Aquel saboroso domingo montevideano

Era o primeiro domingo en Montevideo do neno emigrante de cinco anos que viña da aldea vimiancesa de Tines. Aínda non sabe o nome do país onde vai vivir de agora en diante xa que só pasaron tres días desque baixou do barco nun peirao onde agardaba o pai cunha chea de apretas e bicos. As árbores enchían as beirarúas do barrio de Aires Puros. Eran os paraísos que protexían dun sol que quentaba moito máis que na aldea. Os ollos non daban feito. Todo era novidoso. Axiña os novos nomes fixeron esquecer aos que quedaron no outro lado do mar.

Está na cama, son pouco máis das nove e media da mañá, no cuarto do apartamento exterior que alugou seu pai sobre a rúa Pantaléon Artigas case na esquina con Ipiranga.

Os pais están na cociña e vai correndo pois escoitou o son dunhas gaitas. Senta na mesa e bebe o leite con “Toddy” que sabe de marabilla. O pai explica que aquela música que se escoita é dun programa chamado “Sempre en Galicia” que se fai en “Radio Carve”. Os gaiteiros da radio soan igualiño que os que viñeran no pasado setembro a tocar na festa da Hermida Vella.

O neno emigrante está inquedo pois despois de xantar irán de visita a casa de Ramón de Castromil. Vai coñecer a Mercediñas, a filla de Ramón Vázquez de Castromil e María Rama de Torelo, que leva dous anos neste lado do mar. Os pais din que vai aprender moito con ela. A casa de Ramón está na rúa Santa Ana que está moi perto e por tanto pódese ir camiñando. Hai que pasar unha avenida chamada Propios. Hoxe é un domingo especial, di o pai, porque se celebran as eleccións presidenciais.

Antes de cruzar Propios pasa por diante un camión ateigado de xente que berra e abanea bandeiras. Non entende aquel barullo. O pai di que van votar pois estamos nun país libre que escolle aos seus gobernantes entre “blancos” ou “colorados”. Tamén comenta algo sobre que os curas, aquí, non mandan nada. Non escoita. A súa preocupación está centrada en Mercediñas. Non vaia ser que o vexa moi pequeno e non lle faga ningún caso ou tamén que non lle entenda as palabras que se usan en Montevideo.

Aquel domingo 30 de novembro de 1958 comeza unha etapa na que é feliz nun lugar no que se respira moita alegría. O sorriso de Mercediñas faille acougar moito o nerviosismo que ten no corpo. O temor vaise por completo cando a escoita dicir: “Vení, Manolito, te voy a mostrar mis cuadernos de la escuela y también traer unos lápices de colores para que hagas unos dibujos”. Ollaba os cadernos con admiración xa que Mercediñas era unha campioa que tiña boa letra e facía fermosos debuxos.

Nun momento da tarde, Mercediñas detén as súas explicacións e di: Tenemos que merendar. Vos me esperás acá, en el patio, mientras yo voy a la cocina. A merenda foi a confirmación de que a longa viaxe no “Cabo de Hornos” non fora de balde. Nunca comera algo tan saboroso como aquel “dulce de leche” que Mercediñas puxo enriba dunhas rebandas de pan. Era riquísimo pero aínda había máis sorpresas xa que o “mate dulce” que bebeu estaba moi ben. Nunca vira tal cousa. Había que botar auga quente e unha cullerada de azucre enriba dunhas folliñas verdes moi trituradas e logo chupar por unha “bombilla”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.