AGE: Novo proceso constituínte e "sorpasso" ó PSOE

Un dos membros de AGE, o Espazo Ecosocialista Galego, defende un "novo proceso constituínte" para España e subliña que "os casos de corrupción política non só refliten corrupción económica, senón política e ética dun réxime con grandes eivas democráticas e esgotado no seu armazón xurídico-institucional". Non se trata xa de corrixir pequenos problemas da estrutura política e económica española, senón de refundar a propia democracia para superar os vicios que se asentaron nunha transición que impuxo un modelo ó servizo dos poderes económicos e políticos procedentes da ditadura, grupos que están a mostrar o seu parasitismo social de forma flagrante nas últimas semanas: desde os políticos ata os empresariais pasando pola monarquía.

A refundación do estado non se pode conseguir máis que alcanzando unha maioría social e política, razón pola que o Espazo Ecosocialista Galego aposta por unha colaboración de tódalas forzas progresistas

A refundación do estado non se pode conseguir máis que alcanzando unha maioría social e política, razón pola que o Espazo Ecosocialista Galego aposta por unha colaboración de tódalas forzas progresistas do espectro político en lugar de permanecer en bloques estancos que só levan ó sectarismo ideolóxico. Esta colaboración que se conseguiu en Galicia entre Esquerda Unida, Anova, Espazo Ecosocialista Galego e Equo (aínda que debe seguir ampliándose a outros colectivos), tamén pode estenderse ó resto de España con forzas como ICV, Chunta, IPV-Compromis, Iniciativa Verds ou Primavera Andaluza. Aí están as eleccións europeas á volta da esquina para darlles en toda a cara ós culpables da situación actual.

Esta cooperación política é ben valorada pola cidadanía como nolo mostran as últimas enquisas electorais, que deixan a AGE a un paso de superar a un PSdeG-PSOE incapaz de reaccionar, como un boxeador noqueado

Esta cooperación política é ben valorada pola cidadanía como nolo mostran as últimas enquisas electorais, que deixan a AGE a un paso de superar a un PSdeG-PSOE incapaz de reaccionar, como un boxeador noqueado; a xente entende que a unión de varias sensibilidades políticas reflicte un interese real por cambiar as cousas mentres que percibe o illamento partidista como dogmatismo sectario. Non existe ningunha razón pola que esta situación non se poda producir tamén a nivel de toda España, dada a desafección non só da cidadanía progresista co PSOE, partido que forma parte do sistema antisocial actual, senón incluso dos seus propios votantes e afiliados: hai que ter en conta que as persoas que votan ou se afilian ó PSOE se definen e senten de esquerda, a pesar das políticas conservadoras que defenden o seu aparato dirixente, abducido polo poder económico neoliberal.

O que está en cuestión xa non é só a supremacía do PSOE na esquerda senón incluso a súa propia supervivencia. Do mesmo xeito que a irrupción dos partidos socialistas rompeu o bipartidismo entre os partidos burgueses e os que representaban o antigo réxime, facendo desaparecer estes últimos para pasar a apoiar ós burgueses como mal menor, cabe preguntarse se unha forza transformadora asentada no século XXI podería rachar o bipartidismo PP-PSOE, levando á desaparición do PSOE (ou ó contrario, a que este reciba o apoio dos sectores conservadores como mal menor, substituíndo o PP como partido conservador con faciana centrista).

Os partidos socialdemócratas poden desaparecer, deixando sitio para novas formas de facer política social se temos a intelixencia de presentar propostas serias e cribles, e fuxindo de posicións dogmáticas máis propias da vella política do século XX

Os procesos históricos poden depararnos moitas sorpresas e non debemos dar por inmutables situacións que, vistas en perspectiva histórica, non son nunca eternas. Os partidos socialdemócratas poden desaparecer, deixando sitio para novas formas de facer política social se temos a intelixencia de presentar propostas serias e cribles, e fuxindo de posicións dogmáticas máis propias da vella política do século XX. O poder de transformar a sociedade está nas nosas mans e só debemos ser conscientes desta realidade para que o medo deixe de paralizarnos e que empecen a sentilo os que temos enfronte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.