Acabou a broma

Xa rematou a impunidade dos que promocionaban touradas co diñeiro alleo. Xa estamos fartos de que algúns personaxes con certas responsabilidades públicas poidan dispoñer dos nosos cartos, da caixa común, para organizar espectáculos nos que a norte e a mutilación son unha recompensa.

Non podemos seguir consentindo que concelleiros e concelleiras empreguen fondos públicos para saciar gustos caducos, o gusto pola sangue brotando do corpo dun bóvido supostamente “fero”, pero que non deixa de ser un herbívoro mitificado, un pobre animal a fin de contas.

Non podemos seguir consentindo que concelleiros e concelleiras empreguen fondos públicos para saciar gustos caducos

Imbecilidade tamén pola nosa parte de permitir que se faga, por non protestar e saír á rúa para impedir que os nosos impostos, mellor empregados en sanidade, educación, infraestruturas sociosanitarias nunca mellor dito, acaben pavimentando a reconvertida “Monumental Coliseum” da Coruña. Porque este caso é especialmente estrano, pero tampouco podemos descartar Sarria ou Padrón, vilas onde os seus gobernantes de turno subsidian unha tourada anual, ou mesmo Muíños, cuxo alcalde financia “porque me da la gana” un festexo taurino con posterior solta de “vaquilla”, para o goce e disfrute das minimasas enfervorizadas. Ou Lousame, onde organizan un encerro máis propio do friquismo que do que se supón unha programación seria e para todos os públicos. E Valga, e Pontevedra… exemplos non faltan, pero si falta mobilización cidadá… desgraciadamente.

Ás veces os países civilizados non son os máis desenvolvidos economicamente, senón os que as súas sociedades son capaces de reconstruír conciencia

Torturar a un animal, en presenza de menores de idade, das xeracións futuras, ao son de Paquito el chocolatero, cun puro na boca e berrando polo final do bóvido non pode formar parte das nosas tradicións nin das de ningún país. Porque ás veces os países civilizados non son os máis desenvolvidos economicamente, senón os que as súas sociedades son capaces de reconstruír conciencias, e os países americanos poden darnos un bo exemplo: Chile, Uruguay, Arxentina, e tamén africanos: Mozambique ou Angola, son algúns dos casos onde había touradas e desapareceron, rematando coa puntilla social unha festividade vermella.

Non vou lembrar outra vez que os nosos petos rematan o ano empapados en sangue grazas aos cargos electos que escollemos ou que escolledes, porque é o momento da mudanza e de tomar conciencia: acabou a broma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.