Alternativa Galega de Esquerda no parlamento

A entrada fulgurante de AGE no Hórreo constitúe a novidade principal da nova lexislatura. AGE presentouse cunha campaña de oposición radical tanto ao sistema económico que considera culpable da crise como á cabeza visible dese sistema personificado e encarnado na figura de Feijoo. As consignas dos meses previos ao combate electoral tiñan obxectivos claros: culpabilizar ao poder financeiro da debacle e cualificar, con termos non moi agarimosos e  multiplicados polo efecto das redes sociais, ao gobernante de turno. Os resultados desta simplificación foron moi efectivos.

O electorado desa concorrencia política estaba aí para ser reclamado, coa notoria chegada masiva de amplos sectores procedentes dun PSdG desnortado e dun BNG en proceso de escisión e disgregación

O lema, contundente na súa redacción e na súa grafía con exclamacións, supoñía unha toma de postura apenas formulada con trazos mais complexos, probablemente innecesarios para a acción electoral. A figura de Beiras, icona maiúscula da oposición esquerdista e nacionalista, contribuíu, coa súa carga de poder simbólico, a canalizar esa forza, coa lembranza da vehemencia política empregada na súa elocuencia coma reclamo efectivo. O aparato de EU (con Iolanda Díaz coma aliada iconográfica e agitprop dun Beiras omnipresente) e o da FPG, en lugares especialmente estratéxicos, ou a dos propios militantes irmandiños complementou a necesaria armazón electoral. Os movementos sociais, mais ou menos próximos á axitación do 15M e ao descontento xeral contra a situación de desigualdade económica, aportaron a súa fortaleza térmica. O electorado desa concorrencia política estaba aí para ser reclamado, coa notoria chegada masiva de amplos sectores procedentes dun PSdG desnortado e dun BNG en proceso de escisión e disgregación. O resultado de esa conxunción foi extraordinario, fulminante.

Concluído o período electoral, comeza o parlamentario: non bastan as soflamas nin as frases contrarias ao status quo, mais ou menos enxeñosas,  ao parecer ben convincentes, agora exhibidas. Conveñen dúas tarefas: unha de profundización e desenrolo dun programa de goberno (non só de oposición) de esquerdas, non sometido a conviccións irrenunciables, algo pragmático, coa consolidación dun pequeno (ou grande) grupo de cadros políticos con certo talento, que podan ser recoñecidos polos cidadáns e que se ocupen de deseñar liñas de actuación factibles para enfrontar ás que propón o goberno do PP.

Conveñen dúas tarefas: unha de profundización e desenrolo dun programa de goberno (non só de oposición) de esquerdas, non sometido a conviccións irrenunciables, algo pragmático, coa consolidación dun pequeno (ou grande) grupo de cadros políticos

E unha segunda tarefa de ampliación da base electoral, coa incorporación inaprazable de sectores da socialdemocracia que podan concordar con principios básicos da igualdade social, da universalización dos servizos eficientes de educación e sanidade e do desenrolo de protocolos democráticos de funcionamento das distintas organizacións políticas.

As interpretacións do éxito de AGE que leo estes días tentan influír no devir do propio movemento. Ben coa teimuda necesidade da unidade ou da reconstrución da casa nacionalista, ben coa multiplicación dos signos mais recoñecibles do esquerdismo radical, ben coa asimilación de fórmulas de ecoloxismo e do pacifismo altermundista, ben coa prolongación dun espazo de independentismo e autodeterminacion soberanista. Eu traio aquí a miña, necesariamente insatisfactoria: coma todas, por outra parte, dada a involuntaria indefinición ideolóxica dun movemento que predica o non coma bandeira e anda aínda na procura dunha identidade afirmativa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.