Algunhas propostas para evitar o declive de Europa

Bandeira da UE Dominio Público Praza Pública

O proxecto europeo terá éxito so si garanta o benestar dos cidadáns europeos e un lugar para Europa nun mundo globalizado e en harmonía. Un día tras outro, ambas cousas parecen afastarse cada vez mais” (JOSEPH STIGLITZ: Reescribir as regras da economía europea)

 

Si quere manter o seu lugar no mundo e melloralas condicións de vida e benestar dos seus cidadáns, si quere evitar o seu declive a Unión Europea non ten outra saída que revisar o camiño seguido ata hoxe, especialmente dende a crise bancaria de 2008. Unha revisión que pasa por abrir un debate sobre os distintos tratados, empezando polo Tratado de Maastricht (1992) e continuando polo Pacto de Estabilidade e Crecemento (1997), así como sobre o lugar que o público debe desempeñar nunha economía moderna en base as experiencias habidas. Unha revisión que esixe tamén unha democratización profunda das institucións europeas, un reforzamento da dimensión social e unha decidida aposta pola protección do medio ambiente.

 

Avances democráticos

Unha democratización das institucións comunitarias que debe poñelo foco na Comisión Europea, unha institución todopoderosa que escapa ao control democrático e que ven actuando en función dos intereses do capital internacional. Urxe a súa democratización que pasa polo control da mesma tanto polo Parlamento europeo como polos Parlamentos nacionais e por que as súas iniciativas se centren nos grandes eixos da cohesión europea.

Igualmente resulta necesario revisalo papel do Consello Europeo como órgano executivo. Hai que crear un Goberno europeo real na zona euro, con orzamento propio e relevante, capaz de realizar grandes investimentos en infraestruturas públicas, en política industrial e en investigación e desenrolo (I+D) nos que a Unión Europea arrastra un crecente atraso. Un goberno que saiba para onde ten que camiñar a Unión Europea algo que, hoxe por hoxe, esta non sabe ou si atendemos ao borrador da Axenda 2030 da Comisión Europea si sabe i é “mais do mesmo”.

 

Cambios na política monetaria

Hai un tema que urxe: o euro, que ten demostrado abondo que se converteu nun problema, e con el o Banco Central Europeo e toda a política monetaria pois as diverxencia no seo da UEM non paran de medrar en contra dos chamados criterios de converxencia. Asuntos todos estes que están na base das crises recorrentes que afectan a toda a Unión Europea pero moi especialmente a Eurozona. Hai que modificalos estatutos do Banco Central Europeo, nunha liña de maior democratización, e que os seus obxectivos ademais do control da inflación sexan o crecemento económico e a creación de emprego. 

En relación ao euro hai que partir da evidencia de que o sistema actual significa que os países da eurozona piden prestado nunha moeda que non controlan o que implica que para pagalas súas débedas deben volver a endebedarse. Unha alternativa ao euro como moeda única que sexa posible e viable sería a creación dunha moeda nacional dixital (electrónica) para cada pais da eurozona que se poida utilizar tanto no intercambios interiores como exteriores e que tería un valor de cambio propio y especifico o que devolvería a cada pais un instrumento básico da política monetaria.

Hai que regulalo sistema bancario europeo si queremos evitalas crises recorrentes, frear a especulación e facer que fluía o crédito a quen mais o precisa: familias, pequenas e medianas empresas e administracións públicas. O sector financeiro debe estar ao servizo da sociedade e non ao revés como sucede na actualidade. Unha regulación que impida os elevados niveis de apalancamento dos bancos que está na orixe das crises bancarias: maiores esixencias de capital propio, separación entre a banca comercial e a de inversión e unha regulación da banca na sombra que poña freo a elevada titulización.

Estes cambios propostos esixen un papel mais activo dos gobernos europeos como por caso mediante a creación dunha banca pública europea e unha regulación do BEI.

