Arriba España, pero non cos meus impostos

O nacionalismo españolista, ese que mantén unha imaxe etérea, abstracta e completamente afastada da realidade dun país que segue negando a súa propia identidade social, que é a diversidade cultural e nacional dos pobos que a compoñen.

Mantén unha imaxe etérea, abstracta e completamente afastada da realidade dun país que segue negando a súa propia identidade social, que é a diversidade cultural e nacional dos pobos que a compoñen

Ese Españolismo profundo que se sustenta en simples arengas de patria e liberdade, ten o seu máximo esplendor nun deporte como o fútbol, no que se manifesta sen ningún tipo de complexo, coas vitorias da selección nacional, nas que se mitifican ata extremos ridículos figuras de cartón pedra, non xa deportistas, no senso máis puro da verba, senón meros produtos do capital, usados como comerciais das grandes transnacionais para dicirlle ó común cidadán (que ó final e quen paga todo este circo) en que debe gastar o cada vez máis precario salario que consegue traer á casa.

Este sentimento patrio, solemne e profundo, tan difícil de analizar dende o punto de vista racional, parece ser compartido por unha grande parte deste país

Este sentimento patrio, solemne e profundo, tan difícil de analizar dende o punto de vista racional, parece ser compartido por unha grande parte deste país, sen importar demasiado  a xeografía, tanto un señor de Murcia como un da Coruña poden porse de acordo nisto.

Nembargantes, o que xa non está tan claro é o patriotismo económico, asiduamente vemos a este tipo de actores (porque o que fan é interpretar un papel, o fútbol fai moito que deixou de ser só un deporte) vencellados a movementos solidarios e prestando a súa imaxe de forma desinteresada para fins altruístas, o punto onde remata a coherencia é á hora de contribuír ca sociedade cunha pequena parte das rendas percibida, o que todos coñecemos por pagar impostos. Cada vez máis decotío vemos estes excepcionais asalariados tentar evadir as súas responsabilidades con tódolos cidadáns dese ou deste país ó que tanto amor parecen profesar.

Cada vez máis decotío vemos estes excepcionais asalariados tentar evadir as súas responsabilidades con tódolos cidadáns dese ou deste país ó que tanto amor parecen profesar

Porque á fin, una nación son os cidadáns que viven e forman parte dela, o sentimento de amor pola terra é algo que os galegos mamamos dende ben pequenos, sobre todo os que nos criamos no medio rural, pero ese apego polo chan non pode existir sen un profundo respecto pola xente que pode compartir ou non ese punto de vista. Ese sentir é algo que parte do noso sistema límbico, e por tanto non pode ser racionalizado por una estrutura cerebral superior, en consecuencia é algo sincero e verdadeiro, por iso os que de verdade queremos o país onde nacemos pagamos os nosos impostos e non buscamos fórmulas para evadilos, os que vivimos namorados da idiosincrasia da nosa xente non temos contas en Suíza, os que en fin loitamos para vivir nun país xusto, non facemos escarnio ou espectáculo da solidariedade, non facemos doazóns mediáticas para caridade, contribuímos con maior ou menor gusto co que nos corresponde, porque ese é o deber de alguén que ama a súa terra, ser patriota é pagar impostos, é contribuír ca xente menos afortunada, e se por casualidade ou causalidade se pagase relativamente pouco, o deber dun bon patriota é reclamar esta inxustiza social e esixir pagar máis.

Os patriotas non son os que fan bandeira (e nunca mellor dito) dun símbolo nacional, eses a única patria que coñecen é o seu peto

Engalanarse cunha bandeira Rojigualda está moi ben para un momento de xúbilo, pero se a acción non vai máis aló, non serve de nada, por moito que se repita implicitamente nos medios de comunicación da meseta central, os patriotas non son os que fan bandeira (e nunca mellor dito) dun símbolo nacional, eses a única patria que coñecen é o seu peto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.