Arao ou arau?

Un exemplar de Uria aalge Dominio Público

Nos nomes que damos á fauna e á flora cumpriría ter un certo equilibrio entre o noso léxico patrimonial e as denominacións estándares do portugués e demais linguas romances co fin de que a nosa lingua non sexa unha anómala excepción e, así mesmo, evitar o pernicioso e estendido recurso de usar o castelán pra suplir as nosas carencias terminolóxicas.

Coido que os nomes con que a nosa ornitoloxía denomina as diferentes especies de álcidos observábeis nas nosas costas pode ser un bo exemplo do problema que expoño.

A SEO (Sociedad Española de Ornitología) recolle na súa última lista de aves da Península Ibérica (2022) a presenza nela de cinco álcidos: Alle alle, Uria aalge, Alca torda, Cepphus grylle e Fratercula arctica. Destas Alca torda, Ale alle e Fratercula arctica son invernantes, Cepphus grylle é invernante ocasional e Uria aalge é invernante e amais foi especie criadora nalgúns lugares da nosa costa ata finais do século pasado.

Os nomes en castelán e en galego que dá a SEO (Sociedad Española de Ornitología, 2022) dos cinco álcidos visíbeis na nosa península son: Alca torda – Alca común e Arao carolo, Alle alle – Mérgulo atlántico e Arao pequeno do Atlántico, Cepphus grylle – Arao aliblanco e Arao de ala branca, Fratercula arctica – Frailecillo atlántico e Arao papagaio e Uria aalge – Arao común e Arao dos cons.

Na Guía das Aves de Galicia (Baía Edicións,, 2004) hai unha lixeira diferenciación a respecto dos nomes anteriores: Arao dos cons (Uria aalge), Arao romeiro (Alca torda), Arao alibranco (Cepphus grylle), Arao piro (Alle alle) e Arao papagaio (Fratercula arctica).

E denantes o Congreso Galego de Ornitoloxía (1989) propuxo os seguintes: arao común (Uria aalge), arao de bico groso ou carolo (Alca torda), arao pequeno (Alle alle) e galo do mar (Fratercula arctica).

Se consultamos as denominacións castelás no Diccionario de Nombres Vernáculos de Aves de F. Bernis (1995) comprobamos que o castelán, en ausencia de auténticas denominacións propias, non tivo máis remedio que acudir a nomes alleos pra denominar os álcidos no seu idioma, así “alca” se toma do nome científico de xénero da especie; “arao” se toma da denominación galega e asturiana “arao/arau” adaptada á pronuncia castelá, “mérgulo” é unha adaptación do francés “mergule” e “frailecillo” é a tradución do nome científico de xénero da especie: “fratercula”.

Curiosamente o dicionario da RAE non recolle as palabras “arao” nin “mérgulo” pro si “alca” e “frailecillo”.

Porén, visto que son as costas setentrionais ibéricas onde se observan máis adoito estas aves, a nosa lingua non ten a carencia da castelá. Destarte, S. Cerradelo Gómez recolle no seu documentadísimo traballo d’Os nomes galegos das aves (2013) as seguintes denominacións populares prás cinco especies:

Arao común (Uria aalge): arao/arau nas Rías Baixas e na setentrional ría de Ortigueira, aro na costa coruñesa dende Fisterra ata o cabo Ortegal e araxo na Mariña de Lugo dende Bares coruñes ata as Figueiras asturiano (datos tirados de M.C. Ríos Panisse, 1983); e macurril, patalino, pitorro e vilarengo como denominacións moi minoritarias. Como se ve na distribución que recolle Ríos Panisse “arao” e “arau” funcionan en realidade como dúas pronuncias e tamén dúas transcricións da mesma palabra.

Arao de á branca (Cepphus grylle): sen denominacións populares.

Arao papagaio (Fratercula arctica): arau romo, aro d’altura, inverniza/invernice/invernizo, galo de/do mar e galo mariño, sendo estas últimas a máis usadas.

Arao pequeno (Alle alle): cabaciña, carolo, pío (d’auga), pito e pitorro.

Carolo (Alca torda): carolo é a denominación máis usada nas Rías Baixas, xunto a outras minoritarias como: arao bolarquento, arau boto, arau do patelo, araxo da mascada, araxo do patexo, aro ñopo ou ñopeiro, busaco, a segunda máis utilizada nas Rías Baixas, morro, romo e rulín.

O dicionario da RAG só recolle dúas denominacións pra estas especies: arao (indicando que denomina varias especies de álcidos) e carolo pra denominar a Alca torda.

Namentres que o dicionário Estraviz recolle numerosas denominacións: Alle alle – arau-piro; Alca torda – arau-rombo, arau-boto, arau-do-patelo, arau-português, arajo-da-mascada, arajo-do-patejo e carolo; Fratercula arctica: arau-loro (sic), arau-papagaio, aro-de-altura, fradinho e papagaio-do-mar; Uria aalge: arau-dos-cons. Aro e arajo son sinónimos de arau.

En portugués estas especies son: Uria aalge: airo-comum ou arau, Alca torda: torda-mergulheira ou torda-comum, Cepphus grylle: airo-d’asa-branca, Alle alle: torda-miúda ou torda-anã e Fratercula arctica: papagaio-do-mar.

E en asturiano: Uria aalge: aráu, Alca torda: pitorru, Cepphus grylle: aráu nortiegu, Alle alle: pollu marín e Fratercula arctica: gallu marín ou frairucu. No entanto, o Diccionariu Asturianu-Castellanu de X.X. Sánchez Vicente recolle os nomes de “alca” pra Alca torda, “flairín” pra Fratercula arctica e “pitorru” pra Uria aalge, xunto con “aráu”.

