Adeus, España (pasando por León)?

Fracaso de Galicia? Fracaso das autonomías? Quizais, pero que foi do país que ía estar no G8 e na cabeza da UE, capital de Hispanoamérica e novena potencia mundial? Marche Cataluña ou quede, é España a que semella ter fracasado.

Que foi do país que ía estar no G8 e na cabeza da UE, capital de Hispanoamérica e novena potencia mundial? Marche Cataluña ou quede, é España a que semella ter fracasado.

Nada novo. A cousa ven polo menos do 98, aínda que o brillo da Transición e da prosperidade foran quen de adiar a implosión por un tempiño no que o nacionalismo español presumía de pronto alcanzar á Francia e pouco despois a Alemaña. Eis os Xermanos do Sul, novo título de honra que reflicte a actual idea verdadeira de España: un ‘land’ alemán de fala inglesa, de momento como segunda lingua.

Ortega dixera que “Castilla ha hecho a España, y Castilla la ha deshecho”. Trabucouse; non é Castela senón Madrid

Ortega dixera que “Castilla ha hecho a España, y Castilla la ha deshecho”. Trabucouse; non é Castela senón Madrid. Pero, antes que nada, por que tal desfeita? Polos cataláns? Por ETA? Polas nefandas autonomías? Non (ou só en parte), senón porque os arredores de Madrid acadan xa Benavente e Despeñaperros; porque na Galicia non vai quedar un mozo, porque o xigantesco erial de Castilla-León ten menos poboación que Galicia; porque as distintas partes de España están desconectadas agás vía Madrid (deliberadamente)... As dúas Castelas, Estremadura e Aragón, xuntas, dobran o tamaño de Inglaterra, pero coa poboación de Madrid. O venerable Reino de León é interesantísimo: aínda tendo sido o corazón de España, resulta que fixo mutis polo foro; raramente sae nos medios, e os nosos estudantes ignoran que tal cousa teña existido fora de Castela. É inevitable preguntármonos: Como pode España asistir á virtual desaparición de León sen pestanexar.? En que consiste España, como se ve a si mesma, se así deixa ir un dos seus reinos fundantes polo sumidoiro?

Porque na Galicia non vai quedar un mozo, porque o xigantesco erial de Castilla-León ten menos poboación que Galicia; porque as distintas partes de España están desconectadas agás vía Madrid (deliberadamente)

E sempre, omnipresente, inscrito no ADN español, o autoritarismo, aínda que agora modernizado: con la lei es la lei os españois coidan hoxe rematar unha discusión; xusto o estereotipo alemán que antes ridiculizabamos. Todo regulamentado, todo tolerancias cero; de sanción administrativa a código penal como se nada; cámaras de vixilancia ata nas aldeas, DNI para todo, ata para examinarse de Dereito Constitucional —xa os estudantes o exhiben espontaneamente—; manifestacións con máis policías que manifestantes, policía numerosísima e que volve a ser dura, e con sofisticados medios sofisticados; glorificación dun exército con xente meritoria e civilizada, pero que malamente se xustifica; implacable control tributario sobre os débiles. Quen ía dicir que ó viaxar a Alemaña, sentiríase un relaxado e sen ter que levar o DNI na man? E agora resulta que esa sombra de estado, xa case protectorado, é implacable comigo, coa miña familia, a miña Universidade, a miña comunidade autónoma, a miña pequena empresa.

A aspiradora madrileña, os Halloweens, Bruxelas, Merkel e máis a crise, están como atenuando España, como deixándoa en cor sepia.  E se algo quedar de España, a inhumana e eficiente turbodereita (non confundir coa derechona) o liquidará: festas, pontes, cultura, modos de vida; novas taxas xudiciais, nova universidade, destrución do tecido comercial local (do industrial, pouco queda). Adeus a the shop around the corner, a tenda da señora Lola da esquina, caixas de aforro e pequenos bancos —aínda que en Alemaña hai ben de eles—, negocios de aquí. O idioma español axeónllase diante do inglés; adeus á Hispanidade (se algunha vez foi real).

