Alguhas propostas para o cambio

Cómpre, perante o novo mercado global, entre outras medidas, potenciar a democratización da innovación, hoxe en mans dunha elite; potenciar o cooperativismo empresarial no que impere o máximo control democrático das inversións para un desenvolvemento racional da economía

A nova configuración da realidade que estamos a vivir esixe, ao noso entender,  da emerxencia de novas políticas que teña como eixe a radicalidade democrática, o amparo irrenunciable da dignidade das persoas e da igualdade de oportunidades. Cómpre, daquela, perante o novo mercado global, entre outras medidas, potenciar a democratización da innovación, hoxe en mans dunha elite; potenciar o cooperativismo empresarial no que impere o máximo control democrático das inversións para un desenvolvemento racional da economía; ademais de liberar o espazo económico dos atrancos actuais para facilitar así o libre emprendemento.

Estas medidas irían encamiñadas a transcender un sistema económico construído a prol das elites, para, deste modo, facer agromar unha verdadeira transformación produtiva respectuosa co medio ambiente e a prol da maioría social e con posibilidades de competir con éxito no novo mercado global. Un exemplo paradigmático neste eido represéntao a Corporación Mondragón, un dos complexos cooperativos máis importantes do mundo polo seu volume, pola xestión democrática, pola súa capacidade de innovación, polo seu rendemento social e pola súa eficacia produtiva. Do contrario, os países do sur europeo poderían vivir importantes convulsións sociais de dramáticas consecuencias para toda Europa como xa aconteceu despois da crise de 1929, coa aparición do fascismo e o nazismo, que remataron dando lugar á Segunda Guerra Mundial.

Estas medidas irían encamiñadas a transcender un sistema económico construído a prol das elites, para, deste modo, facer agromar unha verdadeira transformación produtiva respectuosa co medio ambiente e a prol da maioría social

Por outra banda, o progresivo deterioro das condicións de vida da maioría social, a fragmentación socio-económica e a descomposición de moitos actores socio-políticos nos países do sur de Europa, están a potenciar, mesmamente, o esfarelamento das institucións sociais e políticas que vertebran a vida nestes países. Este deterioro institucional que nos leva á devandita descomposición social, esixe, tamén, de respostas creativas e transformadoras, pero, sobre todo, dunha nova vertebración social que emerxa dende a base e que permita revertir a situación actual; xa que o actual deterioro  poidera ser aproveitado por movementos integristas, polos propios mercados ou polos diferentes populismos que agroman neste tipo de situacións valéndose do progresivo descontento social.

Na medida en que aumenta este deterioro institucional polo proceso de descomposición e desintegración social que se está a operar, confórmanse con máis forza dúas beiras, substanciadas nos chamados mercados por unha banda e no xa deteriorado mundo da vida, onde realmente se plasman as necesidades humanas e se constrúen os valores e o sentido, pola outra. Da dialéctica que abrolla destas dúas dimensións da realidade nace, sen lugar a dúbidas, o gran conflito actual, que cómpre tentar superar dende novas propostas políticas radicalmente democratizadoras, xa que é dende a política dende onde cómpre xerar novas alternativas que superen o deterioro da realidade que hoxe estamos a vivir.

Confórmanse con máis forza dúas beiras, substanciadas nos chamados mercados por unha banda e no xa deteriorado mundo da vida 

Por todo o devandito, pensamos que hoxe, superados os grandes relatos que lle deron sentido á realidade no pasado e cunhas sociedades insolidarias, en proceso de desocialización pola súa fragmentación e desvinculación do eido económico, non parece haber outra realidade na que se poida asentar unha alternativa humanizadora que supere o conflito devandito que non sexa no propio suxeito, portador en si mesmo de dereitos inalienables que se fundamentan na dignidade da persoa, e polo tanto universais; ateigado, ademais, de singularidades culturais, de capacidades creativas e de arelas emancipadoras. Dende a conciencia e a vontade deste novo actor, cómpre, daquela,  erguer novas institucións realmente representativas da cidadanía, co obxectivo de abrir un novo abano de oportunidades para un novo individuo dotado das capacidades e instrumentos necesarios para construír unha vida con sentido, elixida dende a liberdade. Tal obxectivo impón a necesidade de liberar os diversos espazos da actual realidade das estruturas oligárquicas e corporativas que teñen secuestrado o Sistema e están a afogar a creatividade e o dinamismo destes novos actores.

