A protagonista deste artigo naceu en Samara, nas beiras do río Volga. De nai chuvaxa, grupo étnico turco nativo das terras que hai entre o Volga e Siberia, e pai ruso. Mudouse cos pais a Kolomna, cerca de Moscova. Hai anos chegou a Galicia, traballa nun restaurante e busca o seu lugar no mundo, que está en Lugo, polo de agora. Crúzome con ela nas rúas do centro, algunhas veces permíteme ver unha parte do seu interior e descubro fragmentos dun pasado no que as inquietudes e a formación ergueron unha bagaxe cultural e un potencial creativo que a rodean, como a néboa á cidade.
A terra onde naceu foi lugar de encontro entre culturas: rusos, tártaros, mordovianos, baskires, chuvaxos e outros; cada un coas súas crenzas e relixións. A Torre Marinkina forma parte da súas lembranzas de Kolomna, como un día a nosa Muralla Romana habitará os seus recordos. Sorrí cando revive a sensación de percorrer a neve nunha zorra co seu pai. Ten saudades dos ceos preñados de folerpas e do bafo ao expirar na inmensidade branca e fría da terra nai, por iso, Siberia é un soño, difícil e caro. Conserva o primitivo paganismo como un medio para liberarse da armadura e das espadas. Non quere loitar, quere gozar da vida. Chámase Alisa, e o nome funciona se pensa en Lewis Carroll. É curioso, cre, ela conserva o paganismo cando o seu pobo se converteu ao cristianismo. Considera que os rusos son fríos, pechados. Que só se abren a amigos e familiares. A pesar de todo, nunha situación difícil poden axudar a outro “quitando a última camisa”. Hai certos estereotipos sobre os rusos, “que bebemos moito e que os osos camiñan polas rúas, pero é máis doado ver un xabarín nunha cidade galega que un dos meus bailando cunha botella na man e un oso cerca”.
A creatividade non entende de límites, penso que iso é o que mellor a define, xunto coa sensibilidade, a enorme capacidade para sintonizar as frecuencias da beleza e trasladalas a unha fotografía, ben como fotógrafa, ben como modelo; para verter nun lenzo o seu interior, habitado por ballets e músicas, naturezas vexetais que tecen bosques inmensos, lugares refuxio
O pai, Alexander, é enxeñeiro-arquitecto de formación, tamén estudou para ser artista. Alisa pintaba ao seu lado de nena, sempre cun pincel na man, pintura e cartón. A nai, Ekaterina, estudou nunha escola de ballet, aínda que finalmente cursou unha enxeñería e coñeceu ao home co que tería esta filla. De nena levárona a moitos concertos, visitaba exposicións de arte en Moscova e xeraron un clima creativo no fogar para cultivar “o meu bo gusto”, algo que lles agradece moito. Cando chegou o momento estudou filoloxía e literatura rusa e tomou clases de debuxo. Finalmente non quixo ser profesora, aterrada pola responsabilidade de transmitir coñecementos aos nenos e condicionar as súas vidas. Así, comezou a traballar nun periódico como correspondente e fotógrafa. Despois foi modelo e dedicouse ao deseño gráfico. Sempre na busca de si mesma, desempeñou funcións de escenógrafa e tivo un emprego na Duna Estatal da Federación Rusa, como asistente dun deputado. Todas as mañás podía ver a Praza Vermella e o Kremlin dende a ventá da oficina. Durou pouco, aburriuse, a rutina e a burocracia vencérona.
Unha artista multidisciplinar, culta e solitaria, que se abrirá pouco a pouco a unha cidade de néboa e pedra e que deixará nela unha obra artística meritoria. Claro, se conseguimos que se quede!
A creatividade non entende de límites, penso que iso é o que mellor a define, xunto coa sensibilidade, a enorme capacidade para sintonizar as frecuencias da beleza e trasladalas a unha fotografía, ben como fotógrafa, ben como modelo; para verter nun lenzo o seu interior, habitado por ballets e músicas, naturezas vexetais que tecen bosques inmensos, lugares refuxio. Unha artista multidisciplinar, culta e solitaria, que se abrirá pouco a pouco a unha cidade de néboa e pedra e que deixará nela unha obra artística meritoria. Claro, se conseguimos que se quede!