Aforro e desemprego

De seguro que o lector é consciente do sufrimento que parte da poboación está a padecer, tanto en termos de desemprego uns moitos, como na incapacidade de chegar a fin de mes sen apuros moitos máis. Porén, un par de datos que aquí se expoñen axudarán a entender o problema en toda a súa dimensión.

Vexo esta gráfica en Twitter, con datos ofrecidos pola Reserva Federal Americana, comparando as taxas de aforro e de desemprego nos Estados Unidos:

 

A correlación entre aforro e desemprego suxire que as economías domésticas tentan aforrar unha maior proporción dos seus ingresos cando observan que as cousas van mal na economía

 

A correlación entre aforro e desemprego suxire que as economías domésticas tentan aforrar unha maior proporción dos seus ingresos cando observan que as cousas van mal na economía (e unha taxa crecente de desemprego é certamente unha evidencia disto). Sería esta correlación unha evidencia de que o refrán "cando as barbas do veciño vexas arder, pon as túas de mollo" ten repercusión na práctica.

Porén, ao buscar datos semellantes para España, obteño isto:

 

Os datos de Contabilidad Nacional só están dispoñibles a partir de 2001, mais apréciase que as taxas de aforro e de desemprego seguiron camiños paralelos entre 2001 e 2010. En particular, os españois foron capaces de aumentar os seus aforros entre 2008 e 2010, ante a evidencia da peor depresión económica en España en termos de desemprego.

Porén, a partir de 2010 obsérvase claramente a disociación entre taxa de paro e capacidade de aforro das economías domésticas. A política económica implementada, baseada en recortes do gasto público, aumento de impostos, descenso de salarios e outras medidas de austeridade fixo que a taxa de aforro das familias caese a un nivel mínimo, no entorno do 10%, mentres o problema do desemprego non facía senón agravarse.

Porén, a partir de 2010 obsérvase claramente a disociación entre taxa de paro e capacidade de aforro das economías domésticas

Pode interpretarse esta disociación entre aforro e desemprego a partir de 2010 de calquera das dúas formas: nin as economías domésticas son quen de aforrar todo o que quixeran ante a evidente pésima evolución económica, nin o esforzo inducido á maioría social en forma de rebaixas salariais e austeridade do sector público se viu recompensado por un éxito da política económica en termos de creación de emprego –mais ben todo o contrario. O par “aforro reducido – elevado desemprego” tornou así nunha combinación nefasta para as clases medias e baixas, traducido en incrementos nos niveis de pobreza, desigualdade e sufrimento da maioría social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.