Agora, responsabilidade fronte ao populismo

Intervención de Alberto Núñez Feijóo ante os medios no colexio electoral no que exerceu o seu dereito ao voto o 23X © PP

O PP gañou as eleccións a Cortes Xerais cun resultado magnífico, pero Alberto Núñez Feijóo non vai poder ser elixido presidente do Goberno de España, nin sequera co apoio dun partido da extrema dereita. Como dixo unha vez o boxeador Mike Tyson, todo o mundo ten un plan até que lle dan un puñazo na boca

Malia poder lucir un balance moi positivo nesta lexislatura, o centroesquerda temía que o 23 de xullo de 2023 sería duramente castigado. Pero non pasou o que todos pensabamos que ía pasar. Certamente, o PP gañou as eleccións a Cortes Xerais cun resultado magnífico, pero Alberto Núñez Feijóo non vai poder ser elixido presidente do Goberno de España, nin sequera co apoio dun partido da extrema dereita. Como dixo unha vez o boxeador Mike Tyson, todo o mundo ten un plan até que lle dan un puñazo na boca.

O plan tiña un nome: Vox. A desfeita anunciada para a nosa democracia non aconteceu, pero o elemento sen o cal non podemos explicar o auxe do populismo de dereitas segue aí. As carísimas “políticas de axuste” aumentaron durante lustros a precariedade, a exclusión, a desigualdade e mais a inseguridade. O neoliberalismo, un insensato experimento de enxeñaría social e un sistema de xestión do capitalismo incompatíbel coa democracia, degradou a política e desestruturou a sociedade. E fixo medrar o nacionalpopulismo.

Neste contexto, a receita de Vox, á cal se achegou moito o PP, resulta tan doada como insubstancial. O ingrediente principal: “nós, o pobo”, contra “eles”, as elites, incluídas “as de Bruxelas”, corruptas e atrincheiradas no “sistema”. O aderezo: o antiintelectualismo e o moralismo, a negación da complexidade e da diversidade, a mentira. O convidado: o cidadán atemorizado, desconfiado, resentido e encolerizado, convencido de que “os políticos” distantes non reparan nel, necesitado de solucións rápidas e sinxelas, disposto a emitir un voto emocional, nostálxico e pesimista contra o establishment.

Cando o “sistema” falla, o populismo de dereitas ofrece traducir os efectos destrutivos do neoliberalismo nun sentimento de ameaza identitaria inducido polo “sanchismo”, un significante baleiro no cal collen todas as esquerdas. Nas eleccións, esta proposta de Vox, que o PP asumiu en boa medida, non foi aceptada maioritariamente. A democracia aínda conta coa cidadanía que precisa, informada, reflexiva e prudente, que pensa no ben común e ten en conta as consecuencias a longo prazo das súas decisións. Con todo, un de cada tres votos foi para o PP, un de cada oito para Vox. Entre os dous suman nada menos que un 45% dos sufraxios.

Agora cómpre que os partidos demócratas tiren de responsabilidade para negociaren con firmeza e serenidade unha axenda política que fortaleza as institucións, que robusteza o Estado do benestar, o sindicalismo, o sistema tributario, a protección do medio, que garanta a calidade da democracia

Agora cómpre que os partidos demócratas tiren de responsabilidade para negociaren con firmeza e serenidade unha axenda política que fortaleza as institucións, que robusteza o Estado do benestar, o sindicalismo, o sistema tributario, a protección do medio, que garanta a calidade da democracia; e que vaia desmontando o discurso clasista e neoliberal que fomenta o odio, o autoritarismo, o ultranacionalismo e o centralismo, o antieuropeísmo, a xenofobia, o negacionismo histórico e climático, o tradicionalismo católico, o antifeminismo, a “austeridade”.

A democracia é unha das conquistas máis brillantes da humanidade, e non preservala é o erro máis grave que podemos cometer. Non pasou o que todos temiamos que ía pasar, e o populismo de dereitas constatou o doloroso que é un puñazo na boca. Pero a historia non remata aquí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.