Acoso

Nos últimos tempos atopamos nos xornais con certa frecuencia novas sobre casos de acoso escolar, ás veces o que vemos son os dramáticos desenlaces que chegan mesmo á fin de vidas aínda sen estrear, ás veces vemos nais e pais loitando desesperadamente contra unha administración educativa burocrática que máis se parece a unha cadea de montaxe de coches que ao ente responsábel de garantir o dereito á educación das nosas crianzas. Porque funciona así, nos centros educativos entran nenos e nenas aos que se lles trata como se fosen “lenzos en branco” e o obxectivo é que saian cumprindo uns criterios estabelecidos por lei. Non se ten en conta os seus puntos de partida, que son persoas coas súas historias e os seus historiais, que non se lles pode tratar a todas por igual porque tratar igual o desigual é a maior inxustiza e desigualdade posíbel, e que os obxectivos non poden ser os mesmos para todas. Coa nova lei educativa isto aínda é peor, proba tras proba, reválida tras revalida, sen ningún tipo de atención individualizada, sen traballar pola inclusión, o que se busca é a exclusión.

Nese contexto hai crianzas que son sinaladas directamente polas persoas adultas como “a acosada”. Ese é o neno ou a nena da aula a quen hai que machacar e cantas veces o seu terríbel delito é unha diversidade funcional

Nas aulas os nenos e as nenas han de competir polo seu espazo, pola atención de profesorado sen recursos, sen formación específica por parte da administración para a que traballan, e tamén, coa súa ideoloxía. Nese contexto hai crianzas que son sinaladas directamente polas persoas adultas como “a acosada”. Ese é o neno ou a nena da aula a quen hai que machacar e cantas veces o seu terríbel delito é unha diversidade funcional. No sistema educativo actual hai unhas cantas razóns para sufrir discriminación: recursos económicos, sexo, lingua... a segregación por unhas ou outras razóns é unha das prácticas preferidas polos gobernos do PP, no caso das diversidades funcionais máis que segregación é expulsión do sistema, que volvan ás súas casas, a ser un asunto familiar e a recibir caridade e lástima. Mentres están na escola son o contrapunto perfecto para as crianzas que van construíndo a autoestima a costa da de outras, guiadas polo mundo das persoas adultas gobernado polo señor das moscas.

Tras moitos dos casos de acoso que saen na prensa hai nenos e nenas que non teñen apoios educativos, para os que non se adaptan as aulas nin os métodos educativos e aos que, intencionadamente, non se integra no grupo de iguais

Por iso tras moitos dos casos de acoso que saen na prensa hai nenos e nenas que non teñen apoios educativos, para os que non se adaptan as aulas nin os métodos educativos e aos que, intencionadamente, non se integra no grupo de iguais. A estes nenos e nenas non se lles aprende lingua ou matemáticas, e non superarán a reválida de Wert, aos seus compañeiros e compañeiras non se lles aprende a convivir coas diferenzas, e non superarán a reválida de medrar no respecto senón que medrarán no medo.

Nesta situación non quero esquecer a responsabilidade que temos as nais e os pais. A primeira, a quen lle votamos. A actual lexislación elaborouna un partido político concreto que goberna no estado e no país porque gañaron as eleccións, nun sistema electoral inxusto pero conseguiron os votos que conseguiron, apoios de pais e nais que non discuten este sistema educativo. Non só iso, unha boa parte o promove coa súa actitude. Crían os seus fillos e fillas na competitividade, na falta de respecto ao profesorado, no “machaca para que non te machaquen”. Negan os dereitos doutros nenos e nenas argumentando que iso supón perda de dereitos para as demais, que atender unha crianza que precisa apoios educativos é “atrasar” o resto.

Crían os seus fillos e fillas na competitividade, na falta de respecto ao profesorado, no “machaca para que non te machaquen”

Nese contexto non é difícil entender que para moitas persoas sexa moi difícil aceptar a diversidade funcional do seu fillo ou filla e buscar obter as mellores condicións para a súa educación facendo, obrigatoriamente, guerra de guerrillas. Cando a posición é tan desigual, cando nun campo de batalla con minas e canóns hai que loitar cunha espada de pau, a confrontación directa é a peor estratexia, o rolete administrativo te achanda e se leva, polo menos, unha crianza por diante. E unha familia. E unha comunidade educativa. Sempre hai mortos e feridos, mesmo os vencedores, porque a educación non pode ser un campo de batalla.

Cando a posición é tan desigual, cando nun campo de batalla con minas e canóns hai que loitar cunha espada de pau, a confrontación directa é a peor estratexia, o rolete administrativo te achanda e se leva, polo menos, unha crianza por diante

Afortunadamente hai exemplos de boas prácticas que demostran os estupendos resultados da educación inclusiva cando hai vontade, mesmo habendo poucos medios. Aí está o camiño, en magníficas e magníficos profesionais que educan cun amor infinito, que se emocionan cos avances por pequenos que sexan, que logran que nun grupo ao diferente non o machaquen senón que o queiran, que lle dean a man. En pais e nais que senten orgullo cando na casa as conversas sobre o cole xiran arredor das diferenzas como fonte de aprendizaxe e dos lazos emocionais construídos por un grupo que non ten reservado o dereito de admisión. Nos casos de acoso sempre hai acosados e acosadores, o máis grave é cando estes son os que, en teoría, deberían defenderte. Malos tempos que están hipotecando o noso futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.