Calquera que comece reflexionando en canto ao título do artigo, pode pensar que soa un tanto pretenciosa esta afirmación, pero a miña intención é precisamente a de poder explicar (complexo en tan pouco espazo) porque a educación social, e en concreto a súa actividade profesional, son claves nun proceso de crise no Estado de benestar.
En momentos de caña e tasca, habitualmente os meus colegas adoito escoitarme aquilo de: “un país enfermo é aquel que prefire sacar 5000 prazas de policía e ningunha de educador social”. Atrevida afirmación, pero non tan lonxana dunha realidade que demostra, que igual precisamos un traballo de base (prevención), e non un traballo de sanción.
Como trataría vostede de evitar os delictos cometidos por menores? Atreveríase a meter nun caixón de sastre todas as persoas que delinquen sen coñecer a súa experiencia vital? Posiblemente, e anticipando a súa resposta (co seu permiso), pensaría nunha lei dura, que sancionara, que pechase en cárceres ou centros de menores…, basicamente, que busque acojonar os rapaces e rapazas para que non delincan… Conseguiríase con isto? Vostede nunca cometeu ningunha infracción? Está vostede seguro/a? A resposta deixarémola para outro momento...
Agora ben, poderíamos pensar nunha posibilidade distinta, que sería a de apostar polo traballo de educadores sociais en escolas e institutos. Educadores sociais que traballaran en resolucións de conflitos e traballaran en prol dunha proceso de crecemento integral dos cativos e cativas. Non estamos a falar de adoutrinamento, estamos a falar de educación, socialización, potenciación dunha conciencia crítica independente de quen goberne ou mande. Acaso un partido democrático pode negarse a que digamos que é innegociable o respeto ás persoas?
Imaxine que nun instituto existe unha persoa que por exemplo, en horas de titoría, se encargara de buscar recursos sobre sexualidade, sobre resolución de conflictos, sobre respeto á todas as persoas… un/unha profesional que organizara debates, videofórums, saídas a Centros de interpretación medioambiental, a Centros de Educación Especial, … un/unha profesional que coñecera e estivera realmente concienciado (este concepto o empregamos ás veces cunha facilidade que…) para mellorar a vida dos alumnos e alumnas.
A educación social propón que a xente creza a través da súa propia experiencia, que sexa capaz de superar dificultades ou, no momento de non poder facelo, conseguir recursos que así o permitan. Salvadores non, mesías tampouco… somos compañeiros de viaxe.
É obvio que o momento é complexo, pero é neste intre cando a aposta é moito máis doada: un bo futuro no presente é posible.