Apoloxía do ridículo

Entre a alarma antiterrorista e o Banco de España anunciando que non recuperará a maior parte dos cartos que o PP e o PSOE engrazadamente entregaron  á banca, entre a orde de requisar urnas e impresos electorais ou intervir prelos, entre a falta de división de poderes  e un executivo zafando das súas  responsabilidades, un xuíz de Madrid vén de suspender un acto de  “Madrileños polo Dereito a Decidir” nun espazo cedido polo concello madrileño na Factoría Cultural Matadero. A falta de maior clímax catártico o PP, que vén debuxando un inexistente escenario de violencia a través da súa contorna mediática e engraxado “arsenal xurídico”, afirma agora que ceder un espazo do concello madrileño é facer “apoloxía dun referendo”. A apoloxética democrática é pecado, non así a apoloxía política do franquismo. Non vaia ser que a habelencia oratoria de “Madrileños polo Dereito a Decidir” corrompa á cidadanía madrileña e acabe por non acreditar nos deuses da polis.

O xuíz José Yusty Bastarreche é hoxe o mellor representante entre os especialistas eficientes da falta de división de poderes. Alén diso, debulla algunha das cuestións fulcrais destes días: até onde está disposto a chegar o goberno español cando nega o proxecto político que máis apoio ten arestora en Cataluña ? O que temos aquí, na resolución de Yusty, é a violencia sistémica fundamental do estatalismo centralista. Entanto unha maioría social en Cataluña revitaliza o sistema democrático representativo, interlocutorias e resolucións xudiciais coma estas afirman que é ilegal “a pretensión de realizar actos públicos en favor dun referendo ilegal suspendido polo TC e que atenta directamente e gravemente contra a unidade de España”, unha descrición involuntaria mas exacta do ambiente no que forxou o seu espírito este xuíz. 

O fascinio da resolución do xuíz Yusty Bastarreche debruza na combinación imposíbel de dous papeis distintos nun mesmo actor, como se o funcionario na sua función diexética puidera deitar a toga e facer comentarios políticos “obxectivos”, quer dicir, unha encenación de ventricoloxía no uso político da xustiza contra o independentismo que non se limita apenas á dura realidade, mas presenta sen rubor o soño de grandeza unionista como parte da tesitura  da realidade. Mais unha vez o legalismo ideolóxico como coartada ou lóxica espectral do estado que determina o que acontece na realidade social. Porque esta non importa, o que importa é a situación das forzas inmortais do Estado que brincan cos mortais mesmo sendo impracticábel e improbábel no sentido estereotípico de “unidade”- a historia nunca se movementa para atrás desa maneira- e, con certeza, acabará por o disolver.

Estorcegar a xustiza a favor dun único relato é renunciar a facer política acubillando no poder xudicial para que  faga as voltas. O que fica é a primeira resolución de prohibición do xulgado do contencioso administrativo número 3 de Madrid como expresión ideolóxica en estado puro: reduce un proxecto político abrollado democraticamente a simples  tipificación penal de conduta (ou reducionismo fáctico no plano dos dereitos fundamentais, entre o  pode ou non de pode ser dito e defendido en espazo público). Nesa xeira hai que inscribir a focalización realizada por case todas as familias mediáticas a respecto da posesión infernal do Procés de brazo dado dos “radicais” da CUP, nun intento de enxotar do independentismo os sectores máis conservadores. Esa tentativa procura deslocar o foco na tipificación de conduta permitindo ignorar asín o plano ético político (a realidade) do acontecido na Cataluña. Esta “xudicialización” en nome da democracia e da Constitución serve para encubrir a cuestión principal: a necesidade dunha análise política acaida dos intereses envolvidos na actividade política dos axentes implicados (que tamén envolve o reparto duopólico do poder e a corrupción sistémica do réxime emanado no 78).  Alégase  un argumentario a favor da interlocutoria do TC que anula o referendo axindo contra Forcadell e a Mesa do Parlament e os consellers, tutti quanti, mas o patético é que esa medida vai dirixida aos españois e non só ou principalmente aos cataláns, porque a cisión xa é un feito. O triste cadro xeral fornece o pano de fundo dun relato único  para a opinión pública española que a falta de disputa no relato, estase a fanatizar verbo da cuestión catalá. Porén, a  sociedade catalá moviméntase xa perante outro escenario, o  internacional.

O xogo de lexitimidades está a producir ataques á liberdade de prensa e de expresión. Non ten outro significado do que amedoñar a quen informa e comunica outro relato do hexemónico ou quen defende a resolución do conflito  de maneira democrática abaixo-acima, que non ao revés. Quen así o fai está a ser albo da maquinaria xudicial, política e policial do estado español.  Aquí, é claro, a representación deformada do independentismo – presentado como algo antidemocrático- acaba por retratar o ridículo de quen pretende defender a democracia (de maneira abstracta) tipificando a figura da “apoloxía do referendo” e punindo a “pretensión de realizar actos públicos” a favor do dereito de autodeterminación. Alégase unha defensa da legalidade democrática, mas na verdade estamos simplemente a brutalizar unha cidadanía da que a miúdo executivo non ten necesidade como fonte de lexitimidade agás como vicaria depositaria de voto cada catro anos.

Da maneira abstracta que enxerga o PP o legalismo ideolóxico todo iso é consistente, mas tamén é extravagante e grotesco por mostrar incapacidade para recoñecer a realidade aínda que esta se presente como acontecemento. Pura piada  que na súa desmesura usa e reproduce  a palabra prohibida nos canais de comunicación aberta, mas prohibe o seu uso no espazo público. O filósofo Giorgio Agamben afirma que o estado de excepción é a regra do estado, quer dicir, o estado de  excepción non é unha excepción do estado de dereito mas o real do Estado. O estado español non decretou estado de excepción mas axe  perseguindo adversarios políticos e representantes electos, mesmo ameazando a medios de comunicación, suspendendo na práctica dereitos fundamentais como o de reunión, expresión e información. Reaxindo aos impases da representación ideolóxico-política, Slavoj Žižek afirma: "como a orden legal existente é a orden da liberdade, quen se rebela contra ela está escravizado, é incapaz de aceitar a sua liberdade". Mais unha vez, con que xustiza estamos aquí a lidar? Cal é a forma concreta deste límite? Na resolución hai dúas facetas separadas de modo bastante básico de se referir: unha é prohibir falar en espazos públicos do que non é legal, encanto na outra a realidade é encuberta coa desmesura da resposta do poder xudicial. Xa non se trata  apenas de que o público en xeral sexa informado de maneira adecuada da dimensión do problema (liberdade de expresión, reunión e información), mas o uso retorto e abusivo do dereito, que na espuria paisaxe mesetaria serve para protexer as prebendas e dereitos dalgúns, encanto o mesmo dereito é usado politicamente contra os máis, entre outros, os soberanistas e os defensores do dereito a autodeterminación. Porque todo isto ten máis alcance do que a configuración dun novo corpo político, atinxe de cheo o campo da ideoloxía hexemónica, da democracia e dos dereitos fundamentais. De aí a necesidade de preencher ese baleiro experimentando formas alternativas de organización fronte o legalismo ideolóxico que non lle importa os bens comúns: de reunión, de expresión... Quizais algúns españois estean a descubrir que o problema español non é o soberanismo periférico mas o autoritarismo posdemocrático.  Foran prohibidos de se encontraren nun lugar público para discutir un problema porque o problema é ilegal. Eis o truque de presentar a forma deste límite como a forma da propia liberdade. Xa dicía G.K. Chesterton  que a lei é " a maior e mais ousada de todas as conspiracións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.