Angola como opción, galego como vantaxe

Que un país africano sexa agora destino de man de obra europea non deixa de ser un paradoxo, pero así é. Hai un par de semanas un xornal nacional falaba de Angola como un dos destinos favoritos da xa denominada xeración perdida lusa, xerada na crise. E é que a antiga colonia portuguesa estase a converter neste momento para os portugueses menores de 34 anos nun lugar atractivo e con esperanza. Moi diferente ao Portugal actual, onde o crecemento económico e a creación de emprego, ao igual que en España, son un soño inalcanzable grazas ás demostradas ilóxicas políticas económicas baseadas na contención do gasto público, e aos axustes, vía redución dos salarios e destrución de emprego, coas que a TROIKA trata de aumentar a competitividade e a produtividade, pretendendo producir o mesmo, pero con menos capital humano. 

Angola ofrece hoxe ilusión e oportunidades, algo que antano ofrecía a vella Europa, antes colonizadora, agora en desmantelación

Angola ofrece hoxe ilusión e oportunidades, algo que antano ofrecía a vella Europa, antes colonizadora, agora en desmantelación. Logo de case trinta anos de guerra civil e de toda unha historia de colonialismo portugués, Angola, é por agora un país cunha democracia moza, pero estable, e aínda que segue a presentar fortes herdanzas propias do padecemento de trinta anos de guerra, perfílase coma unha potencia económica africana, na que todo, está por facer, incluída a loita da nova sociedade civil contra as propias doenzas provocadas pola corrupción política, unha lacra, que impide acreditar en Angola coma nun país de enormes posibilidades para as décadas futuras. Unha lacra, á que por certo, contribuíron de forma silente os gobernos internacionais con intereses privados na explotación de xacementos de petróleo.

A explotación destes riquísimos xacementos de petróleo e diamantes, fai que o PIB angolano medre a ritmos trepidantes, de preto do 10 % anual, algo impensable para un país que até hai dez anos estaba inmerso nunha profunda guerra civil

A explotación destes riquísimos xacementos de petróleo e diamantes, fai que o PIB angolano medre a ritmos trepidantes, de preto do 10 % anual, algo impensable para un país que até hai dez anos estaba inmerso nunha profunda guerra civil, cunha economía pensada para a guerra e na que calquera ilusión de benestar social ou crecemento económico, eran iso, unha ilusión. Máis con todo, o desenvolvemento dun estado de benestar social está lonxe de acadarse aínda na actual Angola, na que a pesar das súas espectaculares cifras macroeconómicas, a riqueza xerada non permea para as capas máis necesitadas da sociedade; en parte, por causa desas herdanzas de corrupción que impiden a transversalidade do crecemento económico, facendo que os ingresos fiscais recadados polo petróleo vaian a parar ás mans das novas elites e non se empreguen en arranxar os problemas principais da poboación: saúde e educación.

O desenvolvemento dun estado de benestar social está lonxe de acadarse aínda na actual Angola, na que a pesar das súas espectaculares cifras macroeconómicas, a riqueza xerada non permea para as capas máis necesitadas da sociedade

E tamén, porque un país non se desenvolve soamente coa explotación de petróleo e diamantes, senón con investimentos en ciencia, innovación, cultura e capital humano capaz de crear o caldo de cultivo necesario para desenvolver unha sociedade autónoma e independente. Disto, o actual, pero perenne executivo angolano, parece comezar a decatarse, e aínda que sexa, sobre todo, por imposición internacional e intereses máis próximos a un lavado de imaxe que a unha verdadeira preocupación social e civil, parece que xa está dando os primeiros pasos para unha verdadeira reconstrución de Angola, facendo máis investimentos públicos.

A asinatura de acordos con organismos internacionais, como o FMI ou a OCDE, e tamén, o feito de facer parte da comunidade do SADC, organismo que pretende o desenvolvemento económico e social de países pertencentes á África Austral e que posiblemente evolucione no futuro nunha Unión Comercial Africana, fan albiscar un cambio de tendencia, aínda que lento, pero moi interesante para ir establecendo relacións comerciais e contribuír de forma sustentable á reconstrución, cambiando a bipolaridade económica extrema que padece para dar paso a unha nova clase media, capaz de converter en realidade o soño da reconstrución económica e social.

Entre os plans do Goberno de Eduardo dos Santos está o de facilitar os investimentos estranxeiros e abrir as portas ao comercio internacional para a importación non só de coñecemento, novas tecnoloxías ou man de obra moi cualificada, senón de bens de equipo intermedios, alimentación ou servizos. Os primeiros países que parecen posicionarse na conquista do mercado angolano son China e Corea do Sul, con grandes investimentos en construción civil; tamén EEUU, Brasil, e por suposto, Portugal, pero tan só de forma anecdótica España e Galiza. De facto, en 2011, apenas 30 empresas españolas estaban establecidas no país, de entre as cales, soamente Pescanova e a Consignataria Vasco Gallega figuraban ate ese momento como as únicas galegas.

Galiza, por proximidade lingüística, como acontece con Portugal ou Brasil, está en condicións de aproveitar a oportunidade e as vantaxes que Angola ofrece como veciño lusófono, e facer deste país africano un punto de interese comercial para a exportación ou para os investimentos directos

Galiza, por proximidade lingüística, como acontece con Portugal ou Brasil, está en condicións de aproveitar a oportunidade e as vantaxes que Angola ofrece como veciño lusófono, e facer deste país africano un punto de interese comercial para a exportación ou para os investimentos directos. O cada vez máis asfixiado mercado nacional e europeo fan necesario mirar cara o exterior e que as PEMES galegas intensifiquen as súas estratexias de internacionalización na procura de novos mercados menos saturados.

Angola é unha opción máis, e a nosa lingua, o galego, presenta daquela unha vantaxe comparativa moi interesante sobre o resto de España e de Europa para establecer relacións comerciais e procurar novas oportunidades de negocio neste país africano de fala portuguesa, onde a comunicación xa é un terreo menos que gañar, pois o galego e o portugués, a mesma lingua é.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.