Ano nefasto

Hai uns días nun debate radiofónico sobre como fora o ano 2013 en Galicia, había algún tertuliano que dicía que fora mellor que o 2012 e os anos anteriores, dende que empezou a crise. Este comentarista, se non soubésemos que en vez de manexar datos económicos, defendía criterios políticos do partido gobernante, diriamos que vivía en Marte, pois salvo algún dato como as exportacións ou que o prezo do leite se puxo nuns valores máis lóxicos, o resto de calquera baremo que utilicemos indícanos que estamos moito peor que nos últimos anos.

Este comentarista, se non soubésemos que en vez de manexar datos económicos, defendía criterios políticos do partido gobernante, diriamos que vivía en Marte

No 2013, a enerxía eléctrica subiu unha barbaridade, tamén os medicamentos, as peaxes das autoestradas, os transportes, os carburantes, -e agora cos novos céntimos sanitarios engadidos, aínda vai ser peor-. Practicamente subiron todos os impostos, -subministro de auga, recollida de lixo, IBI-, etc.  E ao mesmo tempo, conxelouse o salario mínimo e os demais salarios practicamente non subiron ou mesmo baixaron, tamén os pensionistas e os funcionarios -estes moito máis-, perderon poder adquisitivo, etc. etc.  

E aínda peor, o paro segue en cifras escandalosas e as condicións de traballo son de peor calidade, e sobre todo, baixaron os afiliados a Seguridade Social. E se o paro non e maior é porque aumentou a emigración, semellando épocas pasadas, coa diferenza de que agora emigra tamén xente moi preparada, e decreceu a demografía, -cada día hai mais pobos no rural abandonados e moitos pisos nas vilas e cidades baleiros-.

Tamén diminuíu o número de empresas, e outras como Navantia están sen actividade e pecharon moitos máis comercios dos que abriron. E xa para colmo, empresas insignes galegas como Pescanova ou Barreras, pasaron a depender de intereses foráneos, e culminouse no 2013 o desmantelamento do sistema financeiro galego, chegando o absurdo de que o máximo dirixente galego, venda a operación de Novagalicia Banco como un éxito, cando máis do corenta por cento do aforro galego, pasou a ser administrado por unha empresa venezolana, que é a metade da ex caixa galega. Vaia éxito!

En resumo, para Galicia o ano 2013 foi un “annus horribilis”, mire por onde se mire, e non o foi debido a unha catástrofe natural ou a unha maldición divina, en gran parte debeuse á incompetencia do Goberno galego

Uns poucos poden conformarse coa baixada da prima de risco ou coa subida dalgúns valores da Bolsa, mais iso non o apreciamos á xente común, sobre todo cando o déficit público sigue subindo como nunca, e vamos deixar empeñadas, por moitos anos, ás futuras xeracións.

En resumo, para Galicia o ano 2013 foi un “annus horribilis”, mire por onde se mire, e non o foi debido a unha catástrofe natural ou a unha maldición divina, en gran parte debeuse á incompetencia do Goberno galego, pois para algo están aí, e se algunhas cousas non son da súa competencia, iso tamén lle pasa a outras comunidades, que van mellor.

A ver se temos sorte, e como escribía o outro día Fernando Ónega: “tranquilos, que o 2014 non pode ser peor”, aínda que con estes gobernantes todo é posible.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.