Alianzas Galeuzcanas

Saudei con fervente entusiasmo a proposta de Arnaldo, a quen felicito por elo, sobre a conformación dunha alianza dos nacionalismo indenpendentistas das tres nacións periféricas galeuzcanas. Coincide con unha teima miña longamente acariñada e profusamente investigada  como historiador. Non en van lle dediquei os meus afáns pescudadores, farturentamente concretados en  numerosos artigos, libros e palestras, a última delas en Santiago o 5 do outono encol do Galeusca e o IX Congreso de Nacionalidades Europeas de 1933. Non nego, ademais, que semellante desideratum concorda cos meus ideais e preferencias políticas, un soño aínda inconcluso e apetecido, mais excesivamente dilatado. Xa sei que á xente, se lle das tempo, morre e, de feito, non coñezo a ninguén que sobrevivira, pero gustaríame ver o día en que as tres nacións gozaran definitivamente do sol da liberdade para decidir por si mesmas a articulación dunha confederación ibérica,  libre, reversible e voluntariamente pactada, de nacións soberanas en pe de igualdade, como arelaba o insigne galaico, Castelao.

O BNG é partidario da suxestión arnaldiana e xa remitiu ás bases unha consulta nese senso. Ana Pontón, no discurso pronunciado o 17 de novembro co gallo da conmemoración do centenario da II Asemblea das Irmandades da Fala en Lugo, reivindicaba o dereito de autodeterminación, a Tripla Alianza de 1923 e os Galeuzcas posteriores. ERC parece que tamén está estudando a proposta. PdeCat e o PNV non semellan seareiros do acordo.  Porén, o mesmo que aconteceu en 1998 coa Declaración de Barcelona, e de elo fun testemuña privilexiada, inmediatamente tocaron a rebato as campás de tódalas igrexas partidarias, localizadas no páramo mesetario e templos estremeiros, incluíndo as badaladas da espadana suprema da Xunta de Galiza. Todo iso é un sinal nidio de que a cabalería cabalga na boa dirección, pois é saudada ó seu paso por destemperados ladridos,

Desexaría, porén, realizar unha curta excursión analítica polo tripado, maxisterial e por desgraza ignorado, cando non desprezado, territorio da historia para subministrar sementes de reflexión, que iluminen o camiño, presente e futuro, desa interesante proposición.

O primeiro fito dunha avinza trinacional foi a Tripla Alianza, selada o 11 de setembro de 1923 en Barcelona durante a Diada, por practicamente tódolos partidos políticos do abano nacionalista das tres nacións, agás a Lliga Catalana: Irmandades da Fala e I.N.G, por Galiza, Acció Catalana, Estat Català e Unió Catalanista, por Cataluña, e PNV e ANV, por Euskal Herria.  O pacto apostaba directamente pola independencia e procuraba o recoñecemento internacional da Sociedade de Nacións.

O segundo referente, deixando aparcados os proxectos, case anecdóticos, de 1924 e 1925 no exilio galo, foi, durante o bienio reformista da II República, o Pacto de Compostela, asinado o 25 de xullo de 1933, xa coa denominanción de Galeuzca, e os compromisos subsecuentes adquiridos en Barcelona durante a viaxe triangular a primeiros de agosto. A finalidade interna dos acordos era o retorno da República a unha estrutura orixinal de carácter federal e /ou confederal e o obxectivo exterior procuraba o ingreso do bloque galeuzcano in totum no Congreso de Nacionalidades Europeas, creado en 1925. Estaba adscrito á Sección de Minorías Nacionais da Sociedade de Nacións, fundada en 1919 en virtude do Tratado de Versalles, subscrito após da I Guerra Mundial co obxectivo de solucionar os contenciosos entre Estados e nacións sen ter que chegar a un novo episodio bélico. Cataluña xa ingresara en 1926 e Euskadi en 1930. Galiza faríao ao mes seguinte do Galeuzca, o 16 de setembro de 1933, acudindo Plácido Castro, segredario de relacións internacionais do PG, quen presentou un informe elaborado por Vicente Risco. Podemos constatar nesta xeira unha notable diferencia a respecto as actualidade. As tres nacións a altura do outono de 1933 estaban recoñecidas internacionalmente e pertencían a unha sección da Sociedadde de Nacións (1919-1946), que  podería considerarse un antecedente da ONU. Esta foi fundada en 1945, despois da II Guerra Mundial, na Conferencia de San Francisco, na que, por certo, intentou participar, coa delegación expresa de Castelao por carta, para presentar o contencioso galeuzcano, sen obter éxito na súa pretensión. Hoxe ningunha das tres nacións está recoñecida pola ONU.  