Dende a conciencia e a vontade deste novo actor, cómpre, daquela, erguer novas institucións realmente representativas da cidadanía, co obxectivo de abrir un novo abano de oportunidades

Coidamos, en consecuencia, que a asunción destes obxectivos permitirían transcender a gran fragmentación social existente, xa que os históricos intereses de clase, nunha sociedade de servizos tan diversificada e fragmentada como na que vivimos e no contexto globalizador no que estamos, están moi diluídos e debilitados; incapaces, xa que logo, por si mesmos, de xerar unha unidade de acción o suficientemente ampla que nos permita artellar unha alternativa viable á situación actual. Esta é a cuestión. Pois, o principal problema hoxe non nace só do reparto de beneficios da produción entre asalariados e o pequeno e mediano empresariado, senón que vai moito máis aló, para emerxer agora, principalmente, das contradicións que se producen entre os intereses dos mercados globalizados e dominados polo gran capital económico e financeiro e os dereitos fundamentais dunha cidadanía enormemente diversa e impotente ante a nova configuración do poder, e como consecuencia desta impotencia,  está vendo día tras día agredida na súa dignidade. Este é o gran conflito referencial que temos que tentar superar.

Cómpre, daquela, que este individuo que hoxe vive só e illado, degradado e instrumentalizado polas forzas do mercado; primeiro se  afirme en si mesmo, tomando conciencia da súa realidade; para logo, tentar cohesionar as diversas sensibilidades, os diversos intereses sociais, políticos, económicos e culturais baixo un denominador común: a defensa dos dereitos fundamentais; porque son estes os que están sendo agredidos acotío; e só, mediante un auténtico exercicio democrático ancorado en todas as institucións das distintas esferas que conforman a realidade se poderán defender os intereses da gran maioría da sociedade.

Cómpre, daquela, que este individuo que hoxe vive só e illado, degradado e instrumentalizado polas forzas do mercado; primeiro se  afirme en si mesmo, tomando conciencia da súa realidade

Pensamos, xa que logo, que só o suxeito, dotado de conciencia e vontade, que integra en si mesmo a subxectividade e a obxectividade, pode unir os fragmentos nos que se encontra dividida a modernidade tardía, serve de núcleo integrador mediante unha actividade política transformadora e radicalmente democrática, para institucionalizar, desta maneira, unha nova sociedade cimentada nun principio moral incuestionable como son os dereitos fundamentais do individuo.

institucionalizar, desta maneira, unha nova sociedade cimentada nun principio moral incuestionable como son os dereitos fundamentais do individuo

Polo devandito, cómpre unha revisión da maioría das construcións sociais e políticas que emerxeron das ideas do século XIX, xa que non están a respostar axeitadamente á nova realidade, determinada pola globalización económica neoliberal. Daquela, necesitamos configurar novos instrumentos para reverter a actual situación e non continuar instalados na lamentación actual, sen ningunha capacidade de resolución. Porque, ademais da impotencia dos propios Estados ante os poderes financeiros e económicos globais, vémonos na necesidade, neste país, de plantexar alternativas claramente democráticas á  estrutura dun réxime no que a maioría das institución representativas están baixo o control de oligarquías políticas e económico-financeiras afastadas dos intereses da maioría dos cidadáns e en moitos casos, en conivencia co poder xudicial, o que impide tomar as medidas necesarias para liberar as enerxías creadoras da gran maioría da poboación, desvirtúandose así o actual sistema democrático ao convertelo nun instrumento ao servizo das oligarquías devanditas. 

Pero, fundamentalmente, necesitamos partir dun principio sólido, incuestionable política e moralmente, como son os dereitos fundamentais, que funcionarían como unha gran autoestrada vertebradora da realidade, pero ateigada de centos de corredores intercomunicados que canalizarían a diversidade cultural na que están inmersos os distintos suxeitos.

Fóra deste suxeito que representa a vontade consciente do ser humano, só temos os mercados por unha banda e os integrismos, populismos e neofascismos pola outra

Polo tanto, coidamos que hoxe, só en base á defensa dos dereitos fundamentais como garantes da dignidade das persoas, do pensamento racional como instrumento liberador e do respecto e potenciación da diversidade cultural como realidade conformadora  e enriquecedora dos distintos suxeitos, deberemos enfrontar a complexidade actual para construír unha nova Modernidade máis cohesionada socialmente, máis humana e onde as institucións sexan realmente representativas da pluralidade social e dos intereses da maioría. Fóra deste suxeito que representa a vontade consciente do ser humano, só temos os mercados por unha banda e os integrismos, populismos e neofascismos pola outra, dispostos sempre a cosificar e instrumentalizar en nome de intereses alleos aos da propia persoa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.