América Latina no debate electoral en EUA

Se tomamos en conta que só en tres ocasións foi mencionado algún tema sobre América Latina nos dous debates electorais realizados polo actual presidente e candidato do partido Demócrata, Barack Obama, e o seu contrincante polo partido Republicano, Mitt Romney, así como que en ningún momento se mencionou algún tema relacionado coa rexión no debate entre os dous candidatos a vicepresidente, poderíamos inferir que América Latina non está no mapa de prioridades para a próxima presidencia na Casa Branca.

O asunto é significativo xa que certifica o paulatino distanciamento de Washington cos seus veciños latinoamericanos, un proceso que ven configurándose dende o período presidencial de George W. Bush (2001-2009)

O asunto é significativo xa que certifica o paulatino distanciamento de Washington cos seus veciños latinoamericanos, un proceso que ven configurándose dende o período presidencial de George W. Bush (2001-2009), onde a atención se enfocou cara a Oriente Próximo, Asia Central e a errática “guerra contra o terrorismo”. O actual presidente Obama non logrou reverter este tratamento, aínda que se enfocara en temas específicos mais orientados cara a seguridade nacional, como son a migración (principalmente dende México) e a loita antidrogas, secundado por Cuba, o ascenso hemisférico de Brasil e os tratados de libre comercio, en especial con Colombia e Panamá.

Este “déficit” latinoamericano na axenda electoral estadounidense intensifícase aínda mais no caso do candidato republicano Romney, quen amosa unha marcada inexperiencia en temas de política exterior

Este “déficit” latinoamericano na axenda electoral estadounidense intensifícase aínda mais no caso do candidato republicano Romney, quen amosa unha marcada inexperiencia en temas de política exterior, adoitando unha posición claramente orientada á dereita mais radical.

Tanto os seus discursos como os debates con Obama permitiron a Romney realizar tácticas referencias a América Latina, especialmente como elementos de ataque e crítica ante o que considerou a presunta “debilidade” de Obama para frear a líderes “incómodos” como o presidente venezolano Hugo Chávez e o mandatario boliviano Evo Morales, así como de aparente “tibieza” e falta de firmeza na relación con Cuba e, principalmente, a súa preocupación ante a inédita aparición de Irán a través de alianzas en América Latina, principalmente cara o “eixe da ALBA”, personificado en Venezuela, Bolivia, Ecuador, Cuba e Nicaragua.

No caso iraniano, Romney fai causa común coas preocupacións de Israel, incluso apoiando un eventual ataque israelí a Teherán por mor do seu programa nuclear. Velaí a súa intransixente posición cara Chávez e os seus aliados do eixe da ALBA, principal bastión de apoio á presenza rexional iraniana.

 

Por que importa América Latina

No 2011 EUA exportou máis a México que a China

Non obstante, a próxima presidencia na Casa Branca debería considerar con maior prioridade o momento actual latinoamericano. Segundo o think tank Brookings Institute, no 2011 EUA exportou máis a México que a China, con cifras de exportación de US$ 233 miles de millóns cara o seu veciño latinoamericano contra un monto de US$ 129 miles de millóns de exportacións cara o xigante asiático.

Seguindo con este centro de análise estadounidense, Washington exporta mais cara América Latina que a Europa ou Rusia, mentres un total de 38 millóns de empregos en EUA dependen directamente das exportacións a América Latina, segundo a Cámara de Comercio de EUA. Un dato significativo: aproximadamente seis millóns de empregos en EUA dependen directamente do comercio estadounidense con México.

Washington observa con receo o cada vez mais ascendente papel hemisférico de Brasil, a tal punto que a puxante economía brasileira estase a converter no principal rival comercial estadounidense na rexión

Pero América Latina é mais que comercio para EUA. Washington observa con receo o cada vez mais ascendente papel hemisférico de Brasil, a tal punto que a puxante economía brasileira estase a converter no principal rival comercial estadounidense na rexión. Unha rivalidade que se amplía ante a cada vez mais crecente presenza comercial e económica de China, especialmente en Venezuela, Arxentina, Brasil, Cuba e América Central.

Ao mesmo tempo, a configuración de novas expresións políticas progresistas así como de organismos de integración rexionais, como son os casos de UNASUR, CELAC, ALBA e a revitalización do MERCOSUR, implica un marcado distanciamento latinoamericano cara as tradicionais pautas de integración “exportadas” dende EUA. Salvo no caso de Colombia, visiblemente o principal aliado rexional de Washington cuxos intereses enfócanse na loita antidrogas e no libre comercio, a política latinoamericana xa non observa a Washington como un actor prioritario e incontestable.

En todo caso, tanto Obama como Romney semellan mais persuadidos en darlle prioridade ao asunto da migración ilegal latinoamericana cara EUA, principalmente dende México, América Central e o Caribe, que a calquera outro tema relativo aos asuntos latinoamericanos. Como México agora baixo unha nova presidencia, neste caso de Enrique Peña Nieto e do PRI, outro tema chave será Cuba, en especial polo peso do exilio cubano en ambos partidos, o Republicano e o Demócrata.

Tanto Obama como Romney semellan mais persuadidos en darlle prioridade ao asunto da migración ilegal latinoamericana cara EUA, principalmente dende México, América Central e o Caribe, que a calquera outro tema relativo aos asuntos latinoamericanos

Pendente aínda da evolución do polémico e anacrónico tema do embargo e das incertezas sobre a transición económica cubana, Obama tenta suavizar levemente a política estadounidense cara a illa caribeña mentres Romney aposta decididamente por reforzar as políticas de sancións contra o goberno de Raúl Castro. Pero non parece que Cuba será un tema estrela para a política exterior do próximo presidente estadounidense, como tampouco o caso de Venezuela, mais pendente da evolución de saúde de Chávez e do futuro que este factor terá na evolución do proceso interno de cambios.

Os próximos catro anos serán, por tanto, vitais para observar o impacto da presumible rivalidade hemisférica entre Washington e Brasilia

Quizais este leve baleiro de atención por parte da Casa Branca sexa ocupada por Brasil, un polo en ascenso nos foros internacionais que se aprestará a acometer retos importantes que medirán a súa fortaleza, en especial ante a captación de investimentos estranxeiros a tenor do Mundial de Fútbol 2014 e dos Xogos Olímpicos 2016 e da viabilidade dos programas de desenvolvemento socioeconómico impulsados dende a presidencia de Lula (2002-2010) e da actual mandataria Dilma Roussef.  Os próximos catro anos serán, por tanto, vitais para observar o impacto da presumible rivalidade hemisférica entre Washington e Brasilia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.