Apuntes de autoaxuda para unidades diversas

Estes días veño de rematar a lectura do libro A estraña parella. A procelosa relación entre políticos e funcionarios, obra de Carles Ramió, catedrático de Ciencia Política e da Administración na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. A obra é moi recomendable para todo aquel que dende a política teña a pretensión de acceder a cargos que levan consigo unha boa dose de xestión pública, e tamén é recomendable para aqueles que dende a xestión profesional, por exemplo xefaturas de servizo, de área, ou subdireccións,  de calquera administración, deban tratar con responsables políticos, que contan non poucas veces con escasa experiencia de xestión e as veces con nulo interese pola mesma.

A estraña parella, editado en 2012 é un  libro de cuxa lectura non me cabe dúbida que tanto candidato que nestes días se propón para formar parte de unhas ou outras listas municipais tirará ensinanzas que lle van ser de moito proveito, sempre que voto popular lle sexa propicio. A lectura  vaille servir de guía para non perderse demasiadas veces polos laberínticos corredores da administración pública e as relacións que no seu seo se conforman.

A existencia duns intereses comúns e a comunicación foron a base do éxito político dos Comités Abertos de Facultade nos anos 80 na Universidade de Santiago de Compostela

Do libro saco unha reflexión que hoxe pode ser de moita utilidade para tanta lista cidadán, tanta candidatura unitaria, que xorde chamada pola primavera xa próxima. O profesor Ramió trae a colación, cando analiza esa dificultosa relación entre funcionarios e políticos, unha afirmación que pon na boca dos expertos en terapia de parella. A afirmación non é outra que a que nos di que os elementos esenciais para unha boa convivencia son dous: os intereses comúns e a comunicación. A importancia destes elementos debería ser indiscutida, non so na relación da parella sentimental, ou na relación entre dous elementos diferentes,e necesarios, da xestión pública: funcionarios versus políticos. A necesidade da combinación destes dous elementos tamén se pode predicar como imprescindible para a creación e consolidación doutros tipos de unidades.

A existencia duns intereses comúns e a comunicación foron a base do éxito político dos Comités Abertos de Facultade nos anos 80 na Universidade de Santiago de Compostela. Eses dous elementos foron tamén a base do éxito político do Proxecto Común que converteu o BNG na alternativa ao Partido Popular. Nun caso e noutro a imposición de intereses que unha boa parte, aínda que minoritaria, dos CAF ou do BNG non entendían como intereses comúns levou, de forma irremediable, á crise organizativa. Noutro ámbito foi a existencia dun programa de mínimos consensuado e unha comunicación fluída o que permitiu que a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento se consolidara como a organización unitaria de referencia e representación das ONG para o Desenvolvemento en Galicia.

A existencia duns intereses comúns, en positivo, e unha boa comunicación entre as distintas partes que as conformen serán os elementos necesarios, e indispensables, sobre os que as distintas candidaturas unitarias

A existencia duns intereses comúns, en positivo, e unha boa comunicación entre as distintas partes que as conformen serán os elementos necesarios, e indispensables, sobre os que as distintas candidaturas unitarias que se están tecendo nas cidades galegas sosteñan o seu desexable éxito e a súa necesaria sostibilidade no tempo. A falta dun dos dous elementos conduce, sen remedio, á parálise, mais cedo que tarde.
Como nas parellas, a existencia duns intereses comúns non significa que cada un dos elementos que se unen, nunha Marea por exemplo, non podan ter, ademais, os seus propios obxectivos, o seu propio programa. Pero a convivencia é imposible si estes obxectivos particulares son antagónicos cos intereses comúns ou cos intereses doutras partes da “parella”.

Ás veces, debemos ser conscientes, a unidade por moi querida que sexa, por moi desexada, non é posible. Hai culturas que son incompatibles entre si, hai persoas que xa teñen demostrado a súa incapacidade para sumar a un proxecto. Sexamos realistas: hai persoas que restan. Forzar unidades por intereses exclusivamente posibilistas ou electorais pode ter uns custes para a sostibilidade da alternativa que paga a pena analizar antes de dar pasos que conducen a calexóns sen saída, que levan á organización unitaria a liortas sen fin, ata que as mesmas acaban por apagar a capacidade transformadora da mesma.

Sexamos realistas: hai persoas que restan. Forzar unidades por intereses exclusivamente posibilistas ou electorais pode ter uns custes para a sostibilidade da alternativa que paga a pena analizar antes de dar pasos que conducen a calexóns sen saída

E se o consenso sobre un programa de mínimos, os intereses comúns, é unha condición indispensable para avanzar na unidade,tamén a comunicación, o outro elemento do binomio,  non deixa de ser tamén un elemento fundamental. Como nas parellas o día a día é fonte de conflitos, e mais cando existe todo un mundo, todas as organizacións políticas coas que se compite,  que vai tentar crear eses problemas. É preciso dotar, dende os primeiros momentos, ás plataformas unitarias, dos sistemas que faciliten a toma de decisións dunha forma clara e áxil, que non poida ser posta en dúbida cada pouco, de forma que cada decisión, por mínima que sexa, poña a organización en tensión.

É preciso dotar, dende os primeiros momentos, ás plataformas unitarias, dos sistemas que faciliten a toma de decisións dunha forma clara e áxil

Da nosa historia recente podemos aprender, temos elementos dabondo para a reflexión no discorrer do goberno de coalición PSOE-BNG entre 2005 e 2009. As liortas permanentes entre os dous socios eclipsaron a acción de goberno de cada deles, mais que notable en múltiples aspectos, e foron utilizadas pola oposición, o PP, para dar unha imaxe de desunión, de improvisación, de caos permanente. O propio ex vicepresidente da Xunta de Galicia poñíao de manifesto nunha entrevista concedida a El Pais unhas semanas despois da derrota electoral de 2009 na que recoñecía a incapacidade do goberno do PSOE e do BNG para crear un espazo común de goberno.

É a evidencia da falta, mais alá dun reparto de responsabilidades pactado e cuestionado de forma permanente, duns intereses común reais. Unido á proverbial falta de comunicación entre o propio Quintana como vicepresidente e Touriño como presidente, falta de comunicación que contaxiou a todos os departamentos do goberno autonómico, salvo honrosas, e escasas, excepcións.

Non abonda cometer erros para aprender deles. Para aprender dos erros fai falta vontade de aprender.  Témola?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.