Nepotismo (do latín nepos, neto, sobriño ou descendente) é unha forma de corrupción na cal un cargo público utiliza a súa posición para concederlles empregos públicos ás persoas conectadas a el por lazos familiares ou de amizade, de xeito que outras, que posúen unha mellor formación, quedan privadas do acceso ao devandito posto.
A palabra nepotismo xurdiu para expresar as relacións de concesión de privilexios entre o Papa e os seus familiares. No período do Renacemento, os papas e outras autoridades da Igrexa Católica, por non ter fillos, protexían aos seus sobriños, nomeándoos ou propoñéndoos para cargos importantes dentro da Igrexa.
Actualmente, o nepotismo é amplamente condenado na esfera política mundial, sendo asociado á corrupción e considerado un cancro da democracia. O maior nepotista da historia quizais foi Napoleón Bonaparte, unha vez que nomeou tres dos seus irmáns como reis nos países por el conquistados.
O Artigo 103.1. da Constitución Española de 1978 di textualmente que "a Administración Pública serve con obxectividade os intereses xerais e actúa dacordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización e coordinación, con sometemento pleno á lei e ao dereito". E o artigo 103.3. afirma que "a lei regulamentará o estatuto dos funcionarios públicos, o acceso á función pública de acordo cos principios de mérito e capacidade, as peculiaridades do exercicio do seu dereito á sindicación, o sistema de incompatibilidades e as garantías para a imparcialidade no exercicio das súas funcións".
Por medio destes artigos, queda explícito o carácter contrario á Constitución do nepotismo. Porén, entendo que iso non impide que se elaboren outras normas contra esta lacra para reforzar a prohibición desta práctica. De todas maneiras é importante salientar que aínda que o nepotismo non sexa un crime grave debe ser combatido. Opino que, cando queda comprobada a comisión desa práctica, o responsábel público debería quedar suxeito á acción xudicial por ese acto de improbidade administrativa, o que á súa vez debería incluír desde o resarcimento integral do dano ao erario público ata a perda da súa condición de responsábel público e todos os dereitos políticos inherentes a devandito cargo.
Por todo o exposto, entendo que os 21 casos de enchufismo, que son noticia estes días en Vigo, non deberían quedar impunes.