“Sonhadores felizes são os pessimistas. Formam o mundo à sua imagem e assim sempre conseguem estar em casa”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).
No sistema democrático que posuímos, a actividade política baséase alomenos en tres sustentáculos innegables. Un corpo ideolóxico, unha estrutura organizativa e unha pirámide de líderes que serve de nexo entre estes piares e a sociedade. O resto son andrómenas!
A desafección cara unha opción política vai medrando, na medida en que esta desdeña algún deses tres elementos substanciais. E así, aquilo que, para tecelo, levou tempo e traballo, pode esfumarse nun santiamén, cando se desvirtúa o fermento ideolóxico, se non se engraxan ben as bielas organizativas, ou cando se renuncia a liderados consistentes e cribles. E, cando iso acontece, sempre por mor dos carrapatos que inzan nas estruturas partidarias, a escape saen os predicadores botándolle a culpa á intemperie, tratando de convencer a uns e outros, de todo se pode amañar con unturas de reciclaxe e refundación. Parvadas!
Iso é o que está ocorrendo no campo nacionalista galego. Chegouse a tal grao de atasco, que levamos máis tempo da conta sen sermos capaces de conxugar acaidamente aquelas tres premisas. Entre outras razóns, porque o nivel de inercia conservadora das estruturas organizativas políticas non ten parangón no mundo asociativo. Polo tanto, a estas alturas da película, se a innovación non vén de fóra da casa, non hai nada que rañar.
Os alicerces ideolóxicos retorcéronse de tal xeito, que xa non os entende ninguén. Os chintófanos organizativos están tan enferruxados, que xa non hai graxa no mercado para facelos funcionar. E, os líderes fiables foron trousados fóra do mapa, ou queimados con bidóns de queroseno de fabricación caseira.
E agora lamentámonos porque, para salvar a colleita, hai que mesturala con uva foránea, e acabar bebendo purrela. Ou renunciar á dieta atlántica, porque o polbo con auga, seica produce vinchocas nas costas.
Ah! O meu tío Lisardo di que, se as ferramentas que posuímos están desfasadas, só resta ter a valentía de producir un instrumento novo con vimbios galegos que, por suposto, funcione con enerxías renovables autóctonas. Porque o meu tío é dos que pensa que, se aspiramos a maiores cotas de benestar, só as poderemos conseguir por nos mesmos. Pois iso, algo teremos que facer.