Abandono da austeridade

En política fiscal hai que eliminar dunha vez por todas os axustes fiscais xa que a Unión Europea debe abandonar a austeridade e centrar a súa atención na creación de emprego e na mellora do benestar social para o que será preciso poñer o acento nos investimento público e privado con especial atención a I+D e a investigación básica nos que a Unión Europea inviste moi pouco o que leva a que agoche un grande atraso en produtividade. A austeridade debe substituírse pola solidariedade, por políticas que den prioridade ao benestar social e a defensa do medio ambiente o que esixe un forte esforzo público en políticas pensadas especialmente para os países que peor o están a pasar e buscando reducir as desigualades e as grandes diverxencias que as políticas de axuste fiscal dispararon. A Unión Europea debe poñer as luces longas e pensar no futuro, moi especialmente o dos/as mozos/as que sofren un elevado nivel de desemprego ou de precariedade. 

Esto esixe que a UE se dota dun orzamento -na actualidade o orzamento común da UE equivale ao 1% do PIB (mentres o orzamento federal dos Estados Unidos equivale ao 21% do PIB)- e, xa que logo, dunha política fiscal e tributaria. En relación a isto último compre destacar que a UE experimentou unha fonda regresión nas últimas décadas coa eliminación duns impostos (patrimonio, sucesións...) e a rebaixo de tipos noutros (rendas do capital) que fixeron mais regresivos os sistemas. A Unión Europea si quere acadar os obxectivos polos que se creou debe volver a progresividade, a loita decidida contra a fraude fiscal e a eliminación do dumping fiscal e os paraísos fiscais especialmente si quere ser unha Unión Europea baseada no solidariedade. Debe tamén avanzar na harmonización fiscal (patrimonio, rendas altas, medio ambiente, taxas financeiras....).

As medidas fiscais anteriores deben acompañarse, por parte do gasto, dunha aposta moi forte polo investimento público entre outras razóns pola debilidade do investimento privado. Unha aposta na que o papel do BEI (Banco Europeo de Inversións) ten que ser decisivo en materias como as infraestruturas, as enerxías renovables, as novas tecnoloxías, a intelixencia artificial e as pemes. 

 

Reestructuración das débedas públicas

En relación as débedas públicas hai que ter moi claro que si se quere que o proxecto europeo teña éxito debe dotarse dun mínimo de solidariedade. No caso das débedas soberanas iso implica a posibilidade de proceder a súa reestruturación en base a unha certa responsabilidade compartida entre debedores e acredores, así é ben sabido que na débeda grega hai tamén, por caso, unha responsabilidade alamana, sen dúbidas. Neste contexto a emisión de eurobonos e unha certa reestruturación das débedas resolvería moitos dos problemas pero Alamana, non recoñece a súa responsabilidade e oponse a ambas medidas desprezando que os problemas de solidariedade poden sela acta de defunción da eurozona. Desprezando tamén que a reestruturación das débedas sole ser vantaxosa para as dúas partes: debedores e acredores. Ignorando ádemas que unha certa reestruturación das débedas será finalmente inevitable.

 

Situar a Europa no mundo

A Unión Europea debe dotarse dunha política exterior e de defensa común e independente dos tres imperios: Estados Unidos, China e Rusia. Un política exterior que mire con outros ollos ao Sur global, que teña como bandeiras a solidariedade e a paz por riba dos conflitos e as guerras.

Na Unión Europea hai moitas feridas abertas, por mor das erradas políticas que se aplican, que tardarán en cicatrizar. Para cicatrizar estas feridas e para que a Unión Europea avance é imprescindible a cooperación real entre os países que a compoñen e que todos traballen conxuntamente a prol dos intereses comúns, especialmente daquilo que afecta a todos. Bens públicos como os servizos de benestar e o medio ambiente deben ser protexidos e obxecto dunha acción colectiva global.

Europa, a Unión Europea non sobrevivirá sen normas xustas e solidarias, si tódolos países que a integran non traballan conxuntamente e todos se benefician da unión. A grande interdependencia entre os países que a integran require de cooperación entre os mesmos. Problemas como o cambio climático, as crises financeiras recorrentes, a competencia fiscal, o benestar social, as epidemias... cando se producen afectan a toda a unión polo que si non se afrontan de xeito coordinado e cooperativo os riscos de desafección e desintegración serán cada vez maiores.

Os últimos acontecementos están poñendo en evidencia que a Unión Europea retrocede no sistema mundial camiñando na dirección dunha crecente subordinación do imperio estadounidense. En dirección contraria a que apuntamos polo que a súa supervivencia corre mais perigo que nunca. Unha supervivencia que vai depender da súa capacidade para levar adiante as reformas que se precisan como as que aquí modestamente eu expoño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.