A crise climática xa está aquí. Europa, especialmente no sur, acaba de padecer unha vaga incendiaria que superou o millón de hectáreas calcinadas
A crise climática xa está aquí. Europa, especialmente no sur, acaba de padecer unha vaga incendiaria que superou o millón de hectáreas calcinadas. Unha vaga de lumes propiciada por unha ola de calor que está a bater, como cada ano, todos os récords históricos. No caso galego a vaga incendiaria é a peor da súa historia. A magnitude da traxedia é dificilmente reproducible mediante números, malia iso, compre sinalar que os lumes deixaron preto de 160000 hectáreas queimadas segundo o satélite Copernicus, varios mortos, numerosas vilas e paraxes naturais de incalculable valor arrasados e unha ferida na memoria colectiva que non se vía dende a criminal catástrofe do Prestige.
O primeiro que cabe sinalar é que a crise climática non é un fenómeno illado puramente natural. A sociedade e o sistema baixo o cal nos organizamos non é alleo á natureza, senón que están profundamente imbricados. Todas as mentes desta sociedade, salvando algún desnortado libertario, recoñecemos que vivimos baixo o sistema capitalista. Este sistema reduce toda a sociedade a un xigantesco arsenal de mercadorías, na que a lóxica do beneficio - a lóxica de crear de xeito insaciable máis capital - é a que sela os nosos destinos por enriba das nosas necesidades particulares. Para este vampiro, a natureza e o traballo humano non son máis ca obxectos de explotación. Así é como o insaciable apetito da acumulación capitalista está a xerar toda clase de desperdicios, incluídas as emisións de toda esa gama de gases de efecto invernadoiro que están a piques de converter a vida no planeta terra nun xigantesco cemiterio. Os incendios de sexta xeración, as dinas, as secas, etc non son máis que diversos fenómenos desta crise climática inducida.
Este ecosistema capitalista está na antesala dunha profunda crise. Boa parte das economías da OCDE están sumidas nunha espiral onde se combinan raquíticas taxas de crecemento, unha rampante inflación, e un estancamento ou queda dos salarios reais. Os estados capitalistas responden a este escenario cunha receita que se achega cada vez ao binomio de militarismo e austeridade. No que atinxe á austeridade é especialmente ilustrativo o caso español, onde o estado e as comunidades autónomas pasaron dun presuposto adicado á prevención de incendios de 364 a 176 millóns de euros. Por outra banda a crise capitalista profundiza o abandono do rural, co conseguinte descoidado do monte.
A Xunta do PP leva anos facendo recortes e deixando máis vulnerable ca nunca o monte galego
A Xunta do PP leva anos facendo recortes e deixando máis vulnerable ca nunca o monte galego. É así como en canto ficou aberta a tempada de alto risco de incendios a Xunta contaba cun recorte de persoal de incendios dun 21%, ao que se suman seis anos de precarización deste sector da clase traballadora. Os eucaliptos e as axudas a un turismo rural desenfreado son outra das marcas da casa da Xunta e, malia que estas causas non foron especialmente significativas na recente vaga incendiaria, son un polvorín que calquera verán podería volver desencadear unha catástrofe.
Pese ante o evidente, boa parte das lecturas coas que estamos a ser bombardeadas buscan por tódolos medios agochar esta realidade, eximir ao sistema é eximir as responsabilidades políticas nesta traxedia. E é que trala lóxica capitalista do beneficio, hai beneficiarios: a clase dos capitalistas e os sicofantes que viven das súas migallas. Así é como proliferan toda clase de teorías da conspiración, os lumes serían o resultado da malvada Axenda 2030, do ecoloxismo que supostamente non deixa limpar os montes, duns terroristas incendiarios e pirómanos dos que apenas temos probas nas estatísticas, etc. Por suposto, todas estas teorías conflúen no negacionismo climático ou minimizan o impacto da crise climática. Isto último é o caso de Alfonso Rueda, o cal insúltanos afirmando que a maioría do ardido “foron pedras e mato”.
Só cabe a racionalidade: os discursos conspiranoicos o único que fan é xogo aos diferentes partidos sistémicos, sexan de extrema dereita ou de esquerda socialdemócrata
Dentro dos sectores da esquerda parlamentar galega están a proliferar como certas lecturas que vinculaban as recualificacións a favor das industriais eólicas e mineiras cos lumes, unhas políticas que como sabemos non necesitan acudir ás queimas para seren aprobadas. A súa receita, lonxe de abordar a raíz capitalista desta mísera aposta por un pequeno capitalismo verde galego. Salvando unha retórica de romantización da pequena propiedade rural, pouco separa a este proxecto da repetición dun capitalismo verde demostrado como impotente para deter a catástrofe climática na que estamos envoltos.
Dito todo isto, que podemos facer? En primeiro lugar debemos recoñecer e sinalar as lóxicas que dan lugar a estes incendios así como a todos aqueles responsables de que estas tendencias se implementen. Nese sentido, só cabe a racionalidade: os discursos conspiranoicos o único que fan é xogo aos diferentes partidos sistémicos, sexan de extrema dereita ou de esquerda socialdemócrata. Estes partidos, pola súa ancoraxe nunha mellor xestión capitalista non poden resolver o problema. Por todo isto debemos erixirnos como un axente con voz propia, lonxe do irracionalismo e dos ruídos de intereses alleos á clase traballadora e á humanidade enteira. Este axente é o único capaz de reconciliarse coa natureza, a través da regulación consciente da súa actividade social.