Aprender aprendendo

Carlos Drummond de Andrade, un dos poetas máis sólidos e frutíferos da literatura brasileira, publicou en 1985 Amar se aprende amando, un dos libros de referencia da súa produción lírica. Nos versos o escritor indícanos que “só é possivel ensinar uma criança a amar, amando-a”.

De igual xeito pódese aprender a historia construíndoa dende a investigación, o cruzamento de lecturas e interpretacións, a recollida de material en arquivos e bibliotecas, o compartir dos coñecementos entre os especialistas e os aprendices en distintos foros (non reducidos unicamente ao ámbito académico ou universitario).

The making of the english working class (1963), de E. P. Thompson, é considerado un dos libros decisivos nos estudos arredor da historia social inglesa. A interpretación do pasado, dende postulados non dogmáticos, enriquece a visión actual da historia e a comprensión dos sucesos actuais.

A investigación galega posúe traballos sectoriais sobre diversas etapas da nosa historia, nalgúns casos cun alto grao de profundidade e noutros con achegamentos moi tanxenciais. Mais carecemos, na miña opinión, dunha obra completa ou xeral de Galiza coa suficiente magnitude, discusión previa e contraste que a cualifique de imprescindíbel.

A investigación galega posúe traballos sectoriais sobre diversas etapas da nosa historia, nalgúns casos cun alto grao de profundidade e noutros con achegamentos moi tanxenciais. Mais carecemos, na miña opinión, dunha obra completa ou xeral de Galiza coa suficiente magnitude, discusión previa e contraste que a cualifique de imprescindíbel.

Coa cita á obra de Thompson pretendemos pór en escena, por exemplo, a necesidade dun estudo arredor das formas de organización e expresión da sociedade traballadora nesta terra, comezando polas primeiras accións adoptadas no inicio da industrialización. Reparemos na loita nos estaleiros de Ferrol na segunda metade do século XVIII ou as mulleres da Fábrica de Tabacos da Coruña de inicios do século XIX. Á luz das análises de Thompson, e doutros persoas historiadoras, sospeitamos a existencia dun nivel de organización (moi embrionario) entre aquelas traballadoras. Por iso cómpre saber como era esa forma de relación, as vías de comunicación (sociedades de correspondencia?) ou os lugares de encontro para a discusión (sociabilidade popular de tipo laboral).

Os descubrimentos de novo material arquivístico e hemerográfico posibilitou un mellor coñecemento de etapas cruciais na formación da realidade moderna de Galiza. En El idioma de la razón (2008), de Martín González, atopamos numerosos datos e explicacións sobre a introdución do pensamento liberal a finais do século XVIII ou sobre os centros de debate máis irradiación dos seus fundamentos por medio de círculos sociais privados ou públicos (pensemos nos parladoiros de rebotica ou na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela). Do que imos sabendo podemos axexar unha forte raizame do liberalismo na nosa terra o que podería explicar, como hipótese, as tendencias ideolóxicas e estéticas dominantes no romper do século XIX, que determinará por exemplo a forte pegada progresista no movemento provincialista así como na produción literaria.

Do que imos sabendo podemos axexar unha forte raizame do liberalismo na nosa terra o que podería explicar, como hipótese, as tendencias ideolóxicas e estéticas dominantes no romper do século XIX

Estes feitos son, máis ou menos coñecidos, pero apenas hai análises das ligazóns estabelecidas entre as distintas xeracións e do impacto no pobo galego do propio pensamento. Un engado: cómpre tamén revisitar o rol xogado por estes liberais na configuración e construción dun discurso da nación galega.

Celebramos os 150 anos da publicación de Cantares gallegos de Rosalía, editado por Juan Compañel en Vigo. Noutros lugares temos descrito a tarefa e vida do citado editor compostelán. Aquí, entroncando co que falamos antes, quixera anotar que Compañel foi impresor dun dos primeiros (senón é o primeiro) xornal de tendencia marxista: El Eco de la Clase Obrera (1855), dirixido por un tipógrafo catalán e que saía en Madrid. Incluso, engadimos máis: no seu taller publicouse o manifesto dos obreiros Joaquín Molar e Juan Alsina que reivindicaban o dereito de asociación.

A presenza de Compañel, e doutros galegos residentes en Madrid na metade do XIX, en determinados ambientes ideolóxicos merece unha reflexión prolongada para comprender as influencias exercidas, por exemplo en Rosalía, a partir da difusión das ideas na prensa galega (pensemos en La Oliva e El Miño, dirixidos en Vigo polo citado Compañel e que foron cabeceiras xornalísticas constantes no matrimonio Murguía Castro).

Este baleiro no canto de laio pretende ser fonte de incitación para que a investigación galega asuma, de maneira colectiva, o reto de redactar unha historia social do pobo galego na mestura xenerosa do saber de persoas coma Antom Santos a quen hoxe se lle impide exercer de historiador. Precisamos coñecer os alicerces para termos ferramentas atinadas para descifrar o presente. Aprender, aprendendo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.