestixiosa universidade de realizar un doutoramento sen previamente cursar unha licenciatura.
No plano persoal Jane casou en 1964 cun fotógrafo, o barón Hugo van Lawick, polo que durante un tempo (divorciáronse en 1974), foi a baronesa Jane van Lawick-Goodall. En 1967 tivo un fillo, Hugo Eric e en 1975 casou de novo, esta vez con Derek Bryceson, parlamentario en Tanzania e director dos parques nacionais dese país, morto en 1980.
Conservación e ambientalismo, o Instituto Jane Goodall
O estudo dos chimpancés de Gombe levou a Jane, a preocuparse pola súa conservación e, loxicamente, pola preservación da contorna natural na que habitan eses animais. Para afrontar esas cuestións, e en xeral a defensa da vida silvestre e do medio ambiente, fundou en 1977 o Instituto Jane Goodall
O camiño encetado por Goodall sería continuado por numerosos colegas. Así, moi recentemente, a fins de outubro deste ano, a prestixiosa revista Science publicou un artigo dun equipo de investigadores da Universidade de California en Berkeley (Estados Unidos) e da Universidade de Utrech (Países Baixos) que traballaron no santuario de chimpancés da illa Ngamba, en Uganda. No seu estudo concluíron que os chimpancés poden cambiar de opinión en función da solidez da evidencia de que dispoñan, unha característica clave do pensamento racional. Xa que logo, non somos os únicos seres racionais que habitan o planeta. Na mesma revista, a fins de novembro, publicouse un traballo dun equipo de investigadores da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) demostrando que os macacos escoitando cancións perciben o ritmo musical e poden sincronizar os seus movementos con el.
O estudo dos chimpancés de Gombe levou a Jane, a preocuparse pola súa conservación e, loxicamente, pola preservación da contorna natural na que habitan eses animais. Para afrontar esas cuestións, e en xeral a defensa da vida silvestre e do medio ambiente, fundou en 1977 o Instituto Jane Goodall. Unha organización que, con sede central en Washington DC e delegacións por todo o mundo, leva a cabo diferentes proxectos de investigación e conservación en distintos países de África.
Goodall puido, ao comezo da súa investigación, traballar nun bosque virxe, pero co paso dos anos, a poboación local deforestaba áreas cada vez maiores e decimaba a fauna. Comprendeu que para que os chimpancés sobrevivisen o seu hábitat tiña que ser protexido pero para que isto sucedese a poboación local debía dispoñer dunhas condicións de vida axeitadas e cooperar nos esforzos de conservación da natureza. Concluíu, pois, que os obxectivos do Instituto só se poderían acadar se se tiñan en conta as necesidades das comunidades humanas que vivían nas inmediacións das áreas protexidas.
Cando sobrevoou o bosque en 1990 comentou: “quedei abraiada ao mirar cara abaixo e ver unha pequena zona de bosque illada, rodeada de outeiros completamente áridos. Alí vivía máis xente da que a terra podía soster, pero eran demasiado pobres para mercar comida noutro lugar. Foi entón cando me decatei de que se non axudabamos a esa xente a vivir mellores vidas, a vivir sen destruír o medio ambiente, nin sequera poderiamos comezar a pensar en salvar o bosque e os chimpancés”. Ese foi o punto de partida en 1994 do programa TACARE (Reforestación e Educación da Cunca do Lago Tanganyika) do Instituto Jane Goodall para mellorar a vida nas aldeas, con actividades como a reforestación, a formación en agricultura sostible, o apoio a proxectos económicos e programas de saúde e educación, co obxectivo de crear medios de vida sostibles.
Entre os programas desenvoltos polo Instituto, Jane estaba especialmente satisfeita co denominado Roots&Shoots (Raíces e brotes), que tivo a súa orixe en 1991 na capital de Tanzania, Dar es Salaam, cando un grupo de dezaseis estudantes se reuniron con ela e, alentados polas súas palabras, decidiron actuar para protexer o medio no que vivían. Trátase dunha actividade que está destinada especialmente ao profesorado e ao alumnado e que consiste en desenvolver proxectos que fomenten o respecto e a empatía polos seres vivos promovendo así o entendemento entre todas as culturas e motivando a cada individuo a actuar para facer do mundo un sitio mellor para as persoas, os animais e o medio ambiente. O programa está presente en case cincuenta países de todo o mundo e nel participan arredor de 8.000 grupos.
