Aninovo

Comecei o ano tomando as uvas cos sinos do carillón do Instituto Santa Irene, na praza de América en Travesas, e bailando cunha multitude multietnica alí concentrada: negra, china, peruana, coreana, romaní, galega, sudamericana varia, divertíndose e sororizando e confraternizando, con brincos, risos, beixos globalizados. Non puiden celebrar mellor a saída dun ano marcado polo drama da milleiros de refuxiados, seres fuxindo do terror que chegan ao descoñecido. A Festa que vivín simbolizaba o acollemento, e Vigo era un crisol da humanidade.

O Concello organiza o tinglado musical e regala as 12 uvas. A asistencia, ademais de xente do barrio, é apropiada para persoas desprazadas, sen familias, nin amizades firmes, sen recursos económicos, que, como moito compran unha botella de cava e, mesmo sen cava, reciben o ano co ritmo que lle dá a negritude ou o xeito de muiñeira mutilando o mambo.

Unha festa de aninovo combinada, cousa que non son quen de facer os partidos “susoditos” de esquerda para conseguir o Cambio tan cacareado. Tantas reformas predicadas, o cambio laboral, as melloras en educación, os apoios á cultura, a sociedade laica…  Agora todo se reduce a España e a Cataluña. Unha que se rompe, outra que quere saírse de madre. A España Unha e a Cataluña con uñas e dentes agarrando os petos, e os líderes metidos na corrupción até os miolos.  Estaban contra o bipartidismo e agora é o binacionalismo o que lles impide pactar, establecer un programa conxunto progresista e acabar co goberno conservador.

A esquerda, de ser esquerda, sabe ben con quen está, e non anda con veleidades liberais. Neste país, de romperse, só se rompen a alma a xente que traballa arreo e gaña unha miseria. O resto andan cos cartos virtuais, os sobres virtuais, a patria virtual, o latrocinio  virtual, a merda virtual. Todo sen romperse nin mancharse.       

Non serei eu quen me decepcione. Sempre dixen que volvería gobernar a dereita, que sempre quere gobernar, como María Cristina, porque a esquerda ula?, non a miraba por ningures, que unha cousa é andar de procesión, emocionarse coas consignas e votar a man alzada, sentíndose partícipe dun todo democrático, e outra é ter un proxecto racional de goberno e os medios para levalo a cabo. Pero haberá moita xuventude decepcionada, esa que se ilusionou coa utopía, que botou os folgos dun lado para outro, convocando, transmitindo, wasapeando, condoéndose coa pobreza, pensando que iso é facer política. Paciencia. Eu levo agardando, en Galiza, desde que morreu o ditador.

Todo chegará. Elaborar un bo proxecto político é lento e require tanta ciencia e meditación como calquera outro proxecto, xa sexa unha ponte que non caia, como un rañaceos que non arda, ou un xantar substancioso. Na política a cousa complícase, porque ademais de ciencia precísase conciencia e honradez. Pero tanto unha cousa como a outra irá mellorando. E ese será labor común. Como común é desexar feliz aninovo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.