Alteridades e racismo en España desde a Idade Media

B. Martorell, Predicacion San Xoán Bautista, 1450 Dominio Público

A partires do século XIII nos reinos hispanos comezaron a xurdir graves problemas de convivencia entre as comunidades xudías e as cristiás. Primeiro foi o reforzamento da identidade cristiá e, por tanto, a creación da “alteridade” para quen non era seguidor de Cristo. Logo chegou a violencia dos pogroms, os conversos e o racismo das limpezas de sangue. Racismo que seguiu como mínimo ata o século XIX. A valente mostra EL ESPEJO PERDIDO. Judíos y conversos en la Edad Media evidencia iconograficamente os xermolos e consolidación deses enfrontamentos.

O Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) vén de presentar unha exposición temporal ben especial respecto do tema da mesma, e excelente pola calidade das pezas presentadas. EL ESPEJO PERDIDO. Judíos y conversos en la Edad Media ten como tese principal evidenciar a imaxinería -mormente pictórica- que os artistas cristiáns dos séculos XIII, XIV e XV deitan en táboas e lenzos sobre a iconografía na que conflúen intereses e estéticas que afectan ás comunidades xudías e cristiás daqueles séculos. Por todos os aconteceres que se sucederon neses derradeiros e convulsos séculos medievais, os artistas -artistas cristiáns e/ou que traballaban para entidades relixiosas cristiás- foron mudando as súas versións e valoracións éticas do que significaba o “feito xudeu”.

D. Ram, O anxo aparécelle a Zacarías no templo, 1420-1440 Dominio Público

A destacada mostra EL ESPEJO PERDIDO. Judíos y conversos en la Edad Media foi organizada polo Museo del Prado (onde xa estivo exposta, con moito éxito de público) e mais polo MNAC. O comisario responsable de tal evento é Joan Molina Figueras, xefe do departamento de Pintura Gótica Española do Museo del Prado. A exposición conta con obras dos máis sobranceiros pintores góticos hispánicos; atopándose firmas como a de Bernat Martorell, Pedro Berruguete; ou a de Fernando Gallego así como varias pezas asignadas por Bartolomé Bermejo (de quen se ten dito que era “cristiano nuevo”). As pinturas van ben acompañadas con outras testemuñas das imaxes -variantes e cada volta máis agresivas- dos xudeus e mais dos conversos, aqueles que, de bo grado ou forzados, remataron con converterse ao cristianismo: caricaturas, esculturas, gravados, sambenitos, etc. E todas esas setenta obras proceden dunha trintena de institucións que tiveron a ben facer o préstamo: museos, igrexas, bibliotecas, arquivos, e outros hispánicos e mais de fóra.

Segundo Joan Molina, a mostra -máis ca unha achega á historia (ou historia da arte)- vén pertencendo a unha historia das imaxes. Iso é o que se reflicte nas obras, e iso era a intencionalidade dos artistas dos séculos XIII, XIV e XV que eran contratados por entidades relixiosas para traducir a imaxinería en pura propaganda cristiá e, por tanto, antisemita.

O título Espello Perdido fai referencia a que actualmente xa non se teñen presentes as valoracións morais que perante séculos e séculos foron moi evidentes nos territorios das monarquías hispánicas, e que chegaron ata ben entrado o século XIX. Os cristiáns crearon un espello no que mirarse -illados do xudaísmo- e era o reflexo do mesmo o que proxectaba as imaxes negativas da comunidade xudía.

Trátase, xa que logo, de iconografías que afirmaron a identidade cristiá. E, no reverso dese espello, as imaxes estaban ao servizo da creación da alteridade dunha comunidade que non se aceptaba. Unha comunidade contra a que se rematou por aplicar prácticas racistas. Esas prácticas racistas perduraron ata o século XIX. A iconografía ao servizo da creación de identidades e, por tanto de alteridades.

Sobre esta perdurabilidade das visións negativas, xa non só dos xudeus (ata 1492 que sufriron a expulsión definitiva), xa dos conversos (“Cristiáns novos”) é significativo o feito de que en novembro de 2023, é dicir, hai dous días, o Govern de les Balears recoñece nunha proposición non de lei a marxinación que, perante seis séculos, sufriron os descendentes dos xudeus. Dese xeito, o Govern pediu publicamente perdón aos “chuetas”, que é como se coñecen en Mallorca aos conversos. Nesas illas apelidos como Picó, Tarongí, Forteza, Cortés, Valls, Fuster, Miró, Valentí, etc. sempre foron discriminados por seren “chuetas”.

(Complementaria desta magnífica mostra será a que se poida facer sobre a imaxe vertida polas iconografías cristiás -tan exclusivistas, ceibes de toda empatía- sobre as comunidades musulmás ata o momento da súa definitiva expulsión).

B. Bermejo, Descenso de Cristo ao Limbo, 1475 Dominio Público

EL ESPEJO PERDIDO. Judíos y conversos en la Edad Media. Pogroms. Conversos.

