Anomalía anacrónica

Para calquera sensibilidade democrática, toda monarquía é unha anomalía anacrónica, un resto balorento do Antigo Réxime. Poida que unha pintoresca reminiscencia de pasados tempos gloriosos; sempre, unha inutilidade pública. Hoxe ser monárquico constitúe igual extemporaneidade que ser templario, e mais sempre é doado deixarse cegar por simboloxías grandiosas. E resesas.

É valor simbólico o que a monarquía achega no Reino de España. Simboloxía nacionalista e católica, porque a coroa vén a se investir de sublimación invencible da eterna e divina grandeza de España

É valor simbólico o que a monarquía achega no Reino de España. Simboloxía nacionalista e católica, porque a coroa vén a se investir de sublimación invencible da eterna e divina grandeza de España. Ou sexa, non unha grandeza levantada con esforzo colectivo, que esa quedou esgazada en 1936 cando apenas se concibía, non, a de España é unha grandeza outorgada pola divindade. O deus católico e toda a súa corte celestial, incluídos os seus bondadosos ministros na terra, termou do palio que abrigou os guerreiros da Santa Cruzada e murmurou consellos ao ouvido do Generalísimo durante anos de sacro imperio. Hoxe, por aí ha de andar a defender o que cumpra defender.

A transcendencia fundacional da monarquía española non é casual, pois. A Santa Cruzada e as catro décadas de apracible goberno do Caudillo só foron a paréntese necesaria para restaurar o que a II República tronzara. A Restauración borbónica quedou insculpida coa firmeza das táboas da lei na Constitución Española de 1978. Por e para sempre. A cousa vén de lonxe. E non haberá elefante que a tombe nin negocio que a abale. Porque non hai lugar para o caos cando é a orde natural a que se impón. Comprendemos agora a sagrada unidade de España?

En España hai monárquicos, unha curiosidade digna de asombro, pero non só. Tamén os hai republicanos de corazón (seica) que, dadas as hispanas circunstancias, son ante todo xoancarlistas e ademais están comprometidos a ser sen fisuras felipistas

En España hai monárquicos, unha curiosidade digna de asombro, pero non só. Tamén os hai republicanos de corazón (seica) que, dadas as hispanas circunstancias, son ante todo xoancarlistas e ademais están comprometidos a ser sen fisuras felipistas. Esta pintoresca variedade de lealdades cortesás só a pode explicar a firmeza coa que opera o consenso do réxime, sostido por uns medios de produción simbólica militantemente acríticos nacidos nun plasma primordial totalitario.

A ausencia de tradición republicana, ou sexa, democrática, remóntase talvez á expulsión dos franceses e aos brazos abertos a aqueloutro Borbón de nome Fernando. España nunca asumiu os postulados da Revolución Francesa. O 2 de maio e o 12 de outubro son as dúas grandes datas de referencia do nacionalismo español, e non é casualidade. Daquela, que un rei parta unha cadeira nunha cacería de elefantes en Botsuana ou que un seu xenro ande metido en posibles negocios pouco nítidos non son máis que consecuencia de todo anecdotario monárquico. Anécdota e nada máis. Nin serán a causa dunha abdicación nin da chegada dunha III República. Son regalos incluídos no paquete.

A ausencia de tradición republicana, ou sexa, democrática, remóntase talvez á expulsión dos franceses e aos brazos abertos a aqueloutro Borbón de nome Fernando. España nunca asumiu os postulados da Revolución Francesa

Cando os medios de produción simbólica insisten en converter a Xoán Carlos I no artífice da democracia española, no seu creador e salvador, na súa razón de ser, descobren sen querelo precisamente o gran trauma democrático do Reino de España. O réxime parlamentario non foi a consecuencia dun novo poder constituínte que abolise unha ditadura de catro décadas. Foi unha carta outorgada, o derradeiro alento dun ditador sanguinario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.