Adiantarmos o IVE

Autónomos e pemes sufrimos o chamado “criterio do devengo” no IVE: pagamos o imposto repercutido canda a facturación e non canda o seu efectivo aboamento.

O Dereito europeo permite xa que os Estados membros poidan aplicarlles aos autónomos e pemes o chamado “criterio de caixa” (pagaremos o IVE cando cobremos a factura) no canto do criterio do devengo

Este criterio do devengo agrava ate extremos inaturábeis a situación  financeira das nosas pemes e autónomos,  nun contexto recesivo onde medran a morosidade e os prazos de pagamento e mingua o crédito bancario. Xa que logo, autónomos e pemes pagamos o IVE de importantes contías facturadas e aínda non percibidas sen que poidamos financialo bancariamente e só, en determinadas circunstancias, botando man dos aprazamentos que conceden as propias Administracións Tributarias, a tipos medios de xuro do 5%.

O Dereito europeo permite xa que os Estados membros poidan aplicarlles aos autónomos e pemes o chamado “criterio de caixa” (pagaremos o IVE cando cobremos a factura) no canto do criterio do devengo. E, de feito, esta remuda era unha das propostas electorais incumpridas polo PP, que ven hai poucas semanas de rexeitar no Congreso unha proposta de CiU para introducir este criterio fiscal. Porque a única prioridade de Rajoy, como xa teño dito, é cadrar as contas do mes que ven, custe o que custe en termos de desemprego, desindustrialización ou exclusión social.

Autónomos e pemes obterían un moi importante balón de osixeno da introdución deste sistema, o que redundaría, sen dúbida, nun mantemento do emprego que xeraría unha inducida recadación fiscal adicional. E o custo administrativo e informático para as Administracións Tributarias seria moi asumíbel. Mais para situar este tema fulcral na axenda política cumpre que autónomos e pemes poidan facerse ouvir, superando unhas organizacións patronais sempre pendentes dos intereses da grande empresa e uns sindicatos refractarios historicamente á peme.


Subvencionar a educación separada é inconstitucional

O sistema de educación separada pode xerar resultas moi perversas. Velaí  algúns que opinan, xa, que hai que lles ensinar máis ciencias aos rapaces e máis humanidades as rapazas

O Ministro Wert ven de amosar o  seu extremismo ao propor unha nova lei que permita subvencionar os colexios que separan as persoas dun e doutro sexo. Mais o certo é que a norma legal que prohibe os concertos con centros de ensino separado xorde do propio artigo 27 da Constitución.  O sistema de educación separada pode xerar resultas moi perversas. Velaí  algúns que opinan, xa, que hai que lles ensinar máis ciencias aos rapaces e máis humanidades as rapazas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.