Antes aquí fabricaban aceiro

Unha furia estratéxica
"Grecia". Das Kapital.

"Antes aquí fabricaban aceiro", dille con melancolía afectada un dos sicarios do Grego ao sindicalista Sobotka mentres ollan —este si saudoso do pasado— o que queda dunha fábrica fumegante ao outro lado da baía. O polaco, líder do sindicato de estibadores, resístese a facer a vista gorda, en troca dun bo feixe de dólares, con outro contedor cheo de carga ilegal; pero esa frase recórdalle que os bos tempos nos que o traballo sobraba xa pasaron.

Dificilmente se pode retratar con máis precisión e economía de imaxes e palabras —como o fai esta escena da serie The Wire— toda unha época que viu como os países centrais do sistema-mundo pasaban do capitalismo de base industrial ao capitalismo financeiro

Dificilmente se pode retratar con máis precisión e economía de imaxes e palabras —como o fai esta escena da serie The Wire— toda unha época que viu como os países centrais do sistema-mundo pasaban do capitalismo de base industrial ao capitalismo financeiro. Unha época, tamén, que asistiu á desactivación do movemento obreiro e ao seu esfarelamento como colectivo organizado de xeito autónomo.

Pasada a belle epoque do benestar a crédito, co que hoxe nos atopamos é cunha resaca de proporcións fenomenais. No noso país, e segundo o informe de Cáritas Interparroquial de Santiago, Na procura de alternativas (II), isto tradúcese en 650 000 persoas en situación de exclusión social, das cales 120 000 están en situación de pobreza severa, un desemprego de case 300 000 persoas, un 22%, e crónicas frecuentes nos medios de comunicación sobre a afluencia nunca vista nas últimas décadas a comedores sociais e de caridade. Se a isto sumamos ás clases medias en risco de desclasamento que fan equilibrios por non baixar nos postos de clasificación socioeconómica tapando como poden as débedas contraídas durante o tempo das hipotecas regaladas cuns salarios á baixa e unha chantaxe continua nos seus postos de traballo para aceptaren o inaceptable e unha mocidade mantida ao abeiro da familia que se ve abocada ben a prolongar o seu período de formación indefinidamente, ben a ingresar nun magro mercado de traballo hiperprecarizado, ben procurar a vida noutro país, o resultado do fresco é calquera cousa menos edificante.

Con este panorama como pano de fondo, ben poderiamos subscribir a cita dun historiador inglés que introduce E.P Thompson en A formación da clase obreira en Inglaterra e que di: "Un novo mestre está a traballar entre as masas: a escaseza". Porén, e como o propio E.P. Thompson tiña ben claro, ese traballo que fai a escaseza non ten porque dar un resultado único; de feito, ben pode dar como resultado, a historia xa o ensinou, a barbarie. De aí que o autor de A formación... se molestase en demostrar que a clase obreira inglesa non é o produto dunha situación dada de xeito estrutural senón que é un proceso de autocreación baseado na propia praxe das xentes de abaixo. 

Dá a impresión de que tamén hoxe estamos nese estadio larvario e inarticulado dun Movemento Democrático que, polo de agora, só é comunicación e intercambio de experiencias

Non é gratuíto regresar a Thompson e ao seu libro precisamente neste momento. Un ten a impresión de que, en certa forma —e se se me permite o que esta comparación poida ter de abuso— volvemos estar nun estadio semellante ao que se describe nas páxinas de A formación.... Isto é, no inicio —iso quere pensar o meu optimismo da vontade— da creación dun novo suxeito transformador. 

De igual xeito que sucedía con aquelas Sociedades de Correspondencia —grupos de persoas espalladas por toda Inglaterra que, mediante cartas, comezaban a tecer as súas propias redes de activistas no século XVIII— dá a impresión de que tamén hoxe estamos nese estadio larvario e inarticulado dun Movemento Democrático que, polo de agora, só é comunicación e intercambio de experiencias —desta volta botando moita man da Internet— sen concreción organizativa de certa entidade na vida cotiá. 

