Aceleración do capital

Vivimos na imparable aceleración histórica do capitalismo. Xa estaba en Marx a idea de que o capitalismo tende a traspasar os límites e a amplialos indefinidamente, e Deleuze nos falou da desterritorialización capitalista, que descodifica tanto ao traballo e ao traballador (reconvertido en precariado) como ao diñeiro (reconvertido en capital financeiro). Liberación dos fluxos que desfán os vellos códigos sociais e esquizofrenizan a sociedade; constitución dunha axiomática flexible, sempre preparada para adaptarse a novas circunstancias (totalitarismos, capitalismo de Estado nos países que se chamaron socialistas, Estados de benestar occidentais, o modelo autoritario do capitalismo chinés…) e para expandir os seus límites: pura velocidade de circulación -de capital, de traballo, e agora tamén datos nas autoestradas da información.

Vivimos na imparable aceleración histórica do capitalismo. Xa estaba en Marx a idea de que o capitalismo tende a traspasar os límites e a amplialos indefinidamente

Esa ampliación constante anula calquera afóra do capitalismo; como dícía Jameson –e repite Zizêk– “é máis fácil imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo”. Por tanto, dentro da lóxica marxista da agudización das contradicións, levando as forzas produtivas ao seu límite, cabe que para saír do capitalismo só quede acelerar o proceso, levalo ao extremo, e consumar o destino inevitable da súa obsolescencia. Son as teses chamadas aceleracionistas (por exemplo de Nick Land), que pretenden extremar as condicións do capitalismo por medio do neoliberalismo máis salvaxe –que precisa dun espazo off shore fóra de toda regulación política (os paraísos fiscais como condición para a circulación do capital), ou proclamar directamente a obsolescencia do humano  da que falaba Günther Anders a propósito do programa nazi, ou como reclama desde un rexistro completamente distinto o body-art cibernético (Stelarc).

Dentro da lóxica marxista da agudización das contradicións, levando as forzas produtivas ao seu límite, cabe que para saír do capitalismo só quede acelerar o proceso, levalo ao extremo, e consumar o destino inevitable da súa obsolescencia

Por tanto non se pode menosprezar a potencia do sistema, nin pensar que con ser anti-sistema xa hai un programa. É difícil individualizar un enemigo, saír do sistema-mundo, desaparecer da rede (supoñendo que sexa unha posibilidade).

Máis tamén cabe un aceleracionismo con aspiración de programa político e talante de esquerda (ver Manifiesto por una política aceleracionista, de Alex Williams e Nick Srnicek), que buscaría coa aceleración tecnolóxica non o delirio da desregulación total senón unha reprogramación social acorde co mundo das redes. Poden ser as redes un espazo liso á contra das segmentacións do poder? O futuro será cuestión de vectores e velocidade, de decrecemento e aceleración. Pero todo é moi incerto e desde logo non alentador, se consideramos a invasión publicitaria das redes.

Tamén cabe un aceleracionismo con aspiración de programa político e talante de esquerda

Cunha dificultade engadida: que para construír un novo suxeito político e ter perspectivas de superar o sistema sería preciso chegar a un extremo do capitalismo máis aló do que… e aquí non hai maneira de encher aínda eses puntos suspensivos. Jared Diamond  ilustrou en Colapso as variadas razóns, económicas e tamén ecolóxicas e culturais, que levaron a distintas civilizacións a fracasar e ser engulidas no devir histórico. Pode que aí cheguemos, á fin desaparición dun ciclo longo, quen sabe se humano, no taboleiro de xogo das loitas futuras, de aquí a unhas poucas décadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.