Ai, a maternidade!

Leo os comentarios que suscitou o meu artigo a Populista. Paréceme ben que disinta. Concordo coa frase de Evelyn Beatrice Hall (1868-1956), que escribiu co pseudónimo masculino SG. Tallentyre, como acostumaban facer moitas escritoras desa época, “Non estou de acordo co que dis, pero defenderei até a morte o teu dereito a dicilo”. O mesmo farás ti co meu disentir.

Non quero darche as grazas por concederlle ás mulleres o dereito a non aleitar. Escapóuseche. Penso que es un defensor do feminismo da diferenza, como a maioría dos homes, e, daquela, da íntima relación do feminino co maternal, base da súa opresión e fundamento da súa identidade. Tanto que, segundo dis, durante nove meses mamando, a criatura non existe e ten a mesma identidade da nai. Un DNI compartido. Non sei por que na ditadura non me deixaban ir á feira de Valença coa miña crianza sen o permiso paterno. Tampouco comprendo por que vacinar é científico e non capitalista, e aleitar é científico e capitalista. Ai, o capitalismo, na boca de todos, serve a todos e carga con todo. Alibí.

Recomenda o Populista ás feministas pedir unha baixa de nove meses maternal e paternal, como na Rusia soviética. Deixando a parte que entre Lenin e Stalin produciron millóns de baixas definitivas, na Galiza das bisavoas existía a covada: o pai metíase no leito a tomar a sopa de galiña cando a muller paría. Tipos de baixas.

E de alimentación. Eu, na posguerra fun aleitada cando menos dous anos. Fame non pasei pero tiven un problema bucal por falta de vitamina C, como os vellos mariñeiros. Cando lle tocou parir á miña xeración, entre o biberón, as papas de froita, os Blevit e a hixiene, saíron máis fortes e altas.

Da maternidade fálase hai pouco. Antes as mulleres parían, sen máis, sen pensalo, nin desexalo, nin programalo. O malo era que non podían evitalo.

O recente é a paternidade, promovida polo feminismo, (o burgués?). Os papás colleron o rol tolos de emoción e coidan, cambian cueiros, alimentan. Que dirían os avós, avergonzados de que os visen cos fillos na rúa? Os homes comezaron a levar os carriños, cunha soa man! a mediados dos 60. Pois dirían que se amariconaron. Que cousas! Unha especie ben rara a nosa. 

Como circulará o desexo nese novo universo? Os homes actuais, na disxunción debátense entre o corpo reprodutor e o libidinal.  Os avós non dubidaban en teren o libidinal fóra da casa.

Canto ao maternal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.