Alegacións contra dunha multa por reparar o mural do camarada Xosé Portela

Mural en homenaxe a Xosé Portela (4 de agosto de 2020) ©

O dia 16 de decembro, notificóuseme a incoación dun expediente sancionador pola presunta infracción do artigo 74k da Ordenanza de xestión de residuos municipais e limpeza viaria, por “realizar pintadas, o dia 26 de novembro de 2020, na r/Doutor Ferrant 10” na Coruña.


ALEGACIÓNS

Diante desta incoación dun expediente sancionador, e empregando o meu dereito a facer alegacións, quero manifestar o seguinte:

 

PRIMEIRO:

O 4 de xullo fina Xosé Manuel Portela. O 4 de agosto realizase un mural na súa honra na rúa Doutor Ferrant. O día 19 de novembro é atacado o mural con pintura branca, nun posible delito de odio, dado que só se ataca a cara do compañeiro homenaxeado e a fouce e o martelo. O día 26 de novembro realízase a reparación do mural. Na metade da reparación, aparecen dous coches patrulla da Policía Local, parándose enriba da beira rúa por onde circulan os peóns. Baixan un par de axentes e nos preguntan que estamos facendo, ao cal, respondemos que estamos reparando un mural en homenaxe ao noso compañeiro Xosé Portela. Pregúntannos se o mural xa estaba e lle respondemos cunha afirmación. Pídennos que lles ensinemos a documentación e accedemos. Mentres toman os nosos datos, nós continuamos coa reparación. Sendo unha vez identificados, devólvennos os nosos documentos e marchan da zona, podendo, nós, rematar a restauración do mural de homenaxe a Xosé Manuel Portela. 

 

SEGUNDO:

É unha vergoña que por parte deste Concello se me incoe un expediente para multarme por reparar un mural en honra a Xosé Portela, veciño da Coruña, traballador da UDC, sindicalista e activista social, un motor de cambio e de loita da cidade, un verdadeiro exemplo de solidariedade e da transformación social. O Concello coa súa actitude represiva non só está insultando a veciñanza que decidiu honrar ao seu amigo, compañeiro e camarada, cun mural. Está insultando o máis básico dun verdadeiro sistema democrático que é que “o pobo manda e o goberno obedece”, e isto non deberían esquecelo nunca. Pero non agardo nada de vostedes, xa que vostedes son os representantes da burguesía e dos seus intereses económicos, e como tal permiten que os seus veciños e veciñas sexan desafiuzados sen ningunha alternativa habitacional; permiten que miles de veciñas e veciños sufran o desemprego e a exclusión social sen ningún tipo de políticas de emprego e levando a moitas familias a ter que pedir axudas a uns servizos sociais que os trata como refugallos, en vez de persoas veciños e veciñas desta cidade que son; permiten que familias de Elviña sufran as consecuencias dunha política urbanística de depredación ao servizo dos vosos amos, sen unha desafectación do proxecto do Ofimático; permiten que o barrio de Labañou sexa novamente espoliado para continuar coa súa política dos ladrillos, como no caso das Percebeiras, ou que o barrio do Agra do Orzán non teña un pequeno parque no Observatorio; permiten que as persoas de mobilidade reducida padezan día a día unha cidade hostil chea de trabas urbanísticas; permiten que delincuentes amedrenten a veciñanza de Palavea mentres vostedes e a súa Policía Local miran para outro lado; permiten que traballadores e traballadoras das contratas do Concello estean en precario baixo empresas piratas, con contratos públicos caducados ou nun limbo legal, como as traballadoras e traballadores das bibliotecas. Podería continuar, pero como exemplos penso que serven para mostrar de que lado están vostedes. Por certo, en todas estas reivindicacións que acabo de nomear o camarada Xosé Portela estivo e segue presente. Así que se hai que poñerlle unha multa a alguén penso que o Concello e os seus representantes serían os seus destinatarios e non nós. Pero como a historia nos ensina que as cousas cambian e o pobo cando se enfada é capaz de todo, son optimista de que as cousas que citei sexan mudadas de raíz, e que os que agora permiten todo este tipo de cousas e perseguen aos que honramos aos nosos mortos, sexan xulgados polos seus delitos. Mentres tanto, seguirei orgulloso de reparar unha e mil veces o mural do meu amigo e camarada Xosé Portela. 

Mural en homenaxe a Xosé Portela (19 de novembro de 2020) ©
Mural en homenaxe a Xosé Portela (26 de novembro 2020) ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.