Ansia salarial que causa todo mal

Hai xa moito tempo, aló por setembro do 1983, o ministro socialista Miguel Boyer, declaraba na TVE que os salarios medraran sen traza (desmesuradamente, dixo el) naqueles anos, facéndolle moito dano ao crecemento económico. Mais de trinta anos despois, no 2010, o daquela presidente da CEOE, Diaz Ferrán tiña moi claro como saír da crise: traballar mais e gañar menos. “É duro dicilo, pero é así”, afirmaba con grande dor de corazón; despois metérono no cárcere, pero penso que non foi por mor destas declaracións. Hai só uns meses, nunha parola de sobremesa, un compañeiro de traballo veume a dicir tres cuarto do mesmo: que para solucionar o tema do paro, e por moito que nos doera, os traballadores debiamos aceptar salarios mais baixos. O tal compañeiro, Paco El Chorronsito, é un socialista andaluz, “susanista” ata onde a decencia llo permite. Ademais de partillar receita, Boyer, Ferrán e mailo meu compañeiro teñen outra cousa en común: a medicina non é para eles. Pero por que esta teima nos salarios coma causa de tódolos males e remedios? Como dicía con moita retranca o defunto Galbraith, “os pobres non traballan abondo porque se lles paga demasiado e os ricos tampouco porque se lles paga demasiado pouco”. Os salarios teñen a culpa de todo.

Como economista ortodoxo non me queda outra que asentir coa cabeza e cadrar cos ditames de Boyer, Diaz Ferrán e Paco El Chorronsito. Porque a teoría aprendida dime que o salario real é equivalente ao produto marxinal do traballo; e que cada empresario asume o nivel salarial como algo dado, xa que nos mercados competitivos ningún empresario pode exercer influencia sobre o prezo dos recursos. Un empresario empregará a un traballador adicional se a cantidade que o traballador engade á produción (o produto marxinal do traballador) excede o salario real; xa que logo, se este baixa o empresario ten mais marxe para seguir contratando persoal adicional. Así pois, o salario determina o nivel de emprego, e se a sociedade quere un meirande nivel de emprego e produción, o único xeito de conseguilo é reducir o nivel salarial; e xa postos e estarricando o razoamento, se reducimos o salario a cero acadaremos o máximo nivel de emprego e produción. Por suposto, o empregado igual non quere traballar de balde, pero esa é a súa decisión e vai ser a súa responsabilidade.

Así reza a teoría, pero coma case sempre en economía, o mundo real vai por outro lado. Na meirande parte das industrias, os produtos son heteroxéneos, os consumidores non saben da misa a media e consideran outros aspectos do produto ademais do prezo. Incluso o concepto mesmo de mercado competitivo -no que tódalas empresa aceptan os prezos coma algo dado- resulta mai que cuestionable. As empresas teñen tendencia natural a converterse en monopolios, diferenciando na medida do posible os seus produtos para convertelos en únicos e ocupando nichos de mercado da competencia a golpe de investimentos en marketing e distribución. A “camisa de seda” non existe como tal produto homoxéneo, senón unha infinidade de camisas de seda únicas e diferenciadas: camisa Zara, camisa Carolina Herrera, camisa Jorge Galiñanes, camisa Givenchy.... No mundo real as empresas xa non producen ao nivel no que o custe marxinal iguala o ingreso marxinal, senón mais ben alí onde o ingreso marxinal da última unidade vendida é substancialmente maior ca o custo marxinal de producila; e a produción non se verá limitada polo custe marxinal, senón polo custe e dificultade de expandir as propias vendas a expensas das dos competidores. Cada empresa tentará vender tanta produción como lle sexa posible, pero o nivel de produción estará limitado polo tamaño do nicho de mercado da empresa e polos esforzos de marketing dos rivais, e non tanto polo seu nivel salarial.

Xa que logo, por que a culpa salarial goza de tanto predicamento e calla tan axiña nos miolos da xente? Ademais de interesado e moi publicitado, trátase dun argumento sinxelo e doado de asimilar; e con lóxica, sempre e cando analices só unha parte do fenómeno económico – a empresa produce bens e servizos- e non a súa totalidade -a empresa produce bens e servizos para a súa venda-. Se diminúe o custo salarial, igual podo contratar mais costureiras e producir mais camisas de seda, pero sempre e cando teña xente que mas merque; porque do contrario, o único que vou conseguir é aumentar as perchas do meu almacén.

“Explicado así vouche ter que dar a razón”, dixo Paco El Chorronsito. Un segundos despois saía Pablo Iglesias latricando na tele sobre non sei que. “Xa está aí outra vez o coletas ese ... que se cre vai cambiar o mundo, o moi iluso”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.