Outras teorizacións como a de Acumulación por desposesión de David Harvey —que viría ser algo así como a reedición no presente da Acumulación orixinaria de capital da que fala Marx para os comezos da revolución industrial— parecen confabularse con esta idea de estarmos, novamente, nun intre fundacional. Unha terra ignota que en Europa e EUA deixa atrás o pacto social da fin da segunda guerra mundial. Nun cambio de época no que as clases populares deben recomezar, practicamente, de cero. Para Harvey, o capitalismo está a sobrevivir mediante a súa extensión a ámbitos que tiña vedados como a sanidade ou a educación e a base dun novo cercamento e privatización de bens comúns aínda non explotados (materias primas, recursos enerxéticos, terras para a produción de alimentos, etc.). 

Para Harvey, o capitalismo está a sobrevivir mediante a súa extensión a ámbitos que tiña vedados como a sanidade ou a educación e a base dun novo cercamento e privatización de bens comúns aínda non explotados

No caso galego esta idea é tan evidente (subvención pública do ensino privado, Hospital privado de Vigo, megaminería expoliadora no 62% do territorio galego, barra libre ao fracking, expropiación de montes en mancomún como o de Cabral para construír novos centros comerciais nunha área saturada deles, etc.) que fai do noso país un exemplo tan paradigmático do que sinala Harvey como calquera outro lugar do globo. 

É moi probable que esta nova Acumulación por desposesión se estea a levar a cabo sen ningún tipo de barreira de contención debido ao total desarme ideolóxico e organizativo das clases populares —tras o fracaso do socialismo real e o consecuente fracaso dunha socialdemocracia de elites sen base social— e pola dexeneración das vellas formas organizativas: o partido e o sindicato. Unhas fórmulas organizativas que, perdido hai tempo o seu papel de vertebradoras —de creadoras mediante a propia actividade cotiá dos seus militantes de cultura e de valores— transformáronse en partido-representante —cada día máis sen representados— e en sindicato-xestor —cada día máis sen afiliación e, sobre todo, sen afiliación autónoma dos valores, expectativas e modos de vida dominantes. 

Como no paradoxo do ovo e a galiña a causa é consecuencia e a consecuencia é causa. O desartellamento social provoca máis desposesión, a cal, á súa vez, provoca máis desartellamento. Nalgún momento terá que rachar este círculo infernal no que nos atopamos pero polo de agora parece que o intre en que as clases populares se reinventen, en tanto que suxeito consciente e suxeito creador (ou actualizador) dos seus propios instrumentos de loita e emancipación, tardará de vez.

A democracia interna quere ser a pica que escache a dura pedra conformada polos que sempre estiveron aos mandos das organizacións

Nos debates que todo isto introduce —ou debería introducir— nos partidos políticos e sindicatos concretos existentes, a demanda de democracia interna é só a punta do iceberg. A democracia interna quere ser a pica que escache a dura pedra conformada polos que sempre estiveron aos mandos das organizacións, unha dura pedra sedimentada a través de anos de inercia, comodidade e falta de atención á realidade —isto no mellor dos casos— ou de malas prácticas, de actitudes hipócritas e de aproveitamentos pouco éticos da organización —no peor.

O fracaso destes procesos democratizadores no seo das organizacións significará o fracaso, por man interposta de quen por acción ou omisión seguen a gobernalas con man de ferro e cegueira proverbial, das propias organizacións

En verdade, esta demanda de democracia interna que permita cuestionalo todo e cuestionar a tod@s é só a pulsión aínda existente dentro das organizacións clásicas da esquerda para que “o recomezar” non parta absolutamente de cero. É a teima aínda viva dentro das organizacións de pensar que se está a tempo de construír a partir dos cascotes existentes. De crer que as vellas organizacións aínda poden servir como trampolín para crear nova praxe que rearme a autoorganización das clases populares. 

Porén, o fracaso destes procesos democratizadores no seo das organizacións actualmente existentes non significará o fracaso daqueles que propugnan a democratización. Antes ben, significará o fracaso, por man interposta de quen por acción ou omisión seguen a gobernalas con man de ferro e cegueira proverbial, das propias organizacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.