Hai unha minoría social que considera a Galicia unha nación por reunir todos os requisitos esixibles, expresados con claridade por Castelao en Sempre en Galiza, polo de agora referente absoluto na materia. Non é necesario nomealos, explicalos un por un de nada serviría, non convencería a ninguén que non o estivese. A situación de desamparo no que se encontra o país, suma de espolio enerxético e fiscal, entrega a ENCE da dirección en materia de política forestal, política industrial sometida aos intereses de Madrid, sector agroalimentario lonxe do potencial evidente, unha PAC negociada para beneficio dos terratenentes da meseta e do sur, amais da deficiencia histórica en infraestruturas, fai que esta minoría crea necesarias unhas meirandes cotas de autogoberno para mudar radicalmente o rumbo.
Solidariedade interterritorial non implica submisión, e esta nunca fará da nosa unha sociedade próspera, capaz de desenvolver o potencial humano e os recursos antes nomeados en beneficio das futuras xeracións, aproveitando estas inercias para unha axeitada autoestima e un preciso benestar, hoxe lonxe do que acadaron Euskadi ou Cataluña.
O PPdG non solucionará estes problemas, ó contrario, garante a súa perpetuidade e promoveu co apoio dunha televisión que controla e da prensa amiga, entregada á causa por razóns obvias, este modelo como o único posible e sensato, convencendo a unha maioría social que percibe a Feijóo como un bo xestor e un presidente de fiar.
Gonzalo Caballero é incapaz de artellar un discurso sólido que permita albiscar unha alternativa, quedando a oposición reducida e concentrada en Ana Pontón. Muller que amosou capacidade para afrontar unha situación electoral moi complicada, mais agora nun período de reflexión que case todos interpretan como unha estratexia para marcar terreo na UPG, recibir o agarimo e a aclamación das bases e iniciar un proceso expansivo cara ao centro.
Ecoloxismo, feminismo, reivindicacións sociais, cambios na política enerxética e industrial son algunhas das súas estratexias argumentais para chegar á presidencia da Xunta. Mais, inda que así fose, pode mudar radical e positivamente o futuro desta terra sen confrontar co centralismo, tal como fan o PNV ou Esquerra?. Os galegos asumiríano dun xeito maioritario?
Probablemente a UPG considere que queda un longo camiño para chegar a iso, que non hai atallos. Se cadra á esquerda da socialdemocracia faltan pedagoxía e respostas, nun intre no que esta está en grave crise. E se cadra ese é o espazo que quere ocupar Ana Pontón, o da centroesquerda orfa, tan amplo como baleiro de líderes e de contido. De non ser que implicaría que a matriz do Bloque renuncie aos vellos principios, e que inicie unha transición.