Ante VOX, Casares Quiroga multiplicouse

O galego Casares Quiroga, Presidente do Goberno e ministro da Guerra, non durmía en tempos convulsos

O galego Casares Quiroga, Presidente do Goberno e ministro da Guerra, organizador do referendo de autonomía do 36, borrado de todos os rexistros por indigno baixo orde do Gobernador Civil fascista do ano 37, non durmía en tempos convulsos.

A anécdota é de sobra coñecida. Durante meses a prensa dereitista acosou ao político nado na Coruña con teóricos levantamentos, animados polos propios medios e os grandes rentistas que os subvencionaban, só á enésima noite, e sabendo que eran falsos, contestou: “Pois ben, se eles se levantaron, eu voume a deitar”. Declamación extemporánea ao criminal golpe militar que segou a vida e o futuro dun Estado disposto a crer na igualdade. Falso historicismo fascista para denostar o traballo en defensa do empoderamento popular, única reclamación deste líder social durante ese franquismo que durou corenta anos de pedra.

Quiroga estaría a defender xa a organización popular, chamaría a armar a conciencia colectiva, a traballar o argumentario da defensa social, a crecer, a construír a república federal da xente

Mais cando comezou o golpe, Casares estaba, as hemerotecas confírmano. Por moita inquina que arroxase a prensa dereitista, Casares estaba e traballando a reo... O FASCISMO combátese con todo, unha vez que arraiga é difícil de erradicar. O fascismo non procura a igualdade, só esmagar a lexítima loita social. Cando VOX emerxe, Casares traballa a reo.

Como Casares, a esquerda hoxe traballa para derrubar un réxime caduco e VOX é o contrapoder reaccionario alzado. Quiroga estaría a defender xa a organización popular, chamaría a armar a conciencia colectiva, a traballar o argumentario da defensa social, a crecer, a construír a república federal da xente. Organización polos dereitos e liberdades de hoxe e de mañá, organización para vencer, organización porque hoxe lle debemos e nós debemos gañar a soberanía popular.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.