En conclusión, hai dúas observacións que considero pertinentes:

A primeira é que a escolla entre “arao” e “arau” é unha simple cuestión ortográfica en esencia visto que a terminación “-ao/-ao” en galego non ten carácter fonémico. Se consultamos o volume II (1995) do ALGa, no mapa 31 adicado á palabra “irmán”, comprobamos sen a menor dúbida que na distribución territorial as formas “irmao” ou “irmau”, propias do centro e leste do país, se alternan mesturadas en localidades veciñas e a miúdo se rexistran ambas nas mesmas localidades. E así mesmo podemos verificar consultando o Gran Dicionario Xerais da Lingua que as palabras patrimoniais con esta terminación se recollen con ámbalas vogais finais. Ex.: arao/arau, bacallau/bacallao, callao/callau, grao/grau, pardao/pardau, pau/pao, romeu/romeo etc.

Mais se ámbalas terminacións son lexítimas, que motivo leva á RAG a escoller a forma “arao” en detrimento de “arau”, cando a primeira coincide co castelán e a segunda co portugués e mailo asturiano, as nosas linguas veciñas e máis asemelladas?

E a segunda, é que o galego ao usar basicamente o mesmo termo “arao” pra calquera especie de álcido, pois así o fai coas especies que se poden observar nas nosas costas, é a única lingua do noso contorno que decide tal escolla, obviando as diferenzas morfolóxicas que hai entre os diversos xéneros dos álcidos e empobrecendo o noso léxico zoolóxico ao empregar unha mesma palabra xeral prás 25 especies de álcidos que hai clasificadas. Destarte, o inglés usa os termos murre ou guillemot pró xénero Uria, guillemot pró xénero Cepphus, auk prós xéneros Alca, Alle e Pinguinus, murrelet prós xéneros Synthliboramphus e Brachyramphus, auklet prós xéneros Ptychoramphus, Aethia e Cerorhinca, e puffin pró xénero Fratercula; o francés as denominacións de guillemot pra Uria, Cepphus, Synthliboramphus e Brachyramphus, pingouin pra Alca e Pinguinus –en francés as aves que nós chamamos pinguíns reciben os nomes de manchot e gorfou segundo as especies–, starique pra Aethia e Ptychoramphus, mergule pra Alle, e macareux pra Cerorhinca e Fratercula; o italiano emprega uria pra Uria e Cepphus, gazza marina pra Alca e Alle, alca pra Pinguinus, alca minore pra Aethia, Cerorhinca e Ptychoramphus, urietta pra Synthliboramphus e Brachyramphus, e pulcinella pra Fratercula; o castelán usa os nomes de arao pra Uria e Cepphus, alca pra Alca, Cerorhinca e Pinguinus, mérgulo pra Aethia, Alle, Brachyramphus, Synthliboramphus e Ptychoramphus, alcita pra Synthliboramphus, e frailecillo pra Fratercula; e o portugués designa con airo a Uria e Cepphus, con torda a Alle, Alca e Pinguinus, con mérgulo a Aethia, Cerorhinca, Brachyramphus, Synthliboramphus e Ptychoramphus, e con papagaio-do-mar a Fratercula (Aves do Mundo – Lista de Nomes Portugueses, 2021).

Seguindo os exemplos anteriores, na súa proposta de nomenclatura zoolóxica adicada ás aves A Chave_Os nomes galegos das aves (2019) propón as seguintes denominacións pra tódolos xéneros dos álcidos: “arao” prós xéneros Uria, Cepphus e Pinguinus, “carolo” prós xéneros Alca e Cerorhinca, “pito” ou “pitorro” prós xéneros Alle, Brachyramphus, Synthliboramphus, Aethia e Ptychoramphus, e “galo do mar” pró xénero Fratercula. Eu corrixiría “pito” por “pito mariño” pra evitar a confusión cun substantivo tan común e preferiría adoptar o lusismo “papagaio do mar” ou “papagaio mariño”, moi próximo a “arao papagaio”, porque “galo do mar” ten o fallo de que tamén se usa popularmente pra outras especies de aves; ademais, ámbolos nomes estarían abalados por outras denominacións ornitolóxicas similares: aguia mariña, anduriña do mar, corvo mariño ou perdiz do mar. No entanto, parece, sen dúbida, unha mellor proposta cá simplista adoptada actualmente pola ornitoloxía galega.

Mapa da distribución das denominacións de Uria aalge segundo M. C. Ríos Panisse: ©

Apéndice:

Mapa da distribución das denominacións de Uria aalge segundo M. C. Ríos Panisse:

Localidades onde se rexistra Arau: A Guarda, Panxón, Bouzas, Cesantes, Cangas do Morrazo, Portonovo, O Grove, Cambados, Vilanova de Arousa, Ribeira, Aguiño e Muros nas Rías Baixas, e Cariño e Espasante na Ría de Ortigueira.

Localidades onde se rexistra Arao: Caminha, Bueu, Mogor, Cambados, Carril, Rianxo, Escarabote, Portosín, Noia, Abelleira, Lira, Ézaro e Sardiñeiro nas Rías Baixas.

Localidades onde se rexistra Aro: Muxía, Camariñas, Laxe, Corme, Malpica de Bergantiños, Caión, Sada, Miño, Mera, Ares, Pontedeume, Mugardos e Cedeira na costa da Coruña, Rinlo na Mariña luguesa e Carril na Ría de Arousa.

E localidades onde se rexistra Araxo: Bares na Coruña, Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo na Mariña luguesa, e As Figueiras nas Asturias.

Hai dúas localidades que rexistran dúas formas diferentes á vez: Cambados (arau e arao) e Carril (arao e aro), ambas na Ría de Arousa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.