Amor de perdiçâo

A cadeia da Relaçâo en Porto, edificio do século XIX construído con sólidas pedras e impoñentes rellas, transmite o terror e a angustia da reclusión a primeira vista. Teño a oportunidade de visitalo ao ser convertido, na actualidade, en Museo da Fotografía.

Entre algunhas figuras importantes que acolleu no pasado, encontro un vello coñecido, literariamente falando: Camilo Castelo Branco, romancista portugués, autor de Amor de Perdiçao, paradigma romántico, de lectura obrigatoria na Licenciatura de Galego-Portugués.

Sei agora que o autor foi condenado e entrou nese cárcere, no ano 1861, xunto con Ana Plácido, a súa amante, baixo a acusación de adulterio. Protagonistas dun enorme escándalo, e o conseguinte xuízo, o escritor, que tiña xa 36 anos na altura do seu ingreso en prisión, nunca perdoou.

Nese estado de ánimo, co resentimento e a rabia que lle produce a época mesquiña e reaccionaria que lle toca vivir, escribe nos primeiros 15 días de cadea, a súa mellor novela, co título dese amor que os levou á perdición. Se ben, co tempo, libres os dous e falecido o marido de Ana, terminarán uníndose.

O título é o único que relaciona a novela coa realidade. Falsario, o escritor conta a historia de Romeo e Xulieta á portuguesa. Mesmo sendo a novela romántica por excelencia en Portugal, penso que houbese sido máis interesante o tema que o involucraba, e que o encerrou na cadea da Relaçâo.

Carece de novela, pero tivo manifestación feminista, da AGM, no ano 1976, a adúltera de Vilaxoán, muller desa vila condenada por adulterio, considerado un crime nos anos ditatoriais e reaccionarios neste país. Foi unha das primeiras leis abolidas na Transición. Quen llo diría a Camilo Castelo Branco?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.