Apuntes sobre algunhas prácticas bancarias

CC-BY-SA Praza Pública

As fusións bancarias que están en marcha en España e que iniciaron Bankia e Caixa Bank dan pé a unha serie de reflexións sobre o comportamento do sector bancario nas últimas décadas que poden seren moi ilustrativas para a maioría dos cidadáns.

Quizás haxa que empezar afirmando que, de ningures, estas fusións responden as necesidades da economía e moito menos da sociedade. Responden a outras razóns que están mais relacionadas co camiño que emprenderon os bancos dende que se liberalizaron os movementos de capital e se eliminaron as diferencias entre a banca comercial e a financeira. Un camiño salpicado por crises financeiras recorrentes. Crises que teñen maiormente a súa orixe nas distintas operacións de enxeñería financeira que puxo en marcha a grande banca no seu obxectivo de "gañar cada vez mais". 

Un camiño que leva a que, por caso, utilicen con demasiada frecuencia o recurso ao apalancamento ("endebedarse mais para gañar mais") e que pon en evidencia a crecente preferencia dos bancos polas actividades especulativas. Un camiño que incrementa exponencialmente os riscos de explosión tal e como puidemos comprobar coa crise do 2008 quen deixou en evidencia como na banca de Wall Street o apalancamento oscilaba entre 25 e 45 (por 1 dólar de fondos propios pediran prestados entre 25 e 45 dólares). En 2018 o Ecofim (Consello de Ministros de Economía e Finanzas da Unión Europea) intentou poñer limites ao nivel de apalancamento da banca europea que, cun menor risco que a banca estadounidense, rondaba o 18 de media. Por caso, en España a débeda da banca co BCE supera os 250.000 millóns de euros (10% do valor dos seus activos).

Estes grandes bancos utilizan cada vez con mais frecuencia o que se da en chamar actividades bancarias na sombra. Co gallo de escapar ao control das autoridades e poder montar produtos derivados (como os fondos de inversión) os grandes bancos crean sociedades financeiras. Unha actividade que vai in crescendo nos últimos anos, chegando a representar a metade dos activos totais dos bancos. Na actualidade xestionan activos por un valor (184 billóns de dólares) que supera claramente ao PIB mundial. A finais do 2019 o BCE alertaba sobre os perigos que para o sistema bancario europeo tiña o grande crecemento da banca na sombra que acadaba nesas datas o valor de 42 billóns de euros (PIB eurozona: 12 billóns de euros).

O mesmo sucede coas actividades que se contabilizan fora de balance. Son maiormente operacións con derivados (90%) que non se contabilizan nos balances pero que son débedas. Segundo fontes do sector na grande banca española os recursos de este tipo de actividades representan mais 500.000 millóns de euros (20% do valor dos seus balances).

Finalmente están as actividades bancarias que implican aos paraísos fiscais. Cada vez son mas as transaccións da grande banca que teñen como orixe e destino os paraísos fiscais. A banca europea, gracias a existencia de paraísos fiscais na propia Unión Europea (Luxemburgo, Bélxica, Países Baixos, Gran Bretaña, Hungría, Irlanda, Chipre e Malta) pode realizar unha parte moi relevante das súas transaccións (calcúlase que sobre dous terzos) utilizando os paraísos fiscais. Transaccións que, claro está, quedan fora do control das autoridades respectivas. Oxfam nun recente estudio sinalaba que a grande banca europea (entre as que están o Banco de Santander e o BBVA) contabiliza o 25% dos seus beneficios (25.000 millóns de euros) en paraísos fiscais, sendo frecuentes os casos de grandes bancos europeos (por caso, o Deutsche Bank) que contabilizan perdas no seu estado mentres contabilizan ganancias nos paraísos fiscais.

Estes son os principais mecanismos de "enxeñería financeira" que utiliza a grande banca europea e que están na orixe das sucesivas crises bancarias últimas. Operacións que son posibles, como sinalaba ao principio, polo o seu enorme poder grazas ao seu grande tamaño que fai que sexan, segundo as autoridades, "demasiado grandes para caer" ("too big to fail").

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.