Activismo.- [segundo a RAG] Defensa das ideas políticas, sociais, etc., por medio de calquera método, incluso da violencia.
Filantropía.- [segundo a RAG] Calidade de filántropo/a - persoa que destaca polo seu amor cara os demais, que se dedica a facer obras en favor da humanidade -.
Sempre que se producen acontecementos que polo seu dramatismo sacoden a levedade do cotiá, sae o peor e o mellor das nosas sociedades, sempre aparece o mellor e o peor de todos e de cada un de nós
Sempre que se producen acontecementos que polo seu dramatismo sacoden a levedade do cotiá, sae o peor e o mellor das nosas sociedades; sempre aparece o mellor e o peor de todos e de cada un de nós.
Son neses momentos en que os piares da nosa diaria existencia, anestesiada e rendida, encóntranse de súpeto cunha catástrofe natural ou inducida polo ser humano, ou ambas a vez, e a dor, o sufrimento e a desgraza adquire un carácter transversal, a emerxencia un carácter nacional e a empatía polo drama un carácter universal.
Basta con achegar o foco para ver como saen, no mesmo espazo e tempo, as maiores miserias e as mais grandes virtudes da condición humana.
En xeral, e sobre todo cando ocorren este tipo de situacións, hai dous comprensións de como abordalas. Desde o alento activista ou desde o alento filántropo. Ben poderían ser complementarias, pero a experiencia demostra que distan moito de converxer nalgún punto e responden a dúas visións opostas de entender a vida e manexar a natureza das cousas
As tres grandes virtudes da noso pensamento filosófico - sabedoría, temperanza e coraxe - aparecen ao tempo que tres dos pecados capitais - a envexa, a ira e a soberbia -.
Así ten pasado, como non podía ser doutro xeito, coa catástrofe orixinada pola DANA no levante español. Non teño interese de detallar a irracionalidade, falla de sentido global e ausencia de planificación nas infraestruturas e no deseño urbanístico de carácter endémico. Tampouco vou escribir sobre as carencias de políticas de emerxencia nun ecosistema en transformación. Moito menos enlodarme no impudor competitivo entre administracións a cada cal máis neglixente e incompetente. De todo iso xa se escribe todos os días con coñecemento e rigor, por parte dalgúns, e con descoñecemento e fervor gregario, por parte da maioría.
Hai uns anos, nun acto no que se analizaba a evolución da estrutura de partidos políticos en Galicia, unha persoa preguntoume sobre o porqué tras o desastre do Prestige nas municipais posteriores ao mesmo gañara de novo o PP e porqué a súa hexemonía a medio prazo non se vira afectada tras un movemento de esquerda e nacionalista como o Nunca Máis? Aínda que non me sorprendeu a pregunta si que me marabillou a realidade paralela na que está instalada unha parte da poboación máis militante.
En realidade, tras esa pregunta, había a non aceptación que o movemento de protesta política e de voluntariado ambiental que se estendeu tras a catástrofe concernía por igual a todos (incluídos os votantes do PP). Non era un movemento de esquerda ou nacionalista, por moito que estes pretenderan rendibilizar o mesmo. Era un movemento de carácter nacional, - nin ideolóxico, nin partidario -, na interpretación que Sieyès e os ilustrados franceses dábanlle ao termo nación: cidadán, no senso máis amplo, e cooperativo, no senso máis xenuíno.
En xeral, e sobre todo cando ocorren este tipo de situacións, hai dúas comprensións de como abordalas. Desde o alento activista ou desde o alento filántropo. Ben poderían ser complementarias, pero a experiencia demostra que distan moito de converxer nalgún punto e responden a dúas visións opostas de entender a vida e manexar a natureza das cousas.
Estou canso de ter que dialogar, ou pretendelo, sobre un tema e que ao final as razóns e o fondo do debate desapareza en función de consideracións periféricas que no marco da actual sociedade cínica e de trincheiras son realmente as que interesan.
O filosofo José Antonio Marina insiste na idea de que a importancia da política está en “saber transformar un conflito nun problema”, na medida que diante dun asunto orientalo cara un conflito é permanecer na división - na maioría dos casos interesadas e artificiais - imposibilitando resolver as causas do mesmo de xeito vantaxoso para a maioría; namentres que derivalo cara a un problema, crea os mecanismos para resolvelo mediante posibles acordos amplos pensados no ben común.
Dicía que a min os problemas periféricos cada vez me interesan menos. E un dos problemas periféricos máis frecuentes é a necesidade de confrontar no espazo da estrutura ideolóxica para crear divisións que permita seguir mantendo unha sociedade gregaria e grupal, facilmente manexable.
Un dos recursos máis habituais é sacar o foco do debate do asunto político para centrar o debate no interlocutor. Para iso faise necesario descualificar ao outro, crear sospeitas sobre os seus intereses últimos e accionar a autoridade moral do grupo e atribuír ao disidente non unha discrepancia ou unha visión diferente lexítima senón intereses especulativos de carácter material ou moral.