Item porque es cosa razonable que las casas de los fieles cristianos sean munidas y guardadas de la memoria de la Pasión de nuestro Redentor Jesucristo y de su bendita madre, queremos y ordenamos que cada fiel cristiano tenga en la casa de su morada alguna imagen pintada de la cruz, en que nuestro señor Jesucristo padeció, y algunas imágenes pintadas de nuestra Señora … (Edicto de González de Mendoza, arzobispo de Sevilla, 1478).

A exposición EL ESPEJO PERDIDO. Judíos y conversos en la Edad Media está ben pensada e artellada. Para explicar o proceso de violencias contras as comunidades xudías medievais, comézase por presentar iconografías onde a representación que se ten dos xudeus é positiva. Os doutores de Xudea amósanse discutindo con Xesús como se fosen filósofos cristiáns en diálogos e nas controversias. Nas escenas da paixón de Cristo personaxes secundarios que se sabe que son habitantes de Xerusalén e arredores visten ben, con faces correctas.

Na especial e reflexiva mostra que nestas liñas se comenta preséntase unha pintura de Domingo Ram, El ángel se aparece a Zacarías en el templo (1420-1440) mestura todo. Nesta imaxe -aínda sendo do século XV- Zacarías e os xudeus que o acompañan teñen unha prestancia positiva. É máis, Zacarías leva aureola arredor a cabeza, detalle iconográfico que -nas representacións cristiás- estás reservado ás persoas que viviron despois da morte de Cristo, pois a súa morte foi a redención. As persoas que fan aparición na Biblia (por seren anteriores) non gozan do Paraíso, e por tanto non son santas (sempre segundo as crenzas cristiás). A maiores, Zacarías leva posta na cabeza unha mitra episcopal. É asistido por un anxo -como se dunha “anunciación” se tratase- e ao tempo porta unha mitra. Confusión?, ou intento de asimilar escenas e personaxes da Biblia ao cristianismo? Como anécdota significativa reseñar que Ram, o pintor, represente a Zacarías dentro dunha sinagoga e sendo agarrado por unha cadea que lle agarra o tornecelo dereito. Por que? O que está a facer Zacarías nesa escena é tocar a Torá e outros obxectos sacros para o xudaísmo, obxectos que só o grande sacerdote pode facer. Así, se morrese perante o ritual, sería arrastrado polos fieis fóra dese “sancta sanctorum” para non profanar recintos sacros e reservados. Quere isto dicir que os pintores cristiáns sabían tanto dos rituais xudeus? Asistían ás sinagogas?, sinagogas que nesas datas, mediados do século XV xa estaban prohibidas nestes territorios hispánicos. Ou pode interpretarse como que Domingo Ram era converso, “cristián novo”, e por iso coñecía perfectamente tales exclusivos rituais?

Gramalleta, Sentenzas da inquisición. Coruña del Conde, Parroquia de San Martín de Tours, 1499 Dominio Público

A partires de 1348 comeza a estenderse a a coñecida como Peste Negra. Na procura de culpables, é moi fácil responsabilizar das masivas mortes pola epidemia a aquelas comunidades pechadas que habitan nos burgos. Segundo os cristiáns a Peste Negra era un castigo de Deus por permitir la presenza da raza deicida entre os cristiáns. Ou acusar aos xudeus de envelenar os pozos de auga. Como consecuencia, e andando os anos, en toda Eurtopa -e tamén nos reinos cristiáns peninsulares- comezan a producirse pogroms contra as comunidades xudías.

O primeiro prodúcese en Sevilla, no ano 1391, e logo se estende a moitas outras cidades, nas que as xuderías (“calls” en Cataluña) quedan reducidas a menos da metade. Son incontables as localidades onde se perpetraron tales ataques contra vidas e facendas: Córdoba, Úbeda, Cuenca, Toledo, Barcelona ou Mallorca.

Para sobrevivir a tales presións sociais, na península Ibérica produciuse un fenómeno que pouco ou nada tivo lugar no resto de Europa: a conversión das comunidades xudías ao cristianismo como posible solución ao problema. Tal feito non foi solución. A seguir comeza o problema de saber se as conversións son sinceras ou de conveniencia; se seguían cos seus rituais de forma oculta. E nese movemento a iconografía (polo menos a relixiosa) muda. Aparece -como propaganda e como autoafirmación cristiá- a figura do “xudeu deicida”; eles foron os que mataron a Cristo (interpretación que, suavizada ou non, chegou ata a actualidade).

A iconografía ao servizo da creación de identidades e, por tanto de alteridades.

Nunha táboa presente na mostra EL ESPEJO PERDIDO. Judíos y conversos en la Edad Media, obra de Joan Reixach: Prendemento de Cristo (1454) Xudas está a darlle o bico da traizón,e a súa face é unha caricatura de alguén deforme. Outros xudeus que están en segundos planos presentan as mesmas características de deformidade (Cómpre reseñar que o nome Xudas, neste caso, é facilmente identificable co xenérico “xudeu”). Para máis signos negativos sobre a persoa do Xudas traidor, deicida, Reixach vísteo cunha túnica amarela. Na Idade Media (a lo menos na pintura gótica) a cor amarela vén representando valores negativos como a traizón, a infamia e similares. Por tanto, as persoas cristiás que contemplan esa escena (ou similar) no retablo da igrexa da súa parroquia xa saben a opinión que deben ter das comunidades xudías.