A coarta xeira galeuzcana veu determinada polo prolongado exilio durante a longa noite de pedra franquista. Producíronse varios acordos, anteproxectos e propostas galeuzcanas, pero nun contexto xeopolítico desaxeitado, dada a conxuntura bélica internacional primeiro e máis tarde a Guerra Fría, o espallamento das comunidades exiliadas galezcanas e a distancia do Estado español, sometido, ademais, a unha ditadura. Asináronse acordos en Bos Aires, en maio de 1941, en decembro de 1944 en México, e elaboráronse numerosos anteproxectos no trípode xeográfico, Bosaires-Nova Iorque-Londres no bienio 1945-46. So no de México de 1944 participou toda a gama  de partidos e sindicatos existentes daquela nas tres nacións. Sen embargo, todos eles contemplaban o dereito de autodeterminacións e os subscritos ou confeccionados durante o bienio 1945-46 desenvolvéronse nun contexto internacional e estatal moi esperanzador. A derrota do nazifascismo e  o trunfo dos aliados en 1945, a quen apoiaran os republicanos exiliados, especialmente o PNV, facían presumir que axiña se produciría o derrubamento do réxime franquista e o restabelecemento dunha III República en España. Por conseguinte era preciso configurar un bloque trinacional galeuzcano coa finalidade de instaurar inmediatamente os Estatutos de Autonomía, xa conqueridos ou plebiscitados durante a II República e ir decontado á conformación dunha estrutura confederativa mediante a aplicación do dereito de autodeterminación.  Pero as previsións faliron. Os EEUU e principalmente a Gran Bretaña, abandeirada polo ferreño anticomunista Churchill, co inicio da Guerra Fría, decidiron manter  a autocracia hispana com o baluarte e vixía de occidente fronte ao avance comunista. O Concordato co Vaticano e o Tratado con EEUU, asinados en 1953, e entrada de España na ONU en 1955 suporían o aval internacional definitivo para a consolidación do satrápico réxime español. 

Outra vaga de convenios foron asinados a finais da década do 50, mesmamente en 1958-59 en Bos Aires e 1959 en Caracas,. Participaron neles personalidades máis ou menos representativas dalgúns partidos nacionalistas das tres nacións ou persoeiros outsiders radicalizados, que ían por libre ou estaban descontentos da política posibilista dalgúns partidos nacionalistas tradicionales, como foron o galego Xosé Velo Mosquera, o vasco Andima Ibinagabeitia e o catalán Joaquim Juanola Massó, residentes en Venezuela. Os acordos de Bos Aires contiñan unha nidia referencia ao dereito de autodeterminación e o caraqueño de 1959 sustentaba con claridade o camiño cara a independencia. Este contiña, ademais, a intervención duns “grupos de acción”, que rematarían  coa posterior creación do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) coa finalidade de loitar contra a dupla ditadura peninsular, a franco salazarista. Algunhas das súa accións máis coñecidas foron a colocación de bombas en edificios oficiais en Madrid, de un artefacto explosivo na estación donostiarra de Amara, que se saldou con unha vítima mortal, falsamente atribuída a ETA, a nena Begoña Urroz, e o famoso secuestro do buque Santa María no Atlántico en xaneiro de 1961. O capelán deste trasatlántico era o daquela sacerdote, Xabier Irigoien, natural de Oiartzun.

A comezos do anos 70 o catalán, radicado na Garn Bretaña, Josep Mº Batista i Roca, un dos impulsores de redactores do Galeuzca de 1933, en previsión do próximo final de réxime franquista, enviou en París, ás sedes do goberno vasco e da delegación oficiosa do Consello de Galiza, novas propostas galeuzcanas, que non obtiveron resposta positiva.

Desaparecido fisicamente da vida terreal o Perenne, subscribíronse en distintas ocasións algúns acordos parciais partidarios co gallo da participación nos comicios europeos, dadas as dificultades para acadar un escano en virtude da circunscrición única. Pero ese acordos non poden ser considerados pacto galeuzcanos stricto sensu.

Un convenio galeuzcano máis amplo foi asinado polo BNG, PNV e CIU na Declaración de Barcelona de 1998, máis tarde rebautizado en 2004 como Galeuscat. A Declaración suscitou unha enorme resonancia, porque coincidiu con unha tregua de ETA e o acordo de Lizarra (Estella). Pero  axiña o gozo caeu  nun pozo polo empuxe de tirios e troianos e o cambio de tesitura no Estado coa implantación do aznarismo. Ademais, ficaran fóra da declaración importantes forzas políticas dos ámbitos vasco e catalán, como HB e ERC.

En definitiva, deste rápido repaso histórico, como magistra vitae, deberían ficar evidentes, ao meu modesto e sempre discutible entender, algunhas conclusións e características que debería reunir a tripla alianza galeuzcana para conseguir a completa eficacia cobizada e desexable:

-É que necesario que  nela se integren tódalas forzas políticas nacionalistas das tres nacións.

-Resulta preciso fuxir de toda vana dispersión e centrar os esforzos nun so obxectivo claro, concreto e conciso: o recoñecemento e exercicio do dereito a decidir, único punto común e aglutinador a incluír en un posible pacto e no que os auténticos nacionalistas deberían  concordar.

-Obriga ineludible sería abandonar os intereses partidistas a curto prazo, tanto ad intra como ad extra.

-Tamén sería conveniente non deixarse influenciar polas críticas e patadas de propios e de  adversarios, aínda que sexan insignificantes e afecten so aos nocellos, pois, ás veces, devén en verídico o axioma:” ao chan que veñen os nosos”, xunto coa desunión, o peor vicio que pode axexar  a un acordo deste cariz.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.