Alberto Núñez Bonaparte

A democracia é coma a toponimia. Tamén se pode deturpar, baleirala coma un coco a comenencia dos gobernantes. É ben coñecido como Adolf Hitler aproveitou a República de Weimar coma un tobogán para rebentar o sistema desde o alto. Outros ditadores valéronse das urnas para darlles aos seus mandatos carimbo de lexitimidade, desde Teodoro Obiang, en Guiné Ecuatorial, ao propio Franco.

Mais o meu favorito é Napoleón III. En decembro do 1848 gaña con amplísima maioría as primeiras eleccións con sufraxio universal –masculino– que se celebraron en Francia. O seu mandato como príncipe presidente da II República chocou cun parlamento dominado polos monárquicos que pelexou duro por só concederlle o dereito ao voto a quen cumprise unha serie de requirimentos (ter propiedades, saber ler e escribir...). O bo de Napoleón, que se tiña por un santo e que incluso nalgúns momentos pensaba que tiña o primeiro Napoleón dentro, dá un golpe de Estado no 1852 en defensa do sufraxio universal e deseguido se proclama emperador cun masivo apoio electoral.

Ten razón Xosé Manuel Beiras: o 21 de outubro non votamos unicamente a composición da casona do Hórreo; votamos un cambio de réxime

Durante o Imperio de Napoleón III nunca se deixou de votar. O sufraxio universal era a marca de identidade dun réxime tiránico que encarcerou miles de presos políticos, reprimiu con rixo o movemento obreiro e embarcou a Francia en guerras e conxuras internacionais que só beneficiaron a cada vez máis acadalada burguesía industrial mentres se agrandaban as desigualdades sociais. O emperador asegurábase gañar as eleccións grazas a un deseño electoral feito a medida, con circunscricións pensadas para maximizar os caladoiros afíns e abafar calquera posibilidade de alternativa republicana. É o que se coñece como imperialismo liberal e que acabou na heroica e malfadada Comuna de París (1871).

150 anos despois, a Napoleón III saíulle un admirador en Galicia. O presidente galego talvez nin saiba que eses trucos de reducir deputados e facer que vallan máis os votos do leste ca os do oeste xa os inventaran outros hai tanto tempo. A cuestión é que o adianto electoral converteu a reforma do parlamento na gran promesa electoral do PP, nun dos eixes do que será a próxima lexislatura que se abrirá nos albores do inverno. Ten razón Xosé Manuel Beiras: o 21 de outubro non votamos unicamente a composición da casona do Hórreo; votamos un cambio de réxime, desnatado, certo, pero perigoso, manobrando até o límite coa ambigüidade que deixa o Estatuto e en consonancia coa ampla reforma centralista que ultima Mariano Raxoi.

Se o luns 22 de outubro amence gañador, interpretará o triunfo coma un cheque en branco

Os populares saben, coma Napoleón III, que a democracia pode se deturpar; que igual que sucedía naquela Europa do século XIX onde xa non se vía ben o absolutismo puro e duro, o autoritarismo hoxe en día hai que vestilo necesariamente con votos, con votos a favor. A crise económica xa hai tempo que se converteu nunha reacción do capitalismo contra as concesións que o convulso século XX lle obrigou a facer en forma de benestar social. Núñez Feixoo promete poñer o seu granciño de area nesta guerra de clases. Se o luns 22 de outubro amence gañador, interpretará o triunfo coma un cheque en branco.

Para quen teña dúbidas, que recorde como defendeu a seitura contra a cultura en idioma galego como "o primeiro mandato que recibín das urnas", a primeira e única promesa que cumpriu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.