Na actualidade, a palabra activista está, como moitas outras que naceron de xeito xeneroso, contaminadas polo oportunismo grupal e polos intereses dalgúns que converten todo o nobre que tocan – nunha especie de Rei Midas da merda - nunha empresa, namentres combaten a actividade empresarial decente. Así que prefiro definirme como filántropo
Durante moito tempo gustou definirme como activista, críao nobre e ademais útil. Co tempo observei que cando adquirías a condición de activista, adquirías tamén unha misión común que conformaba o ‘universo activista’. O status de activista levaba carrexado un paquete pechado de obxectivos políticos, unha tarifa plana de ideas e un lote ben armado de sectarismo grupal. Sen deixar de lado o sentido do instrumental das urxencias, o interese partidario ou empresarial das denuncias, o tacitísimo ramplón na prioridade dos obxectivos e, mesmo, no lote ían as bandeiras, vestiduras, estilos de vida e gustos culturais a aceptar de xeito uniformado.
Na actualidade, a palabra activista está, como moitas outras que naceron de xeito xeneroso, contaminadas polo oportunismo grupal e polos intereses dalgúns que converten todo o nobre que tocan – nunha especie de Rei Midas da merda - nunha empresa, namentres combaten a actividade empresarial decente. Así que prefiro definirme como filántropo. Ben é certo que ante este cambio léxico algún verá a lóxica da dereitización do individuo na súa fase adulta e non a evolución lóxica dunha vida con coherencia pero co esforzo de procurar as razóns que moven a bondade humana.
Pero aínda que antes dixen que non me interesaba pararme no debate das razóns periféricas, e menos das miserias humanas, como este artigo vai diso - activismos ou filantropías - vou esgrimir algunhas razóns para quen as queira observar.
A rixidez dogmática do “non cambio” impide ter un debate coherente co teu eu do pasado e, sobre todo, un debate soportable co teu eu do futuro
Nunha sociedade democrática e tolerante debería ser de interese non so as ideas do outro senón fundamentalmente a que condicións materiais de vida, experiencias emocionais e valores intelectuais responden. So así podemos, desde a coincidencia ou a discrepancia, entender as razóns para compartilas ou refutalas desde o plano da razón política. A min, cada día, interésame non tanto o que pensa alguén, senón cal foi o percorrido vital e intelectual da persoa para chegar a esa posición. Corpos doutrinais herdados familiarmente, asumidos por medo a exclusión grupal ou reafirmacións con golpes de peito ideolóxicos para mellorar unha autoestima vulnerable non me interesa. Pola contra, aqueles percorridos á marxe da comodidade grupal, con esforzo intelectual e con capacidade de transformación honesta interésanme e sei que van a aportarme luz, mesmo aínda que sexa desde as antípodas do meu pensamento.
Logo está o tema do cambio de posicións. Hai xente que ve como un valor de honestidade permanecer fiel a unha idea toda a vida. A min paréceme dunha preguiza intelectual tamaña insolvencia. Os cambios de posición, deixando de lado os cambios por oportunismo ou por intereses espurios, son parte da lóxica da vida. Cambian as circunstancias, os contextos, os tempos e, ata, a bioloxía. A rixidez dogmática do “non cambio” impide ter un debate coherente co teu eu do pasado e, sobre todo, un debate soportable co teu eu do futuro. A non ser que pensaramos que o teu eu do pasado e o teu eu do futuro teñen os mesmo intereses, amores, ilusións e medos.
E isto ten que ver coa dialéctica, esa asignatura pendente para a maioría dos que se auto identifican no campo das ideas cos pais da mesma.
Os mecanismos da dialéctica que cunha minuciosidade e elegancia foi desenvolta por Friedrich Hegel, e a que Karl Marx lle adiviñou un carácter social interpretativo, conformase desde piares creativos moi potentes que se sosteñen nun ideario empirista racionalista e de complexidade analítica, lonxe de calquera interpretación simplista.
A filantropía, o que a filosofía oriental conceptúa como altruísmo, é o que nos salva e o que, en última instancia, nos fai mellores. “Os anxos que levamos dentro”, como afirma Steven Pinker
Trátase dun instrumento progresivo tanto en canto permite avanzar ao resolver una contradición existente e poñer as bases para a súa resolución pero, e isto é o significativo, sabendo que na resolución xa está implícita a base dunha nova contradición. E así volver a empezar permanentemente, sen solución de continuidade.
Pero non é, como pensan os seus ‘groupies’, un mecanismo para manter posicións bipolares no conflito social ou na política. A teses e a teses contraria (a antíteses) non trunfan unha sobre a outra, nunha especie de alternancia, permanecendo estáticas, senón que resólvense na intersección. Na síntese que recolle o aspecto nuclear de ambas, no acordo (nunca no disenso).
Defendía Hannah Arendt moi acertadamente, que o pensamento de Karl Marx (e obviamente a súa formulación da dialéctica) conformaba parte da tradición occidental: “a liña que vai de Aristóteles a Marx amosa á vez menos rupturas e moito menos decisivas que a liña que vai de Marx a Stalin” (e os pensadores “marxistas” que van entremedio).
Efectivamente o pensamento humanista, filántropo, de Karl Marx entronca co pensamento de Aristóteles, Xesús Cristo, Saulo de Tarso, Michel de Montaigne e, por suposto como máximo expoñente, de Inmanuelle Kant.
A filantropía, o que a filosofía oriental conceptúa como altruísmo, é o que nos salva e o que, en última instancia, nos fai mellores. “Os anxos que levamos dentro”, como afirma Steven Pinker.