P. Berruguete, Santo domingo e os albixenses, 1495 Dominio Público

EL ESPEJO PERDIDO. Limpezas de sangue

También existe entre nosotros una distinción de sangre que creo es propia de España. (…) Toda persona limpia de sangre manchada es definida como “cristiano viejo, limpio de toda mala raza y mancha”. La severidad de esta ley es tal que cierra a sus víctimas las puestas de cualquier empleo en la Iglesia o el Estado… (José Blanco White. Letters from Spain. Carta segunda, 1798). 

O parágrafo anterior, tomado das Letters from Spain que o que fora cura católico publicou en Londres no ano 1822, fai referencia a unha práctica racista que se levaba aplicando nos reinos hispanos desde 1449, ano no que se decretaron os primeiros Estatutos de Pureza de sangue. O sorprendente do escrito de Blanco White é que -nos derradeiros anos do século XVIII- fai referencia ao que seguía sendo habitual desde o século XV. Vivindo en Sevilla (e sendo sacerdote nesa vila) Blanco ten que desprazarse a Olvera (Cádiz) para precisamente informar dun proceso de limpeza de sangue que se seguía en Sevilla. É ben sabido que Blanco White (que habitualmente firmaba co pseudónimo de Leucadio Doblado) foi moi crítico coa igrexa católica e tamén con moitas costumes sociais daquela época. Rematou por exiliarse en Gran Bretaña, onde escribiu e publicou as súas Letters from Spain convertido ao anglicanismo; con posterioridade Menéndez Pelayo incluíuno na nómina dos “heterodoxos españois”.

A convivencia cos conversos non se deu amañado. As acusacións de prácticas xudaizantes ou anticristiás foron moi numerosas. Por iso se acaban por crear os Estatutos de Pureza de Sangre a partires do ano 1449. Con tales ferramentas a sociedade, automaticamente, divídese en “cristianos viejos”, os que tiveron antergos cristiáns de sempre, e os “cristianos nuevos”, os conversos. A estes últimos xa logo se coñecen por outros nomes, por exemplo “marranos”.

E na iconografía relixiosa comezan a parecer novas interpretacións que dirixen as súas filias e fobias contra eses conversos. Hai agora no MNAC, dentro de EL ESPEJO PERDIDO. Judíos y conversos en la Edad Media unha peza moi curiosa: a rama dunha cepa que lembra -máis ou menos- a figura dun crucificado (Cristo de la cepa). Esa rama acababa de cortala un converso que andaba a podar nas viñas. Ao ver tal visión, levouna ás autoridades relixiosas e foi considerada como un milagre e imaxe sacra. A tal punto que foi paseada en procesión como revulsivo para conxurar severas tempadas de seca que se deron no pasado.

Na parte de iconografía negativa respecto dos conversos, foi moi habitual (e tamén se poden ver na exposición que agora presenta o MNAC) crear pinturas nas que os xudeus atacan símbolos cristiáns. Por exemplo, maltratar figuras de crucificados, agredir con ferramentas hostias (que se poñen a sangrar). Velaí a dobre mensaxe: os xudeus non son bos cristiáns, pero a hostia é o corpo de Cristo.

A escalada de tensións entre ambas comunidades chega á creación, no ano 14768, do Tribunal da Inquisición, que xulgará a moitas persoas acusadas de xudaizantes. A derradeira peza que presenta EL ESPEJO PERDIDO. Judíos y conversos en la Edad Media vén sendo un óleo sobre táboa de Pedro Berruguete, Auto de fe presidido por santo Domingo de Guzmán (1491), unha obra moi, moi coñecida e na que poden apreciar diversas condenas das que aplicaba a Inquisición: na parte inferior dereita, dous homes son axustizados e queimados vivos; outros -por contra- aparecen con sambenitos, …

Os problemas de convivencia non remataron no “simbólico” ano de 1492 coa expulsión definitiva dos conversos dos territorios dos reinos de Castela e mais de Aragón. Como ben demostra a carta de José Blanco White, o racismo seguiu e seguiu (cos expedientes de Limpeza de Sangue) perante toda a Idade Moderna.

A atractiva exposición EL ESPEJO PERDIDO. Judíos y conversos en la Edad Media é conveniente. Convén que a sociedade actual volva mirarse nese espello que se perdeu (porque as condicións sociais mudaron), pero que o antisemitismo xermola en calquera sitio e tempos. O MNAC presenta agora unhas iconografías na meirande parte intolerantes e agresivas contra “o outro”. A iconografía ao servizo da creación de identidades e, por tanto de alteridades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.