Difundindo a mensaxe
Nas últimas décadas da súa vida Jane centrou a súa actividade na promoción dos proxectos do seu Instituto por todo o mundo. Cun certo mesianismo, coidaba que tiña a responsabilidade de cambiar a mentalidade da xente sobre o medio ambiente
Nas últimas décadas da súa vida Jane centrou a súa actividade na promoción dos proxectos do seu Instituto por todo o mundo. Cun certo mesianismo, coidaba que tiña a responsabilidade de cambiar a mentalidade da xente sobre o medio ambiente: “Síntome como se chegase a este mundo cunha misión. E pode parecer que presumo diso, pero cando dou unha charla, sei que cambia á xente, porque se achegan a min para dicirmo”.
Nesas viaxes estaba acompañada dun peluche, Mister Hache. Foi un agasallo dunha persoa especial, Gary Horn (ás veces aparece como Haun), un cego que actuaba como mago, tamén pintaba e se mergullaba, o que para Jane era un exemplo magnífico de esperanza e perseveranza, de confianza no indomable espírito humano: “As cousas poden saír mal na vida, nunca se sabe. Pero se che ocorre, non te rendas, sempre hai unha saída”.
Como vimos, Goodall defendía nas súas intervencións a necesidade de modificar o noso comportamento de cara a preservar o planeta da súa destrución e coidaba que o factor afectivo era esencial á hora de mudar as condutas: “se queres cambiar a opinión de alguén sobre a súa actitude cara aos animais, por exemplo, discutir con eles non ten sentido. Porque se discutes, axiña deixan de escoitar. Tes que chegar aos seus corazóns. E a única maneira que coñezo de chegar aos corazóns é contando historias. Vin o efecto que teñen na xente”. Confiaba moito, pois, na eficacia do convencemento persoal. Unha magnífica estratexia para o cambio de mentalidades pero que quizás non abonde para deter a tempo as importantes agresións que afectan na actualidade ao medio natural.
En 1999 publicou un libro, Reasons for Hope. A Spiritual Journey, traducido ao castelán como Gracias a la vida. Un texto recomendable para coñecer as apreciacións e proxectos de Jane Goodall, mais cun evidente obxectivo de promoción e –como acontece con case todas as autobiografías– unha auténtica haxiografía da autora.
Participación no Foro de Davos
Jane Goodall participou desde 2006 a 2024, no “Foro Económico Mundial” (WEF), tamén coñecido como o “Foro de Davos”. A participación de Jane recibiu algunhas críticas, pola natureza do foro e por algunha das súas declaracións
Jane Goodall participou –segundo a propia organización– en numerosas ocasións, desde 2006 a 2024, no “Foro Económico Mundial” (WEF), tamén coñecido como o “Foro de Davos”. Realizou diversas intervencións e colaborou cunha iniciativa do foro, “Un billón de árbores”, un programa de reforestación.
O Foro Mundial realiza reunións anuais desde 1971 e actúa como plataforma para o diálogo e cooperación entre líderes económicos, políticos e sociais coa fin de fixar axendas sobre os retos mundiais. Diversos movementos sociais e ambientalistas teñen denunciado que as elites reunidas en Davos falan de sustentabilidade e igualdade de xeito retórico ou como coartada política pois elas son en gran medida responsables e beneficiarios da destrución do planeta e da desigualdade. Tamén cuestionan a súa suposta neutralidade cando o foro está moi asociado cunha visión tecnocrática, globalista e neoliberal do mundo.
Críticas ás intervencións de Goodall en Davos
A participación de Jane recibiu algunhas críticas, pola natureza do foro e por algunha das súas declaracións. Supoño que a súa presenza en Davos tería que ver co obxectivo de favorecer a causa ambientalista en calquera contorna que o permita, adoptando unha perspectiva pragmática e intentando que o establishment mundial entendara que o panorama actual conduce a un desastre ambiental. Tamén é certo que persoas dotadas de especial carisma e prestixio –como era o caso de Goodall– adoitan pensar, con certa soberbia, que a súa participación modifica e mellora, necesariamente, calquera proceso, “purificándoo”. Por outra banda, ela non era moi partidaria de cuestionar a algúns poderes, o que, por exemplo, lle levou a non denunciar de xeito explícito o apartheid en Sudafrica durante a súa vixencia, sistema que sen dúbida rexeitaba.
Na súa breve estadía coruñesa, Jane Goodall visitou na tarde do día 12 a Domus, o primeiro museo interactivo dedicado ao ser humano e integrado nos Museos Científicos Coruñeses
Na súa intervención en 2020 aludiu a diversos factores que contribúen aos problemas ambientais, incidindo no crecemento demográfico, algo que sempre lle preocupou a Goodall: «Non podemos ocultarnos do crecemento da poboación humana porque, xa sabedes, é a causa de moitos dos outros problemas. Todas esas cousas das que estamos a falar non serían un problema se a poboación fose o que era hai 500 anos». Voces críticas entenderon que simplificaba o debate sobre a poboación, dando a impresión de culpar directamente ao número de persoas da crise ambiental, sen destacar responsabilidades estruturais, como o consumo per cápita elevado nos países desenvoltos, a desigualdade ou sistemas económicos non sostibles. Tamén é verdade que as palabras de Jane foron deformadas por algunhas persoas nas redes sociais; non é certo, por exemplo, que defendera a despoboación, senón que estaba indicando que o crecemento demográfico é un factor –xunto a outros– que agrava os retos ambientais.
