O rumbo marcado polo neoliberalismo de novo cuño, aplicado polo goberno do Partido Popular, é ben claro: Europa non permite desvalorizar o euro, logo hai que desvalorizar a cidadanía para redimir os bancos. E para iso, o ataque debe abranguer todas as frontes e, ademais, debe ser un ataque sen resposta. Como facelo sen custo social? Que estratexias empregar para silenciar ao uso da razón, que defende as políticas dirixidas cara as persoas e non cara aos bancos?
O rumbo marcado polo neoliberalismo de novo cuño, é ben claro: Europa non permite desvalorizar o euro, logo hai que desvalorizar a cidadanía para redimir os bancos. E para iso, o ataque debe abranguer todas as frontes e, ademais, debe ser un ataque sen resposta
En primeiro lugar cómpre inocular un sentimento de culpabilidade á cidadanía e autoexculparse dos recortes sociais: “vós sodes responsables por vivir por encima das vosas posibilidades” ou “non nos gusta, pero non hai outro remedio”. No caso concreto dos recortes aplicados aos funcionarios, a estratexia é ben diferente: desprestixiarnos sen descanso e culpabilizarnos fronte á sociedade. Dende a prensa amiga, ata os propios altos cargos como o Sr. Beteta, o Sr. Montoro ou a Sra. De Cospedal, poñen pulo en insistir en que os funcionarios públicos non cumpren o horario, só se dedican a ler o xornal e a tomar café, sobran, son caros, viven dos impostos dos cidadáns honrados e ralentizan a maquinaria pública, os servizos públicos non funcionan xa que os traballadores non son avaliados no seu rendemento, cómpre vender a empresas privadas cunha mellor xestión, etc.
"Coidado, din, se non privatizamos aquí ou non quitamos esta prestación alá, as pensións corren perigo. Mellor que cortemos un brazo nós, e non a troika, doerá menos, insisten"
En segundo lugar, unha vez enxuizados, é a hora de amedrentar e, senón funciona, criminalizar: coidado, din, se non privatizamos aquí ou non quitamos esta prestación alá, as pensións corren perigo. Mellor que cortemos un brazo nós, e non a troika, doerá menos, insisten. E se aínda así non convencen, e saes a rúa a protestar polo que lexitimamente che pertence e che están roubando, se te sentas na estrada e te resistes á orde dada por un antidisturbios fora de si de que abandones a túa actitude, ademais de levar unha boa malleira, podes acabar nun xulgado de garda, convertido nun delincuente tan sospeitoso Martin Luther King ou Gandhi, que de vivir nesta época estarían xa presos sen ningunha dúbida.
Os sindicatos están no ollo do furacán, xa dende vai anos: subvencionados, vividores e trasnoitados son algúns dos cualificativos cos que nos agasalla a prensa máis reaccionaria
E así, pouco a pouco, coma formigas, en pequenas doses, vanche quitando dereito tras dereito, a base de propaganda e control policial (dá calafríos só de pensar en xuntar eses dous factores, son un chamamento a historia máis negra da humanidade).
Agora é a quenda da negociación colectiva: os sindicatos están no ollo do furacán, xa dende vai anos: subvencionados, vividores e trasnoitados son algúns dos cualificativos cos que nos agasalla a prensa máis reaccionaria. Por que? Estorbamos. Somos un impedimento para aplicar unha política de salarios baixos e despedimentos a custe cero. Sen negociación colectiva, os traballadores e traballadoras quedarán nas mans dos empresarios. Na función pública perdemos dereitos ao ritmo que perde sangue a ferida dun hemofílico, como un encoro desbordado: acción social, días de vacacións, días de asuntos propios (acadados a cambio de renuncias a subas salariais), penalízannos economicamente polo mero feito de enfermar, perdemos a paga extra, e agora é o momento de desfacerse da sempre incómoda negociación colectiva.
O artigo 10 do Real Decreto-Ley 20/12 de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria deixa a porta aberta a todas as administracións para devolver ao seu posto de traballo a un gran número de liberados sindicais
O 1 de outubro entrou en vigor o artigo 10 do Real Decreto-Ley 20/12 de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria. Un artigo que deixa a porta aberta a todas as administracións para devolver ao seu posto de traballo a un gran número de liberados sindicais. Estas persoas, tan deostadas tantas veces, loitan cada día polos dereitos dos seus representados, deixan a pel en negociacións arduas e espiñosas, percorren os centros de traballo solucionando problemas laborais, esixindo aos superiores xerárquicos a non extralimitación nas funcións dos traballadores, frean os abusos e o acoso nos centros, velan pola seguridade e pola saúde laboral. Son eficientes no que fan, porque saben o que fan.
Certo é que en ocasións fallamos, hai que ser autocríticos, que as organizacións sindicais ás veces non saben transmitir a súa mensaxe, seguramente pola rixidez das súas estruturas, ou porque non soubemos nalgúns casos adaptarnos coa mesma rapidez que a sociedade aos cambios que se estaban a producir nas rúas e ao progreso tecnolóxico. Pero non hai que enganarse: sen organizacións sindicais a democracia sofre un golpe que a deixa noqueada e a piques de arroxar a toalla. Os dereitos perdidos xa non poderán ser recuperados, as condicións laborais serán determinadas por decreto, coa rendibilidade económica como único motor, sen ter en conta as persoas, os dereitos, o estado de benestar. A OIT en sucesivos acordos, ratificados polo noso Estado, di que os gobernos están obrigados a impulsar a negociación colectiva. Semella que hoxe en día as organizacións internacionais son vellas glorias, carcamais tapados cunha mantiña en vellas cadeiras, que tosen e rosman algo de cando en vez pero aos que ninguén escoita.
Nós imos dar a batalla. Empregaremos toda a nosa forza de mobilización. Loitaremos por algo no que cremos: o sindicato, cos seus defectos e virtudes, é a ferramenta idónea para protexer aos traballadores fronte aos abusos do patrón
Nós imos dar a batalla. Dende os nosos locais sindicais ou dende os nosos postos de traballo. Empregaremos toda a nosa forza de mobilización. Loitaremos por algo no que cremos: o sindicato, cos seus defectos e virtudes, é a ferramenta idónea para protexer aos traballadores fronte aos abusos do patrón. A mala prensa e o desgoberno dos políticos ao servizo dos mercados non van poder con nós. Seguiremos sen domar, dobregar ou domesticar.