Abride as portas da biblioteca!

Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel © Biblioteca Juan Compañel

Nadie debe estar triste mientras haya libros 

Esta cita de José Martí véuseme á memoria tras atoparme as portas pechadas da biblioteca pública de Vigo. Non era nin festivo, nin en horas intempestivas. En realidade, aconteceu en dúas ocasións deste verán: unha tarde da semana laboral e un sábado de mañá.

Quérese dicir, pois, que me atopei coa caravilla botada. Tanto na sección de adultos coma na sala de infantil. Todo por ter eu xornada laboral en horario matutino. Isto sucede en todas as bibliotecas dependentes da Xunta de Galicia.

Esta disposición amosa un desinterese polo acceso á cultura. Asemade, supón unha falta de planificación e promoción de actividades literarias ou cinematográficas que seduzan ao público durante un período de lecer como é o estival. Porque a biblioteca vai alén dunha única función de préstamo de libros, música ou cinema. É un espazo público de encontro, un lugar de sociabilidade, un sitio de aprendizaxe, un couto de xogos para as crianzas.

O motivo, seica, é unha cuestión de falta de persoal. As traballadoras teñen dereito a vacacións, xaora; mais as persoas usuarias teñen igualmente dereito a acceder á biblioteca en horarios razonables. Polo tanto, é deber da Administración pública dar solución. Esta pasa por contratar xente de reforzo, non por impoñer máis horas ao persoal existente.

A errónea concepción da biblioteca, entendida como un contedor de libros desprovisto de dinamismo sociocultural e educativo, explica (en parte) esta desatención. A función social da biblioteca é innegable dende as súas orixes. Toda explicación para mantelas pechadas é insostible, a non ser que haxa intencións espúreas porque como dixo un sabio, o problema de Deus foi darlle ás persoas acceso ao coñecemento até que o mataron.

Nos debates políticos ou nos parladoiros radiotelevisivos reitérase acotío a importancia da formación da sociedade en valores humanistas. Repítese coma un intermitente automobilístico. Pro a reflexión non alcanza a conformar unha proposta de acceso e fomento da cultura. Mírese, por exemplo, que no debate no Parlamento español ningún portavoz tratou este asunto.

Malia que vivamos nun mundo altamente dixitalizado, os libros aínda son a primeira fonte limpa do saber. A biblioteca, por tanto, débese concibir coma un espazo sociocultural. A partir de aquí abrollarían actividades dirixidas a todos os públicos, ora sexa en xeral, ora sexa para un sector determinado. Ciclos, obradoiros, seminarios, conferencias... Todo pode suceder no seo da biblio.

Aproveito o fío para criticar o mesmo problema que acontece na Fundación Penzol durante todo o ano. Un espazo de investigación de referencia nacional, dunha enorme riqueza arquivística e con material único, non abre nunca polas tardes.

Os responsables políticos asumen que o éxito dun arquivo depende do número de visitas. Debe ser que isto se resolve pechando no horario de tarde. Se cadra, conviría convidalos a visitar outros arquivos ou bibliotecas especializadas de Europa para que o angazo petase na súa testa.

Nun e noutro caso asistimos a un desaire á cultura e, en concreto, ao libro. Hai tempo que descoidaron tomarlle o pulso. Sinxelamente, esqueceron a función da lectura na formación dun pobo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.