Anestesioloxía, entre o enfoque xeneralista e a superespecialización. O quinto ano de formación é imprescindíbel

Anestesia intradural CC-BY-SA MrArifnajafov

Que sexamos os profesionais con maior formación non debería impedir recoñecer que un médico, un enfermeiro e un barrendeiro, somos todos parte da clase traballadora ao non posuir medios de producción própios, gañar un salario e necesitar un traballo para seguir vivindo, e padecemos como toda a sociedade a erosión dos dereitos dos traballadores e das condicións laborais

Dentro dun contexto de desencanto xeral dos traballadores ante a perda de dereitos, garantías, e vinculacións emocionais cas súas empresas pola crecente precariedade e inestabilidade das relacións entre empregados e empregadores, os sanitarios e específicamente os médicos sufrimos as nosas crises engadidas particulares. As modificacións nas expectativas sociais respecto á nosa asistencia, os cambios historicos sobre o que cada cidadán considera saúde ou enfermidade, o cuestionamento do tradicional paternalismo e despotismo ilustrado médico co recoñecemento da autonomía dos doentes son dende logo factores centrais. Moitos compañeiros parecen ter tamén dificultades para ubicarse conceptualmente dentro dos sistemas de saúde; que sexamos os profesionais con maior formación non debería impedir recoñecer que un médico, un enfermeiro e un barrendeiro, como ben sostén o antigo presidente do Consello Estatal de Estudantes de Medicina (1), somos todos parte da clase traballadora ao non posuir medios de producción própios, gañar un salario e necesitar un traballo para seguir vivindo, e padecemos como toda a sociedade a erosión dos dereitos dos traballadores e das condicións laborais.

Outra pugna interna que tamén experimentamos é a de conseguir conciliar a super-especialización ca necesidade de ser competentes en múltiples áreas de cada disciplina

Outra pugna interna que tamén experimentamos é a de conseguir conciliar a super-especialización ca necesidade de ser competentes en múltiples áreas de cada disciplina, tanto polo desexo intelectual e moral de exercer a nosa profesión de xeito correcto, como pola necesidade de serlle últiles ao sistema de saúde aportando versatilidade. Os nosos doentes, cada vez máis complexos a e maiores, necesitan unha asistencia integral pero tamén especializada, e nesta encrucillada atopámonos varias especialidades. As que de xeito máis natural levan décadas pelexando por unha visión máis xeneralista, en contraposición á tendencia a atomizar os problemas de saúde en infinidade de consultas ailladas entre sí, están de xeito lóxico os xeriatras, os internistas, os pediatras e os médicos de atención primaria. Con dereito propio reivindican a imperiosa necesidade de voltar a potenciar o rol de médicos que sexan quen de xestionar case todos os problemas de saúde dos doentes, que teñen dereito a ter menos interlocutores , pero tamén de gañar en coherencia na posta en conxunto de todos os problemas que padecen, xa que ao final non poden ser separados en items independentes uns dos outros, por moito que poida ter algún sentido loxístico. Creo que, por lóxica, tamén a anestesioloxía ten dereito a situarse ao lado destas especialidades xeneralistas. Esto é así porque na medicina perioperatoria, somos os médicos do entorno cirurxico, que temos que preocuparnos por integrar os problemas de saúde dos doentes cando veñen a operarse, para posibilitar que os cirurxiáns desenvolvan a sua labor con eficacia e seguridade, e os doentes sufran o menos posíbel o reto da agresión cirurxica. Para moitos isto fai que se nos poida considerar os internistas do bloque cirurxico, dito sexa esto con toda a consideración para o inmenso coñecemento dos compañeiros internistas, máxima expresión da visión exhaustiva e completa dos doentes. Pero a diferencia doutras especialidades, e ao igual que médicos de primaria, tamén temos que atender por exemplo á poboación pediátrica, constituindo un campo de especialización engadida dentro da anestesioloxía. Cando un neno en Galiza necesita unha atención urxente por algún problema grave nalgún dos nosos hospitais comarcais, é moi probabel que gran parte da asistencia, estabilización, tratamento inicial e eventual traslado a algún centro de referencia, recaiga nalgún anestesiólogo; non esquezamos que é moi probábel que non haxa pediatra de garda, en case todos os casos non haberá intensivistas medicos nen intensivistas pediátricos. Cando 13 nenos e o seu entrenador necesitaron ser evacuados dunha cova en Tailandia no ano 2018 a través de multitude de galerias subterráneas asolagadas, nun espectacular e complexisimo rescate, recurriuse con bastante sentido a un anestesiólogo emergullador australiano especializado en urxencias extrahospitalarias, chamado Richard Harris. Foi quén de levalos a todos sedados e incoscientes, con soporte respiratorio, e gran parte do tempo debaixo da auga cun éxito que non está ao alcance de case ninguén, obviamente ca asistencia dun enorme equipo de profesionais de diversos ámbitos (2).

