Agroma un mundo novo

Dende a xa distante segunda metade do século XX  —coas figuras emblemáticas de Fidel, o Che, Allende, ou o significado da derrota norteamericana no Vietnam e as loitas de liberación nacional africanas— non se tiñan producido avances significativos das forzas progresistas no mundo. Máis ben ao contrario. A desaparición da Unión Soviética, adecuado contrapeso para o equilibrio mundial ata finais dos oitenta, fixo que o Capital Financeiro cantase vitoria. Púxose de moda a Fin da Historia e o Pensamento Único onde a Democracia Liberal era o único sistema posíbel. As ideoloxías xa non eran necesarias, as guerras xa non tiñan sentido e unha Nova Orde baseada na Paz estaba esperando á Humanidade. Fermosas palabras que levaría o vento coa pronta intervención occidental en Iugoslavia e a repartición dos Balcáns —daquela a imposición a Serbia da autodeterminación de Kosovo non foi ningún problema— entre as voraces transnacionais, ademais de asegurar o control do narcotráfico mundial procedente de Afganistán. Occidente tampouco tivo ningún empacho en limpar o traseiro cos papeis mollados dos acordos con Gorvachov que “prometían” que a OTAN non avanzaría cara o leste.

Dende a xa distante segunda metade do século XX  —coas figuras de Fidel, o Che, Allende, ou o significado da derrota norteamericana no Vietnam e as loitas de liberación nacional africanas— non se tiñan producido avances significativos das forzas progresistas no mundo

A crúa realidade era que pintaban bastos para a periferia do Sistema —colonias, países non aliñados e o mundo emerxente— e, naquela altura, o Imperio Americano logrou o estancamento, cando non a derrota, de moitos dos numerosos movementos progresistas que había no mundo mediante a intervención militar e o suborno, ademais do afogamento económico e financeiro de países rebeldes. Mais algúns resistiron.

Neste contexto de exaltación capitalista comezaron os ataques —no propio centro do Sistema e na periferia próxima— contra as vellas conquistas  dos traballadores que dende o s.XIX foron arrincando parcelas de poder ás clases dominantes e logrando unha maior distribución da riqueza e instalando o pensamento de “Estado do Benestar” dándolle dignidade e traballo a millóns de persoas en todo o mundo. Todo o conseguido ata a década dos noventa foise desmontando, coa chegada do novo milenio e a Globalización, acelerándose na época presente coma nunca se tiña producido despois da II Guerra Mundial.

Todo o conseguido ata a década dos noventa foise desmontando, coa chegada do novo milenio e a Globalización, acelerándose na época presente coma nunca se tiña producido despois da II Guerra Mundial

Ninguén ousaba meterse con Estados Unidos. China estaba demasiado enfrascada no seu desenvolvemento económico, Rusia dividida e desfeita economicamente e moitos outros países resituándose de acordo cos seus intereses para non incomodar ao Imperio. No Consello de Seguridade da ONU só exercía o veto USA, algúns —Rusia e China— como moito abstíñanse e na OEA facíase o que mandaba o poderoso veciño do Norte. Todo iso ía en correlación coa Fin da Historia e a supremacía do Imperio de Occidente. O Tío Sam estaba exultante.

O Mundo é demasiado grande e complexo para ser gobernado por un Imperio, por moi poderoso que sexa. Xa pasou antes

Mais o Mundo é demasiado grande e complexo para ser gobernado por un Imperio, por moi poderoso que sexa. Xa pasou antes. Nos últimos dez anos en América Latina logrouse construír un consenso baseado na soberanía e na independencia nacional coma nunca se tiña producido antes. Baixo o liderado de Hugo Chávez e Fidel púxose en marcha a ALBA en 2004. En 2008 iníciase o proceso para a constitución de UNASUR culminado en 2011. O ideario destas organizacións baséase na participación cidadá e a integración latinoamericana utilizando as políticas sociais e o diálogo político fronte ao intervencionismo. Alguén se acorda da soidade cubana fronte á permanente hostilidade do Norte? Non está aínda tan distante, sen embargo, a principios do mes de marzo deste ano logrouse algo insólito: que a OEA apoiase ao goberno bolivariano de Venezuela fronte ao golpismo da dereita deixando en minoría a Estados Unidos e Canadá que só tiveron o voto de Panamá. Os ianquis tiveron que escoitar por vez primeira nese organismo —que case sempre fixo o que eles lle mandaron— que a OEA amosase “a solidariedade e apoio ás institucións democráticas … da República Bolivariana de Venezuela e … o respecto ao principio de non intervención nos asuntos internos dos Estados”.  Algo insólito na historia desta institución e que aínda lle debe estar proendo a Obama.

Na outra parte do mundo ocorre algo parecido. Rusia, á que se tivo que escoitar e facerlle caso no conflito sirio, volveu facer unha xogada mestra no caso ucraíno

Na outra parte do mundo ocorre algo parecido. Rusia, á que se tivo que escoitar e facerlle caso no conflito sirio, volveu facer unha xogada mestra no caso ucraíno. Despois de comprobar como se facía táboa rasa do acordo entre os líderes do Maidán e o goberno lexítimo de Ucraína e se producía o asalto dos nazis ao poder co beneplácito de Estados Unidos e a UE decidiu actuar. A decisión rusa de amparar o dereito de autodeterminación de Crimea —antiga república autónoma de Rusia na época soviética cedida a Ucraína por Kruchev— foi a xusta resposta ao expansionismo da OTAN —sen disparar un tiro— e logrando un apoio esmagador no referendo de independencia. Quixeron poñer de xeonllos a Rusia e o que se encontrou o mundo foi o rexurdimento dunha nova Potencia con apoios de India, China, Irán ou mesmo Arxentina e a división da UE —disimulada cunhas sancións ridículas— cada vez máis impotente e confundida co seu seguidismo americano.

O camiño a un mundo multipolar xa é imparábel e pode ser posíbel que a curto prazo o dólar e o euro lles saia un poderoso competidor —coma o yuan chino ou unha nova moeda de intercambio internacional apoiada polos países emerxentes

É certo que nos bloques emerxentes non hai un denominador común en políticas económicas e sociais, mais si que existe na defensa contra o intervencionismo imperialista e a soberanía nacional. O camiño a un mundo multipolar xa é imparábel e pode ser posíbel que a curto prazo o dólar e o euro lles saia un poderoso competidor —coma o yuan chino ou unha nova moeda de intercambio internacional apoiada polos países emerxentes— que estaría en condicións de disputarlle a supremacía ás divisas occidentais o que podería levar a un cambio radical da morfoloxía económica e política do mundo actual a medio prazo. Por outra parte, moitos países dependentes verán que hai outras posibilidades que manterse baixo a éxida americana. Ademais, os eslavos europeos —significativos, diversos e pouco pro occidentais— están mirando a Rusia e iso pode facer variar moitas cousas. Se o de Siria foi un síntoma o de Crimea é a confirmación da existencia dun novo paradigma internacional en rápida evolución. Haberá golpes de efecto, ameazas e fogos de artificio, pero a nova orde é imparábel.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.