Altri e o Proxecto GAMA: industrializar para beneficio de quen?

Área onde se situará a planta de fibra téxtil de Altri en Palas de Rei © Altri

Os riscos ecolóxicos son múltiples: potencial expansión do monocultivo do eucalipto, afectación a 366 hectáreas (case 500 estadios como Riazor ou Balaídos) que ademais foron propostas para a súa incorporación á Rede Natura e un consumo maior de auga que a cidade de Lugo

Son numerosos os colectivos de diferente natureza que teñen sinalado a ameaza ecolóxica que representa o proxecto GAMA de Altri. Como resume a Sociedade Galega de Historia Natural, o proxecto de pasteira de Altri ten “un dos peores [emprazamentos] que se poderían atopar en Galicia para unha actividade industrial destas características”. Os riscos ecolóxicos son múltiples: potencial expansión do monocultivo do eucalipto, afectación a 366 hectáreas (case 500 estadios como Riazor ou Balaídos) que ademais foron propostas para a súa incorporación á Rede Natura e un consumo maior de auga que a cidade de Lugo. Resulta sostible, no contexto actual, sumar virtualmente unha quinta provincia ao consumo de auga de Galicia?

Un dos principais problemas do proxecto GAMA de Altri é que podería dicirse que pretende facerse co apoio das axudas públicas do plan Next Generation EU de forma fraudulenta. Os fondos Next Generation anunciáronse como axudas da EU para paliar os efectos da pandemia do Covid e reconverter e desenvolver o tecido produtivo europeo. Estas axudas non son máis que mecanismos de financiamento público das empresas privadas que non derivan en ningún tipo de control público das mesmas. Como non pode ser doutro modo, o top 0,1% de receptoras de fondos Next Generation en España acaparan o 42% dos fondos. O financiamento público reproduce e amplía a dinámica de concentración subxacente á lóxica capitalista.

As axudas a GAMA derivarían do PERTE (proxectos estratéxicos) para a descarbonización. Porén, os efectos medioambientais parecen chocar contra este obxectivo

As axudas a GAMA derivarían do PERTE (proxectos estratéxicos) para a descarbonización. Porén, os efectos medioambientais parecen chocar contra este obxectivo. Ademais, os propios fondos Next Generation esixen que calquera produción financiada non debe ocasionar prexuízo significativo aos obxectivos medioambientais, incluíndo entre estes obxectivos o uso sustentable e a protección dos recursos hídricos e da biodiversidade.

O proxecto GAMA podería acceder a estes recursos de forma fraudulenta porque o argumento principal de Altri é que se fabricará unha fibra téxtil “ecolóxica” chamada lyocell, biodegradable e compostable. O problema reside en que, como recoñece o proxecto presentado e feito público no DOG de 4 de marzo de 2024, a produción de lyocell representará inicialmente só o 15% da produción total da fábrica, sendo o restante produción de celulosa. No mellor dos escenarios, a empresa considera que producirá un 50% de lyocell e un 50% de celulosa.

Un dos problemas que sempre se ten sinalado da industria madeireira galega é a ausencia de industria transformadora, pois en Galicia prodúcese a materia prima e a súa transformación acostuma ter lugar fora das nosas fronteiras. Así sucedería no caso de GAMA, que empregaría a materia elaborada en Galicia para fornecer a produción de produtos finais noutros centros da empresa

Un dos problemas que sempre se ten sinalado da industria madeireira galega é a ausencia de industria transformadora, pois en Galicia prodúcese a materia prima e a súa transformación acostuma ter lugar fora das nosas fronteiras. Así sucedería no caso de GAMA, que empregaría a materia elaborada en Galicia para fornecer a produción de produtos finais noutros centros da empresa. A natureza do imperialismo como manifestación actual do capitalismo favorece esa fragmentación e internacionalización da cadea de produción que, neste caso, deixa Galicia á marxe dos procesos máis tecnificados.

Para facernos unha idea da dependencia do proxecto de fondos públicos, basta sinalar que case un terzo do proxecto podería verse financiado polos fondos Next Generation. Este transvase de fondos públicos non deixa de implicar unha transferencia de recursos públicos para intereses privados. A experiencia dos efectos da cesión do público para a xestión de intereses do capital non hai que recordarlla á veciñanza lucense, que actualmente está a sufrir os seus efectos na planta de Alcoa en San Cibrao. Tras aproveitar os recursos dunha empresa pública como era Inespal, despois dun proceso de privatización, a empresa estadounidense loita por marchar de Lugo e reter o mercado español para importar aluminio dende os países aos que levou a produción, principalmente Arabia Saudí. Os paralelismos coa actual proposta de Altri saltan á vista e paga a pena telos en consideración.

Un terceiro motivo polo que rexeitar este proxecto é a oposición xeneralizada por parte do tecido social galego. Son xa demasiadas as plataformas veciñais da zona, espazos ecoloxistas e colectivos de diversa índole que amosaron o seu rexeitamento ao proxecto. A “Galicia real” oponse a un modelo de industrialización depredadora e centrado nos interese do capital, que chucha recursos naturais e recursos públicos e non ofrece un proxecto de garantías.

Galicia require dun proceso de industrialización moderno que asegure a produción de mercancías no propio territorio. Os efectos da deslocalización son evidentes na debilitación da soberanía económica, o aumento da importación e, como recorda a actualidade política ao fío da pandemia, o enriquecemento dos especuladores

Galicia require dun proceso de industrialización moderno que asegure a produción de mercancías no propio territorio. Os efectos da deslocalización son evidentes na debilitación da soberanía económica, o aumento da importación e, como recorda a actualidade política ao fío da pandemia, o enriquecemento dos especuladores. Os “conseguidores” parasitos que nestes días vemos nos telediarios non son só unha manifestación da corrupción política, senón tamén das posibilidades que ofrece a lóxica de mercado na que recursos fundamentais para un país empréganse como medios para o enriquecemento tanto de especuladores como de capitalistas.

Pese a todo, a industrialización non é un fin, senón un medio. Ten que ser un medio para o desenvolvemento da produción dun país, para o desenvolvemento e a concentración da clase obreira e a mellora da calidade de vida. Isto resulta complicado dentro dun sistema como o capitalista, que prima a ganancia privada. Aínda o é máis cando a industrialización imponse contra a vontade popular, contra o sostemento do medio rural e do medio natural e por puros intereses empresariais. Industrializar o corazón de Galicia poñendo en risco unha grande parte dos sectores produtivos máis importantes de zonas como a propia Ulloa ou a Ría de Arousa non sae a conta. Non podemos renunciar a unha industrialización ao servizo dos e das traballadoras e sostible.

Mentres a planificación do desenvolvemento económico quede en mans dos intereses do capital e o apoio do estado a través de procesos de privatización, financiamento e reconversión, non haberá unha saída ao empobrecemento dos e das traballadoras. Por iso é perfectamente lexítimo e razoable afirmar industrializar si, pero non así.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.