Dende hai demasiado tempo, a residencia de anestesioloxía dura en España 4 anos, e seguimos usando un programa de formación do ano 1996 de 10 páxinas, que non está á altura do que a sociedade demanda da nosa especialidade na actualidade e en absoluto reflexa a formación que xa se está proporcionando dende hai moito aos nosos futuros especialistas

Se tomamos en consideración todas as áreas de traballo da anestesioloxía que no noso contorno se inclúen nas nosas competencias, como serían, as técnicas de anestesia e sedación en quirofano e fora dos quirófanos, a medicina perioperatoria (consultas preoperatorias), os coidados intensivos postoperatorios (que nalgúns grandes hospitais inclúen os doentes criticos pediátricos ademáis dos adultos) e o tratamento da dor crónica, creo que resulta fácil de entender e compartir a necesidade de aumentar o noso tempo de formación na residencia. Dende hai demasiado tempo, a residencia de anestesioloxía dura en España 4 anos, e seguimos usando un programa de formación do ano 1996 de 10 páxinas, que non está á altura do que a sociedade demanda da nosa especialidade na actualidade e en absoluto reflexa a formación que xa se está proporcionando dende hai moito aos nosos futuros especialistas. Ainda que o desempeño é obviamente adecuado na gran maioría dos casos, resulta imprescindíbel conseguir esta prolongación da formación especializada, porque debe reflexar a formación que xa damos, pero tamén para mellorar e armonizar a nosa formación ca que se está dando na maioría de paises europeos.

Se queremos ter profesionais da anestesioloxia que resolvan os casos máis graves, necesitamos que nisto os nosos gobernos autonómicos non se poñan de perfil e apoien esta xusta e necesaria demanda dun quinto ano de formación

A comisión nacional da especialidade de Anestesioloxía leva uns anos traballando de xeito discreto pero constante na elaboración dun novo programa de formación, moderno, equiparábel ao noso contorno europeo, que reflexe fielmente as nosas competencias e habilidades e que sexa capaz de formar especialistas ainda mellor formados que os actuais, e o programa non só ten enormes cambios de contidos, senón tamén evidentemente de duración. Contra moitas resistencias de motivacións politicas partidarias, reticencias de sectores médicos que parecen conformarse con que o resto non melloremos, e a incomprensión social en xeral, conseguiuse superar un primeiro filtro a nivel nacional, e estamos agora estancados na necesidade da aprobación por parte das nosas autonomías, que serían as que asumirían en parte o impacto de prolongar un ano a nosa formación.

Ás veces, a satisfacción do noso traballo non só se trata de mellorar os nosos soldos, condicións laborais, posibilidades de conciliación familiar ou ter recoñecemento social, senón de cumplir con necesidades históricas que non poden seguir sendo esquecidas e demoradas. Entre a ollada xeneralista a a especializada, a anestesioloxía precisa un impulso que nos equipare cos países veciños e sexa capaz de formar ainda mellor aos especialistas dos seguintes 30 anos. Se queremos ter profesionais da anestesioloxia que resolvan os casos máis graves nun gran hospital e tamén nun centro comarcal, na urxencia hospitalaria e na extrahositalaria, nos quirófanos e nas salas de técnicas que proliferan nos nosos centros, nas unidades de coidados intensivos incluso cando chegue a seguinte epidemia que obrigue de novo a multiplicar as camas de críticos, tratando a lactantes e a anciáns, e aliviar a dor con técnicas invasivas, necesitamos que nisto os nosos gobernos autonómicos non se poñan de perfil e apoien esta xusta e necesaria demanda dun quinto ano de formación
 

Notas

1.- La profesion médica se equivoca. Markel Gamarra Segovia. El Salto, 28/12/2025.

2.-Prehospital Care of the 13 Hypothermic, Anesthetized Patients in the Thailand Cave Rescue. Published April 3, 2019. N Engl J Med 2019;380:1372-1373. DOI: 10.1056/NEJMc1900831 VOL. 380 NO. 14

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.