Outras declaracións da científica tamén resultaron polémicas, como ocorreu coa relativa á ampliación do período de permanencia das nais nos coidados dos fillos. Ela, efectivamente, dedicou bastante tempo ao seu, porén, cando Hugo Eric cumpriu 9 anos xa o enviou coa familia a Inglaterra para estudar e só o vía nalgunhas vacacións. Se cadra a Jane Goodall lle pasou como a moitas persoas famosas, que se manifestan sobre temas moi diversos e/ou reciben preguntas sobre cuestións variadas das que teñen un coñecemento superficial e que, ademais, xeran titulares sensacionalistas.
Visita á Domus e conferencia
Na súa breve estadía coruñesa, Jane Goodall visitou na tarde do día 12 a Domus, o primeiro museo interactivo dedicado ao ser humano e integrado nos Museos Científicos Coruñeses. Detívose fronte a diversos módulos, escoitou explicacións, realizou algunhas preguntas, divertiuse coas esculturas da familia homínida e, finalmente, asinou no libro de ouro da institución.
Durante a singular xornada tiven o privilexio de estar con Jane nas súas visitas ao CEIDA e á Domus e na conferencia posterior. Unha oportunidade para coñecela persoalmente e observala. Movíase pausadamente, nunca apurada, atenta a todo, accesible pero tamén algo distante. No seu rostro adoitaba aparecer unha expresión serena cun sorriso leve, modulado, nunca esaxerado, nela nunca nada era excesivo. Nese sentido, non xesticulaba, asentía coa cabeza, comentaba brevemente cos interlocutores e axiña volvía á mirada interesada e o sorriso controlado. Coherentemente co anterior, mantiña as súas mans agarradas ou baixo a mesa, sacándoas desas posicións só para realizar un moderado movemento nalgunha explicación á xente. A voz tiña un ton baixo e articulado, cunha dicción clara e ritmo pausado, sen interrupcións. Varias persoas presentes valoraron ese xeito de comportamento de Jane como “elegante”. Enténdoas, pero a min me lembraba a forma de actuar –cunha mensaxe diferente– dos integrantes das clases altas inglesas.
Jane morreu con 91 anos. Levaba moitos totalmente entregada, como ela mesma dicía, a unha misión, a de difundir e promocionar o labor do Instituto Jane Goodall e a a conservación do medio natural. Pasaba a maior parte do ano movéndose con esa finalidade por todo o planeta e tiña asumido ese destino. Viviuno ata o momento final e deixounos un valioso legado a preservar
Tras a visita á Domus nos trasladamos ao Pazo da Ópera coruñés, en cuxa sala de cámara tería lugar a conferencia de Jane ás 20 horas. Agardou ata ese momento sentada nun espazo adxunto, no que –acompañada do seu inseparable Mister H–descansou e tomou notas. No comezo da conferencia a sala estaba ateigada, cunhas 400 persoas, e no exterior do recinto permanecían bastantes que, lamentablemente, non puideron acceder polo límite de aforo do local. Tras unhas verbas de presentación Jane falou de “O que aprendín dos chimpancés. A conservación das especies ameazadas”. Presentou a experiencia que tivera como primatóloga defendendo o seu compromiso por unha conciencia ambiental global. Asemade, explicou as revolucionarias conclusións ás que chegou durante as investigacións que realizou en Gombe e afirmou que a preservación de especies como os chimpancés depende de factores maioritariamente económicos.
Rematada a intervención, permaneceu durante bastante tempo asinando, paciente e amable, exemplares das súas publicacións ás persoas que llo demandaron. Finalmente, retirouse para o hotel en Oleiros. Alí só ceou unha crepe e, como excepción aos seus frugais hábitos, bebeu un pouco de whisky, adoitaba fácelo todas as noites antes de durmir, non o perdoaba. Marcharía xa ao día seguinte e axiña, o 14 de maio, redactou unha amable carta manuscrita ao CEIDA dando grazas pola recepción.
Jane morreu con 91 anos. Levaba moitos totalmente entregada, como ela mesma dicía, a unha misión, a de difundir e promocionar o labor do Instituto Jane Goodall e a a conservación do medio natural. Pasaba a maior parte do ano movéndose con esa finalidade por todo o planeta e tiña asumido ese destino. Viviuno ata o momento final e deixounos un valioso legado a preservar.