Adeus a the shop around the corner, a tenda da señora Lola da esquina, caixas de aforro e pequenos bancos —aínda que en Alemaña hai ben de eles—, negocios de aquí.

Triunfan as novas relacións sociais e interpersoais, shallow, ocasionais, efémeras; o que antes criticabamos do estereotipo americano. Pais que se divorcian dos fillos; amizades especializadas (só de ximnasio, de ruta do colesterol, de algo que non nos implique de verdade como persoas, pois nin nas relacións sexuais implícanse agora a xente), porque nunca falamos cunha persoa integral có seu corazón na man; e de aí a pouca importancia do factor persoal en todo… Españois asustados, pequeneiros (profético, aquelo de van a real os homiños, cinco por unha peseta), sen referencias, sen imaxinación nin humor; organización laboral que dificulta facer non só familias senón amizades e veciñanzas cohesionadas. Como vai haber compañeros del alma miguelhernandecianos, non habendo compañeiros de curso? Non quedan paixóns nin emocións humanas agás nesa Sudacalandia desprezada polos Xermanos do Sul.

Recentralicen se queren toda España (entendo que comezar por Galicia era a misión subterránea do novo PP), que non a salvarán. Vintecinco anos máis así, e xa me dirán se universidades, sanidade, transportes, vacacións, relacións sociais ou familias seguen a ser de estirpe española

A modernidade nunca ben dixerida, a crise, a constelación Troika-BCE-FMI-Os Mercados-Las Vegas, vai disolver España non como azucre nun té quente, pero si como xabón baixo dunha billa mal pecha. Por que? Porque ela consente? Por ser un xigante cós pés de lama que implosiona diante do primeiro problema serio? Por detrás das aparencias vitoriosas de La Roja, terá, por acaso, instintos suicidas?

Recentralicen se queren toda España (entendo que comezar por Galicia era a misión subterránea do novo PP), que non a salvarán. Vintecinco anos máis así, e xa me dirán se universidades, sanidade, transportes, vacacións, relacións sociais ou familias seguen a ser de estirpe española.

E nesta panorámica desfeita hispánica, por que non intentar salvar, polo menos, a terra que piso, os montes e rías que vexo, a xente que atopo no ascensor ou en Gadis? Para os de bueno, non será para tanto: Que destino creen vostedes que lles ten reservado España? Cren que unha desaparición virtual da Galicia provocaría unha bágoa dese land alemán que tolea polo inglés, indiferente ao pasamento de Castela e Aragón? De seguir as cousas como Madrid planea, que espera a Asturias ou Cáceres? Que ten pensado Madrid para Zamora en 50 anos? Eu teño unha teoría (non científica, o admito): o novo nacionalismo español, a recentralización económica, cultural e dos recursos; a idea de tipo aznariano de que salvar España pasa por un Gran Madrid (incluso físicamente: T4, novos trens), está golpeando duro non só a Galicia, senón a moitos máis, incluíndo o corazón de España.

A idea de tipo aznariano de que salvar España pasa por un Gran Madrid (incluso físicamente: T4, novos trens), está golpeando duro non só a Galicia, senón a moitos máis, incluíndo o corazón de España

Por descontado que Galicia non importa a España, agás en termos gastronómico-paternalistas, e iso é inxustiza. Pero se non lle importan León nin Aragón, iso, por rojigualdo que aparente, é instinto suicida. De ser así, quen non compartan tal instinto farían ben en tomarse as súas distancias.

A terra que eu piso presumiblemente non desaparecerá: xa existía identificablemente antes que España e, danada ou desfigurada, posiblemente consiga sobrevivir. Mesmo se desaparecera, dun xeito ou outro haberíase reproducir, porque nos entornos máis avanzados xa é así. As pequenas polities teñen futuro (aínda que un futuriño máis esloveno ou irlandés que alemán), o estado, xa se ve.

Fin, benquerido lector. Se deches chegado aquí, non che digo que te deixes convencer, senón que reconsideres todo o que está a acaer namentres a herba escorrégase baixo dos nosos pés e o balbordo político-mediático nos aturde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.