Albóndegas de cabalo canso

"Se no Ikea todo o que venden é para o montar, de que pensabades que estaban feitas as súas albóndegas?". Frases coma esta asolagan arestora as redes sociais co gallo de se coñecer que tamén a transnacional sueca empregou carne de cabalo na súa comida preelaborada. "Nin de Ikea nos podemos fiar. Co boas que estaban as súas albóndegas!", comentaba a locutora de radio Gemma Nierga. Entre a broma e a decepción, os medios de comunicación subliñan que "non se trata dun problema de seguridade alimentaria senón de simple fraude". Ah, de acordo. A fraude do gato pola lebre que xa que non mata, engorda.

Entre a broma e a decepción, os medios de comunicación subliñan que "non se trata dun problema de seguridade alimentaria senón de simple fraude"

O problema principal do caso é a definición das trazas –así é como lle chaman a esas ínfimas porcentaxes de calquera produto que se coa noutro, pegadas insólitas que aceptamos como normais cando lemos que uns ravioli con tomate ou unhas patacas fritas poden contar restos de cacahuete. Na industria alimentaria permítese engordar o volume de calquera comida desde o momento da cría até o intre de envasalo no plástico. De aí que o xamón cocido teña fosfatos, a peituga de pavo máis buratos ca o gruyere (mátanos a perdigóns?) e haxa queixos de barra que xa se denominan popularmente "de pataca" porque, en efecto, saben a pataca e conteñen aditivos extraídos da pataca.

A fraude da carne de cabalo desvelou un mapa de Europa no que as grandes corporacións xogan ás agochadas coas axencias europeas da calidade alimentaria aproveitando a liberdade de circulación

A fraude da carne de cabalo desvelou un mapa de Europa no que as grandes corporacións xogan ás agochadas coas axencias europeas da calidade alimentaria aproveitando a liberdade de circulación. Cabalos desafiuzados que se criaran para calquera cousa menos comelos, inxectados unha millenta de veces con antibióticos e anabolizantes. Vítimas dunha crise que acabou co mercado equino da recreación, que pasean polas protectoras de animais ranqueantes antes de que un capitalista espelido os compre en Sicilia para facer os sacrificar en Romanía e moelos en carne picada en Chipre antes de llelos vender á Nestlé e outros en Bélxica.

Os medios poñen o foco no feito de que é carne de cabalo para que o público se escandalice de que se consuma un animal totémico, o menos animal dos animais xa desde os tempos do Imperio romano. Mais a cuestión é o modelo industrial, pensado unicamente para aumentar os beneficios dos transformadores e distribuidores mentres se arruínan os produtores e se degrada a calidade do consumo no nome dos baixos prezos.

Véndennos a panacea de que agora podemos comer tomate en decembro e uvas en xullo. Tomates e uvas que saben a cartón, ensopadas en agrotóxicos.

Esa falacia estendida de que hoxe se come mellor ca nunca só se mantén en pé grazas ao prezo dos carburantes e aos tratados de libre comercio que nos venden a panacea de que agora podemos comer tomate en decembro e uvas en xullo. Tomates e uvas que saben a cartón, ensopadas en agrotóxicos. Calquera que percorra a provincia de Ourense verá ducias de granxas de vacas arrodeadas de campos de cereais. Os becerros ven desde o outro lado do pastor eléctrico os verdes pastos mentres tripan nun lameiro onde os alimentan con pensos.

En Galicia xa son moitos os que procuran outro modelo de produción e consumo. Agricultura respectuosa cos ciclos da natureza, deseñada a longo prazo para ser sustentable e sa

A vía de cambio témola na casa. En Galicia xa son moitos os que procuran outro modelo de produción e consumo. Agricultura respectuosa cos ciclos da natureza, deseñada a longo prazo para ser sustentable e sa. Gandaría que se arrepón á ilóxica ordenación do territorio rural e cría animais a base de herba e de paciencia. Pequenas empresas que fabrican marmeladas ou conservas sen necesidade de converter as súas etiquetas en novelas de fantasía ou desafíos á vista con tipografía cada vez máis pequena.

Que estes negocios sexan rendibles depende de nós. Que valor lle damos á nosa saúde? É máis importante gozar do que sabemos que é bo ou daquilo que a publicidade nos di que é saboroso? Saben os tomates da casa a cartón?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.